miércoles, 4 de enero de 2023

UN ACCIDENTE

Teño que andar para atrás. Si, xa sei que moita xente anda ás veces un pouco para atrás. Quen non deu uns pasos atrás na súa vida?; e non só pasos de baile. Eu teño que andar para atrás xa para sempre. Tiven un accidente co burro e reviróuseme o pescozo de tal maneira que ningún doutor foi quen de volvelo ó seu sitio.


O accidente foi algo estúpido, algo esperpéntico pero, como se ve, moi grave. O burro corría a unha velocidade tal que nunha curva da carreira dos Poulos derrapou contra unha parede e eu saín despedido con forza para dar un bo trompazo contra esa mesma parede. Menos mal que non tardou en pasar por alí Gumersindo, O Capador, que axiña chamou ás asistencias.

Xa dado de alta do hospital, quixen probar de andar de forma normal, ou sexa, cara á adiante, pero claro, esnafrábame contra todo. Porque non vía. E non podía torcer a cabeza. Non me quedou nin me queda outra que andar para atrás. Éme complicado pero é o que hai. Cada vez collo máis experiencia e noto como os pasos son máis rápidos e máis seguros, máis firmes. O esencial é a seguridade, xa que a rapidez... Chegoume ben como era antes, que me chamaban O Apresurado. Ó principio tal seguridade era tan pobre que máis dunha vez pensei que, ó mellor, cun golpe dos que levaba, a cabeza volvía á súa posición. Non houbo maneira. Agora eu ando para atrás e o Gervasio anda cunha pata rota. Accidentes que se atopa un polo camiño da mala sorte.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Luns, 2 de xaneiro de 2023

 

martes, 3 de enero de 2023

A VISITA

Case todo o mundo dicía, opinaba e incluso se alporizaba comentando que a luz que brillaba alá na distancia, alá na ladeira da serra de San Mamede era a luz do sol que reflectía nun cristal. Eu sabía que non. Porque tal reflexo tamén se vía polas noites. Eu polo menos víao desde a Aira de Arriba de Baños de Molgas. E non todas as noites. O motivo non sei cal era. Alguén poderá pensar na bombilla dunha casa e que algunhas noites estaría apagada. Dáse o caso que alí non había tal casa. Que alí tiña que haber algo máis que o simple reflexo dun cristal.


A mellor forma de sabelo era indo alá. Para alá marchei, sen perder de ollo a localización, o lugar. Sabía que cruzando o monte Medo perdería por moitas veces tal reflexo, tal luz, tal faro, tal brillantez. Non sei por que (quizais porque sempre fun algo fantasioso, galáctico, espacial), pero de camiño xa fun pensando en algo de fóra de aquí. Si, en algo extraterrestre. A ver, por que non?

Cheguei medio esgotado de tanta subida. Pero cheguei. E aquilo de “pensa mal e acertarás” foi coma o tiro ó pombo: que atinei á primeira. Alí estaba; unha nave espacial con forma de formigoneira e que facía exactamente igual que esta: daba voltas e máis voltas. Mirei, examinei, busquei, pero nada vin. Seguro que o tipiño, digo o alien ou extraterrestre estaría tamén a vixiarme. Regresei a Baños de Molgas coa certeza de que alguén nos visitara.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 30 de decembro de 2023

 

lunes, 2 de enero de 2023

BUSCANDO ALGO

Busca e encontrarás. Non sempre. Farteime de buscar e non atopei o que buscaba. Buscaba algo. Por unha rúa máis longa que os días de maio e volvín coas mans baleiras. Case fun deica o infinito e máis alá e ese algo brillou pola súa ausencia. Andei un paso detrás doutro, andei un minuto detrás doutro e andei mentres escoitaba un tema musical detrás doutro. E nada de nada. Nada do que eu buscaba, claro. Porque en toda esa rúa que semellaba que non tiña fin, non atopei ese algo.


Cansado xa un pouco, deixei que a imaxinación buscase a maiores algunha outra cousa. Dábame igual o que. Sei que cheguei a buscar corvos que, na cidade, non é que abunden moito. De esguello buscaba matrículas que acabaran en 5, por exemplo. Buscaba recordos na miña memoria que, eses si, asomaban a esgalla, a darlle cun sacho. Por certo, mesmo cheguei a buscar sachos colgados en algún escaparate. Son moito de sachos. Quizais porque sufrín a causa deles. E o masoquismo está nun.

Ó final, o esencial, aquel algo que buscaba non apareceu. Polo que rematei buscando ó propio demo. Que este si axiña asomou. Estaba en min. Xa que empecei a esbardallar a máis non poder. Contra ese algo que non apareceu e contra esa impotencia que me venceu. Seguirei buscando. Noutra rúa máis longa. Seguro que ese algo o atopo na rúa máis curta. Seguro. Case é lei de vida.


Bar Paco. O Vinteún (Ourense). Venres, 30 de decembro de 2022

 

domingo, 1 de enero de 2023

O PEOR DÍA DO ANO!

Dicir Ano Novo é dicir esperanza, é dicir ilusión, é dicir alegría. Eu digo que é o peor día do ano! E con moita diferenza. Se trouleas a noite anterior (que a maioría troulea), o día 1 de xaneiro levántaste tarde, mal e nunca. Alá vai medio día perdido. Logo, hai familias nas que uns se levantan e outros non. O que significa que “a gran comida” do día máis ilusionista nin é xantar nin é nada. E os que comemos, que é o que comemos? As sobras da Noite Vella! Pero como tampouco hai moitas ganas de comer (lembremos que nos erguemos da cama moi tarde), esas sobras seguirán sobrando ata a fin dos tempos.


Logo, para máis aquel, apareceu o día que apareceu no primeiro día do 2023: que non deixou de chover desde o ano pasado. Empezou a chover aí sobre as seis da tarde do derradeiro día do ano anterior e aí segue. Dez horas e cuarto máis tarde segue dálle que dálle, cae que cae. O peor día do ano!

Queda aínda o máis bonito, é dicir, o máis esperpéntico: que onde tomas un café? Entre que caeu en domingo (e moitos bares pechan xa en por si os domingos) e entre a festa que é... hai que percorrer case toda A Valenzá para atopar algunha cafetaría aberta. O paseo non mo quita ninguén, pero que me quiten o café, iso si que non, eh. Iso son palabras maiores, ou sexa, inconvenientes enormes. Grazas a Deus encontrei un e xa estou algo máis contento. Pero o día 1 de xaneiro, o día de Ano Novo, o día dos grandes desexos, das grandes ilusións e das grandes esperanzas... é o peor día do ano!


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Domingo, 1 de xaneiro de 2023

 

sábado, 31 de diciembre de 2022

ALÁ FUN!

Hai xa uns días que lles dixen ós meus que cando morrese me puxeran o seguinte epitafio: “Alá vas! Escribe o que vexas”. Acabo de ir e, maldita sexa, non vexo nada. Tan só escuridade. Non vexo, pero si sinto. Sinto que me fun e, fóra de catro gatos, digamos familiares, a ninguén se lle acabou o mundo porque me fora. O camiño é escuro pero sentín claramente como os vermes empezaban a facer das súas. Por pouco tempo, grazas a Deus, pois como teño pouca carne, logo chegaron ós ósos. E nos meus non rilla calquera bicho.


Como o cranio aínda é moito máis duro de roer, seguen aí medio aletargados algúns recordos. Algúns recordos do meu pasamento, digo. Como que lles insistira ós meus que me enterraran baixo o son da banda sonora de “Baixo o fogo”, de Jerry Goldsmith. E que me puxeran sobre o peito algún libro de lectura. Por se aquel.

Por se había vida no máis alá e tiña opción de facer algo. Nin morto me quero aburrir! A ver, en principio non hai nada. Xa dixen: só escuridade e silencio. Silencio moito. Escuridade aínda máis. Os vermes metían algún ruído cando o intentaron cos ósos. En principio nada, pero... e se pasados uns días hai algo? Se máis alá do infinito aínda ruxo un pouco? Se o meu pasamento só foi un instante de dúbida, un lapso de existencia? Non, o que foi xa foi. E non hai volta. Pouco máis podo dicir; que alá fun e que escribín o que vin, perdón, o que sentín.


Café O Chicote. A Valenzá. Xoves, 29 de decembro de 2022

 

A ARGALLADA DOS DEREITOS HUMANOS

Feliz ano 2023. Porque levamos xa un día do mesmo. E sei seguro que, coma todos os anos, cada 31 de decembro, no momento das badaladas, no instante en que comemos ou tragamos as uvas, os desexos de cada un enchen o niño da nosa conciencia. Todo é unha farsa, unha falacia. Moita bondade nese momento e pouca memoria no transcurso dos minutos.


Se hai algo que está por enriba de todo (vale, exceptuemos a saúde) son os dereitos humanos. Estes, ano tras ano, desexo tras desexo non tardan en converterse en auga de bacallau. Deuse a coincidencia de que durante todo o mes de decembro pasado; é máis, durante a segunda quincena lin dous libros e vin dúas películas que me amosaron que tales dereitos humanos, tal declaración universal dos mesmos é unha das grandes e maiores argalladas que existen, que o seu preámbulo e os 30 artigos ditáronse e escribíronse para a galería.

O libro Desde el país de los blancos, de Ousman Umar, fala das pateras, das calamidades dos inmigrantes chegados de África, do racismo a causa da cor de pel dos africanos e do trato e subsistencia nos países “civilizados”. Certo que o protagonista tamén fala da felicidade, de cando unha familia branca o acolleu coma un ser humano normal e corrente. Pero para chegar a ese instante, pasou as de Caín e Abel, como se adoita dicir.

O libro Esclava de la libertad, de Ildefenso Falcones, conta a historia de dúas mulleres en épocas distintas: a Cuba escravista colonial e a España do século XXI, e todo baixo o prisma do racismo e as inxustizas, tanto na Cuba do século XIX e mesmo na España da actualidade. Que si, que o dixen sempre: que agora mesmo somos uns dos países máis racistas do mundo e aínda hai moita escravitude.

A película E-Team é un documental devastador sobre certos conflitos en países rexidos por gobernantes sen piedade e sen alma. E o filme Nacido en Gaza é outro documental sobre a vida de dez nenos entre as bombas que lanza sobre Gaza de cando en vez, ou sexa, moi a miúdo ese fillo putativo dos Estados Unidos chamado Israel. O horror da guerra, logo de pasadas esas badaladas nas que todo é de cor de rosa ata que a memoria mingua no recanto da indiferenza e da maldade. E mingua en cada capítulo dos dereitos humanos.


Finca Fierro. Sábado, 31 de decembro de 2022

 

jueves, 29 de diciembre de 2022

CLARIVIDENCIA

Clarividencia, me dixeron. A min, que adoito ver todo escuro. Polo día asoman os soños nocturnos e pola noite xa é noite... pecha. As nubes, no mal tempo, son todas escuras. No bo tempo... deixémolo estar. Clarividencia, e o chocolate escuro. Escuro é o consolo triste e o berro seco. Escuro é o ruído que rebenta e os sentimentos cegos.


Clarividencia, me dixeron. A min, que sempre escribín sobre as follas brancas dun caderno e que nelas esgacei ideas, opinións e dicires que ninguén se atreve nin a murmurar; moito menos a rosmar. Son claro coma un asubío morriconiano e como o ouleo potente, inmenso e bonito do lobo. Son claro coma o día que clarexa e como a pinga de orballo nunha xesta.

Clarividencia, me dixeron. A min, que son máis claro cá auga e mesmo máis claro cá clara dun ovo. E toda a escuridade que vexo deixo que a claree a ilusión dun recordo, de todas as lembranzas de hai un tempo. A clarividencia da escuridade está no reflexo dese sentimento que se ve a través do pequeno bafo dun espello. Hai luz na fin do túnel, adoitan dicir. Haina. Como hai esperanza no imposible da realidade ou na realidade do imposible. Sempre hai esperanza.

Clarividencia, me dixeron. A min, que vivo do conto. E do que non conto. A min, que tras a capa de escuridade que pinto, se furgo, se raño, se escaravello, se fochico sempre aparece a claridade, o branco, a lucidez.


Café O Chicote. A Valenzá. Martes, 27 de decembro de 2022

Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 27 de decembro de 2022