martes, 31 de enero de 2023

CEA AMERICANA EN MOLGAS

O día 2 de setembro de 1928 ó meu pai quedábanlle 24 días para cumprir 10 anos e miña nai tiña tan só 7. Seguro que aínda nin se coñecían. E seguro tamén que non sabían o que acontecía ese día no balneario de Baños de Molgas. Hoxe, máis ou menos, xa pode ir calquera a un balneario, sexa para “tomar as augas” ou sexa por solaz. Pero se nos anos 60 e 70, na miña infancia, aínda había “clases” na vila molguesa, imaxinade nos anos 20. É dicir, que non ía calquera a tomar as augas ou a gozar duns días.


Por iso o día 2 de setembro de 1928 imaxino á xente de “clase bien” na cea americana que o balneario lle dispensou ós bañistas. Esa cea adoitaban facela polo menos unha vez ó ano. Aínda que tamén é certo que dependía das personalidades que houbese; había anos que se celebraba máis dunha cea. Na dese ano 1928 asistiron unhas certas personalidades que lle deron aínda máis empaque a tal evento; desde o ex ministro Luis Rodríguez de Viguri ata o doutor Roberto Novoa Santos, pasando polo gran empresario Evaristo Castromil, don Virgilio de la Vega e o tamén doutor Manuel Villar Iglesias.

Varias músicas e gaitas do país amenizaron a festa á que, segundo contaron as crónicas, unha marabillosa iluminación facía moito máis fermoso o acontecemento. As cousas ben feitas, ben parecen. Naquela época a iluminación... brillaba pola súa ausencia. Mais xa se sabe, a clase alta merecía esas distincións e máis. Remato coa simulación dunha praza de touros: que o aforo estaba a tope grazas á asistencia de moita xente procedente de Ourense.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Mércores, 25 de xaneiro de 2023

 

lunes, 30 de enero de 2023

LATAR A ESCOLA

Latar a escola era unha aventura marabillosa. Para algúns, perigosa e, para un servidor, moi perigosa. Marabillosa polo mero feito de non asistir ás clases e pasalo ben. Perigosa pola rifa ou castigo do mestre don Graciliano. Moi perigosa para min porque, a maiores da reprimenda ou castigo do mestre, estaba, ai Deus, a disciplina férrea da miña nai. O da disciplina vai polas labazadas e malleiras da Lola da Amparo. Esa non andaba con lerias. E non atendía a explicacións. Non obstante, nunca a denunciei e nin hoxe a denunciaría.


Por iso do medo á nai, só recordo de latar a escola unha vez. Case seguro que ningunha máis. Polo dito: a Lola era moita Lola. Ese día (creo que eramos dous ou tres) largamos para unha poula que había enfronte do Muíño da Luz, na que, das follas dun carballo, non tardamos en esmagalas para facer ou disimular picadura de tabaco. Tal picadura espallabámola por un cacho dunha folla de La Región e, ale, chupando que é xerundio. O vicio, antes dos dez anos, xa se vía que era grande.

Agora mesmo tampouco recordo se latamos a escola pola mañá ou pola tarde. Porque o asunto tamén moi perigoso estaba no maletín que, ás veces, o deixabamos na aula e despois... como o recollías? Se ías por el atopábaste con don Graciliano e, ó mellor coa súa regra disposta a recordarche a falcatruada cometida. Se non ías polo maletín... como para presentarme ante a Lola sen o maletín! Latar a escola era bonito pero moi perigoso.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Martes, 24 de xaneiro de 2023

 

domingo, 29 de enero de 2023

DE ESTREA

Alá vou de estrea. Agora dáseme por aproveitar cadernos ou axendas que me regalan os rapaces para que escriba nelas. E como non me gusta tirar nada, pois niso estou: empezando unha axenda que, si, a maiores de axenda, ten as súas cento e pico páxinas (ou máis) para que nelas desenvolva o de sempre: Pingas e máis Pingas de Orballo. Nesta, ó mellor, igual cae algún Recuncho Hebdomadario (adoito escribilos sobre o propio ordenador ós sábados, que é cando vou á aldea da muller e, ó volver, nos cafés, teño que ler os xornais que aínda non puidera ler, polo que non acostumo escribir) ou calquera outro escrito. Aínda que son moi ordenado, moi metódico, ás veces, son imprevisible.


O caderno que rematei tiña as follas todas en branco. Esta axenda tenas cuadriculadas. A min dáme igual. Apáñome o mesmo. Ata non hai moito apañábame sobre os paniños de papel que poñen nas mesas e nas barras dos cafés. Tampouco me importa pedir algo sobre que escribir (un folio, un cacho de papel...) cando me encontro con que non teño nada a man. Aínda que procuro traer sempre algo comigo, hai días ou momentos que, polo que sexa, ando coas mans baleiras. O que é certo é que non podo perder o tempo pensando nos biosbardos ou estando na inopia mentres tomo un café. O tempo, por veces, non pasa, é aburrido, pero é ouro; así é que hai que aproveitalo. Para ben ou para mal, aprovéitoo. A realidade é que mato o tempo.

Feita a estrea, e como dicía aquel, agora se chove, que chova.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Luns, 23 de xaneiro de 2023

 

sábado, 28 de enero de 2023

VIOLENCIA

Vivimos a base de mortes. Frase rara pero real. Non hai un día no que, ó abrir o xornal, calquera periódico, case todo son noticias de mortes, secuestros, violacións, incluso auténticas aniquilacións. E isto case sen comentar para nada o das guerras. Que se violencia de xénero, que se atentados. Que se accidentes provocados...


A mellor proba está nas propias declaracións do presidente de Estados Unidos, Joe Biden, que empeza a pedir a prohibición das armas no seu país. Porque resulta que no que vai de ano, ou sexa, nun mes xa houbo 39 ataques que ocasionaron mortes ou feridos graves. Sae a máis dun ataque diario. E aínda que Xamaica non asome moito polos periódicos (polo menos a min non me soa ler nada sobre conflitos violentos aí), pois resulta que está considerado o país máis perigoso do mundo cunha taxa de homicidios do 44,95%. Iso é unha barbaridade! Un país con menos de tres millóns de habitantes, só no ano 2020 morreron de mala maneira 1.331 persoas.

A Xamaica séguenlle Venezuela, Lesoto, Honduras e seis países máis dos chamados “pequenos”, ata chegar a un “grande”, no posto 11: México. Nos pequenos, que semella que sería máis fácil convivir, pois nada, o tiro pola culata. Gústalles andar a partir as peras.

Non quería falar das guerras, que bastante temos xa coa de Ucraína, polo que representa e polo tempo que leva. Pero é que acabo de saber que nunha rexión de Etiopía duns seis millóns de habitantes houbo xa 600.000 mortos a causa dunha guerra que leva dous anos dálle que dálle. Como é alá, en África, nun país deses salvaxes, esa guerra como que non vai moito con nós, e por iso nin informamos nin a seguimos moito.

Nós seguimos a de Ucraína, que se desenvolve na nosa Europa e na que, por certo, cada vez empezamos a meternos máis e máis (non só España, senón diversos países desenvolvidos), facendo temer ás veces se por tanto andar polo medio uns e outros non estaremos iniciando xa unha nova guerra mundial. Oxalá erre. Pero primeiro os tanques, agora xa avións... non sei, non sei. O que si sei de verdade é o que dicía ó principio: que vivimos a base de mortes. E entre mortos, claro


Finca Fierro. Sábado, 28 de xaneiro de 2023

 

viernes, 27 de enero de 2023

XUNTOS NUNHA PEDRA

El segue o ritmo da música cos pés. Ela acompaña o tema musical coa cabeza. Os dous están sentados nunha pedra, ó sol, e co mesmo auricular, o que significa que están moi xuntos, case pegados, pero sen tocarse. Non obstante, ela oe perfectamente os latexos do corazón del. El, de esguello, ve un certo rubor na cara dela. El, ós cachos, raña a cabeza. Ela, por veces, tamén quere seguir o tema musical cun leve asubío. A el faille graza a postura dos beizos dela. El sorrí.


O tempo pasa e todo cambia. Entre eles tan só cambiou o tema musical, que avanza. Aínda que tamén é verdade que unha certa calor sobe polos corpos del e dela. No alustro, no instante que vai no cambio dunha canción a outra, míranse os dous, ós ollos. O rubor dela aumenta. Os latexos del máncano no peito. Aí xa cambiou algo: un tic nervioso e desexado no que, tanto el coma ela, sen saber como (ese tic nervioso?), rozaron as pernas.

Aí o tempo non pasou. Aí o tempo detívose e todo quedou en silencio. Menos o tema musical. Pero el e ela non estaban xa como para caer na conta de que estaban escoitando algo, de que alguén cantaba. Todo, para eles, estaba en branco, calmo, plácido, quedo. Ela só pensaba que el estaba nervioso. El só vía que ela vestía de azul. Un berro na distancia de alguén rachou o silencio. Eles espertaron do soño ou da fantasía e ergueron da pedra. Soaba xa outro tema musical nos auriculares del.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Domingo, 22 de xaneiro de 2023

 

jueves, 26 de enero de 2023

Á CAZA DO GOLFO

Aproveitando que deixou de chover, collín o fouciño e marchei na busca e á caza de Clodomiro Fuster, O Golfo. Uns dicían que seica andaba ás agachadas polo monte de Pinouzos, en Baños de Molgas, mentres que outras fontes situábano nos Castros, de Cartelle. Optei por dirixirme cara á Pinouzos porque coñecía mellor a zona (media vida andando coas vacas nese monte) e porque pensaba que tiña mellores recantos para esconderse.


Desde a mesma presa da Porfía, xa revolvín matogueiras e levantei a ollada cara ás copas dos amieiros, por se lle dera subir a eles. Mesmo cheguei a inclinarme sobre o río Arnoia por se agochaba entre as carrancoñas das árbores. Da Porfía goldrei o río cara ó Río de Vide, e deste fixen o mesmo, pero á altura de Barricobos. Aquí mirei entre os penedos da barronca que baixaba da Chaira e incluso naqueles buracos que de rapaces fixeramos ó xogar á porca.

No Río Vello metinme por entre unha silveira que había á entrada e tamén nas caldeiras dos lameiros. O Golfo seguía sen aparecer. Cando me dirixín ó Guichón non tardei en velo detrás dunha toxeira. Collino pola solapa e, aínda que non son Íñigo Montoya, cuspinlle á cara: “Son Secundino Solsona; ti mataches ó meu pai; prepárate a morrer”. Erguín o fouciño, vin tanto medo nos seus ollos que, nun amén, solteino e deixeino escapar. Ó chegar a Baños de Molgas contei que non o vira, que andaría entón polos Castros de Cartelle.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Venres, 20 de xaneiro de 2023

 

martes, 24 de enero de 2023

PINGAS DE RECORDOS

Seica nevou sobre Baños de Molgas. Eu deixo caer pingas de orballo sobre un papel en branco para dicir que, non sei se é verdade que xa non neva como nevaba, pero si lembro aqueles días, varios días, nos que as vacas non podían saír da corte porque o monte estaba cuberto de neve. Lembro aquela serra de San Mamede que ensinaba o seu manto branco e que, cando diminuía, cando desaparecía, o río Arnoia non era quen de aguantar o estado líquido e ó chegar a Baños de Molgas non lle quedaba outra que asolagar a Pitediña, Os Campos, As Mestras, a Ansuíña e algunhas rúas.


A neve cubría durante días as leiras dos nabos; os que había que coller porque, as vacas, se non podían saír para o monte tiñan que comer igual a base de cubos de calda. Aínda que non houbera vacas, si había porcos ós que se alimentaban cos nabos cocidos no pote. Na collida dos nabos teño a imaxe do meu pai furgando na neve, por veces conxelada, para arrincar a carola, a cabeza do nabo. Non entendía como el conseguía collelos, cando eu nin tan sequera lograba estender por completo os dedos a causa do frío que sentía e tiña neles. E moito menos entendía como conseguía manipular no vencello ou na corda para apertar e atar o feixe dos nabos. Eu nin tan sequera levaba a cabo o facer medio nó en tal vencello ou corda. Os dedos non respondían. E doían.

Nevou sobre Baños de Molgas. Caeron pingas de recordos sobre un papel branco como a neve.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Mércores, 18 de xaneiro de 2023