viernes, 3 de marzo de 2023

DE RAPOSO VELLO

Tirei de raposo vello e quedei de pasmón contemplando o balcón da esperanza. Neses momentos, a verdade é que non había nada; catro macetas de xeranios e un tendal con dúas prendas de roupa. Pero como din que a esperanza é o último que se perde... Si, tamén comentan que o que espera, desespera. Eu son máis dos que esperan pero se desesperar; quizais porque, ó final, obtense a recompensa.


Así é que non desesperei nin desespero. Aquí sigo, sentado baixo a sombra dun piñeiro e intentando rimar os versos dun poema. Un poema moi pobre, esa é a verdade, pois a situación non dá para moito: catro xeranios, dúas prendas de roupa e o silencio preñado de ilusións.

Como can vello que son, sei que, co tempo, algo asomará no horizonte; quizais unha cor do arco da vella ou o asubío dunha rula ou o estouro dun latexo ou o berro dun consolo ou o sorriso dun alivio. Mentres non asoma, os biosbardos son unha boa compaña nesta esperanza que non mingua, que non se vai.

Aparece sobre a varanda do balcón unha folla de carballo que voou desde a distancia. A partir de aí os acontecementos precipítanse: que se abre unha porta, que ó abrirse esta, un refacho de vento move a folla, que aterra ós pés dela. Ós pés da esperanza que chegou e que asomou. O que espera, ó final, obtén a recompensa. Deixei de pasmar e marchei coa ansia bailando sobre as meniñas dos ollos.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Luns, 27 de febreiro de 2023

 

jueves, 2 de marzo de 2023

A NEVE É BONITA

A neve é branca. A neve é bonita. Hoxe nevou. E nevou en lugares nos que non pensaba que nevaría. Nevou sobre piñeiros e lameiros. Nevou sobre os coches que quedaron fóra e sobre os corzos dos Castros, en Cartelle. Nevou de noite e nevou ás primeiras horas da mañá. Caeron folerpas brancas e bonitas. Dixen que a neve era bonita? A neve é bonita.

A loba coas súas tres crías camiña nerviosa pola neve. Canto máis camiña, máis se lle enterran as patas, máis nerviosa se pon. A loba mira para adiante e para atrás, para un lado e para o outro; controlando ós fillos. Dunha galla, e a causa do vento, un bo puñado de neve cae facendo ruído. A loba asústase e chouta. As crías asústanse do susto da nai. Pero seguen xogando a furgar e a tombarse sobre a neve. Porque a neve é bonita.


Un home de trinta e algo anos asoma todo fachendoso por unha das pistas forestais dos Castros. Xactancioso e presumindo das súas gafas de sol. Intúo que as ten postas por medo ó forte reflexo do sol sobre a neve. Non obstante, sobre a neve branca e bonita empeza a caer unha néboa espesa que non tarda en diluír a neve caída.

Hoxe nevou. Pola mañá. Agora mesmo, pola tarde, xa non queda rastro de neve. E non habendo neve, a loba coas súas crías déixase ver de novo polos regatos de Xestosa. O home tamén aparece sen as súas gafas e un servidor repite unha vez máis que a neve é bonita. Porque a neve, en serio, é branca e bonita.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Sábado, 25 de febreiro de 2023

 

martes, 28 de febrero de 2023

IMITANDO A ÍCARO

Lin nun periódico camboxano ―leo de todo, mesmo en idiomas que non teño nin idea― que desde que asomou Adán, o primeiro home, por estas latitudes, vivimos enganados con respecto ó sol. Que seica nin é estrela nin cospe lapas ou labaradas de lume. O sol é un espello xigante no que se reflicte a luz dunha estrela de máis alá do infinito.

Sabido isto, e como Deus me deu ás para voar (sabe das miñas ansias de tirarme desde calquera lugar; lembrade que unha vez tireime desde a torre da igrexa de Baños de Molgas, a 30 metros de altura, e caín ben, de pé, incluso flexionando os xeonllos con certa elegancia); digo que o Ser Superior deume ás para voar para que intentase imitar a Ícaro, algo que non tardei en levar a cabo desde o alto do Corno, na Chaira de Vide.


Aínda que sei que vou vivir moitos anos, tamén sei que o sol está no quinto carallo, polo que espero, confío e desexo en chegar medianamente ben. Hai que ter en conta, iso si, que non voo á velocidade de Supermán; máis ben á do vencello, que é a uns 110 quilómetros por hora. O sol creo que está a uns 150 millóns de quilómetros... malo será que non chegue alá nun futuro.

A Ícaro derretéronselle as ás. Pero porque vivía enganado, porque pensaba que era lume o sol. Máis seguro que fose a cola dun cometa a culpable do seu desastre. Ademais, as miñas ás son ignífugas, nada as vai queimar. Veña, marcho, que teño que marchar. O tempo aprema. Amigos meus, listo para despegar.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Venres, 24 de febreiro de 2023

 

lunes, 27 de febrero de 2023

O SUPLICIO DA ACCIÓN

Din que ás veces a dúbida ofende. Eu digo que a dúbida é sempre o suplicio da acción. Tiña o obxectivo a escasos 50 metros e non sabía como chegar a el. A dúbida estaba a atenazarme de tal maneira que mesmo tiña medo. O obxectivo era grande, incluso para velo coma se estivera a un par de pasos, mais tiña que alcanzalo para collelo ou, polo menos, tocalo.


Pola esquerda había tales sombras, tal escuridade que non sabía con que me podía atopar neses escasos 50 metros. Pola dereita había tal claridade que mesmo facía dano nos ollos. Tal dano que tiña que pechalos e, non vendo, non sabería por onde ir nin para onde ir.

Pasados xa uns dez minutos da miña decisión de alcanzar o obxectivo e seguindo sen me mover, tal dúbida xa se converteu no pánico á acción. Pingas de suor escapaban, esvaraban da miña fronte. Algunhas persoas notaron a miña angustia e interesáronse por min. Mirei para o obxectivo. Non sei como chegar, dixen. Miráronme con estrañeza. Non será que aínda non empezaches a andar? Ponte a andar!, case berraron.

E botei un paso detrás doutro. A acción era sinxela; todo consistía en poñerse a andar. De fronte. Sen pensar. Quedara agarrado á quimera dunha dúbida. Simplemente había que andar. Ós 25 metros xa me emocionara. O obxectivo estaba alí, case pegado xa ó contacto da miña man. O suplicio da acción estaba na miña cabeza. Volvín esta, sorrinlle ás persoas que me animaran e nun amén abracei o obxectivo.


Café Oren Express. A Valenzá. Xoves, 23 de febreiro de 2023

 

domingo, 26 de febrero de 2023

MALAS PARA A MENTE

As películas, principalmente as ianquis, adoitan ser malas para a saúde e, iso seguro, para a mente. O outro día atopábame no Monument Valley, en plena escaramuza cos indios, e pasou o que máis ou menos vemos nos filmes: que lle disparei ó xefe Lobo Ouleando e como a bala do rifle ía a cámara lenta, ó ralentí, o carallo do indio, ó vela chegar, contorsionouse un pouco e esquivouna como lle deu a gana. Souben ó momento que a culpa era da maldita Matrix.


Claro que, segundo tal acción me foi en contra, a seguinte desenvolveuse ó meu favor: que Lobo Ouleando disparou unha frecha e, tal como en Matrix, chegou á miña altura tan en cámara lenta, tan amodiño que, non só a esquivei apartándome un chisco, senón que tiven tempo de collela coa man pola parte de atrás. O indio tamén alucinou como eu alucinara antes. Aínda que eu deille máis motivo: collín a frecha, metina entre os dentes e esnaquiceina coma se fora de cristal.

Acaecidas as dúas acción, e como non eramos parvos, nin el nin eu, berramos xuntos o mesmo: que para que seguir con tal pallasada, que así non nos matariamos nunca e nin tan sequera nos feririamos. Moneamos os dous a cabeza a un tempo e dixemos, tamén ó unísono, que, cada un, mellor para a súa casa. Lobo Ouleando subiu ó seu cabalo e marchou cabalgando a pelo para a seu campamento e eu crucei o Río Bravo, tamén en cabalo, con destino a Colorado.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Mércores, 22 de febreiro de 2023

 

sábado, 25 de febrero de 2023

ACABARÁ EN TÁBOAS

Un ano de guerra ruso/ucraína. E como confesou un analista militar seguirá para... acabar en táboas. Polo que tantas mortes, tantos refuxiados, tanto movemento militar, tanto gasto para nada. Ó principio, tal guerra foi por culpa de un ou de dous, ou por unha mexericada de nada. Agora, transcorrido xa un ano, a culpa é de todos. Tempo suficiente para negociar, intervir, meter presión, facer algo...; o que pasa é que quizais non interese. Para certos negocios é importante que siga a guerra.


Xa sei que non se pode comparar unha desas pelexas que adoitamos ver nas rúas cunha guerra, pero é algo moi semellante e cunha resolución moi sinxela. Entendemos que tal pelexa se iniciou por un cabreo dun ou de outro, mais cando notamos que o asunto se sae de nai, non tardamos en intervir para que a cousa non vaia a maiores. Por que non facemos o mesmo ante unha guerra? Esta guerra xa pasa de castaño escuro. E seguimos de mans cruzadas. Non, perdón, mandamos para alá catro aparellos de segunda man e que se busquen a vida.

Unha guerra longa que será verdade que acabará en táboas. Os mortos acabaron, acaban e acabarán no foxo, na escuridade. Os refuxiados acabaron, acaban e acabarán fóra dos seus fogares, das súas familias. E os demais seguiremos sen intentar parar esa masacre. Porque, uns, piden a fin do conflito baixo certas condicións e, os outros, piden o mesmo pero con outras condicións completamente distintas. Como se adoita dicir: uns por outros e a casa sen varrer, o traballo sen facer.

Os que si traballan son agora os concellos. As aldeas, vilas e cidades empezan a abrir as súas entrañas, empezan a estar patas arriba porque as eleccións está xa ó virar na esquina. Chegan as eleccións e as obras nótanse, vaia se se notan! E se non se notan moito, facemos que se noten: unha noticia na prensa dicindo que cegamos tal fochanca, que levantamos cal muro, que programamos tal evento ―con retranca, cultural―, que asfaltamos dez metros de estrada, que pintamos este ou aquel centro de saúde, este ou aquel centro de maiores, esta ou aquela gardaría; o caso é facer que se fai. Que non se diga que os concellos non miran polos seus veciños. En algúns si que debería haber unha guerra, e non en Ucraína...


Finca Fierro. Sábado, 25 de febreiro de 2023

 

viernes, 24 de febrero de 2023

O INSTRUMENTO MUSICAL

Secundino Troiteiro Pescantín, O Troiteiro ―por unha vez a xente non matou moito a cabeza para buscar un alcume―, colleu da palleira o instrumento musical e asentouno no ombreiro dereito. El chamáballe instrumento musical ó sacho. Porque, ó cavar, facíao con música e producía música.


Primeiro fago un inciso para comentar que, a pesar dos apelidos, Secundino non coñecía o mar e tampouco sabía o que era un río. Vivía na Galicia profunda. Tan profunda que a súa aldea asentaba nun buraco entre montañas tan fondo que case non se vía. A aldea estaba tan profunda que cada vez que chovía con moita intensidade, medio se anegaba, pero sen tempo para criar peixes.

Feita a paréntese, digo que O Troiteiro cavaba ó ritmo da música. Calquera que o vise pensaría que estaba tolo, porque, se nos seus auriculares asomaba un tema de rock, avanzaba polo rego que mesmo semellaba que estaba nunha competición de atletismo. Se o tema musical era unha balada, a súa cavadura era tan lenta que a algún veciño dáballe tempo de botar unha boa sesta antes de que Secundino rematara o rego.

E facía música co sacho porque, el mesmo, intentaba darlle ritmo ―ou non―, forza ―ou non―, altura ―ou non― ó aparello para que, ó caer sobre a terra ou sobre os pés das patacas ou millo, o golpe semellase música labrega. Ó final, iso si, sempre remataba coa mesma estrofa: un ai, ai, ai, ai de dor nos cadrís. Puto instrumento musical! Maldito sacho!


Café Oren Express. A Valenzá. Luns, 20 de febreiro de 2023