lunes, 3 de abril de 2023

UNHA CRISE EXISTENCIALISTA

Acabo de ter unha crise existencialista. Unha crise grande e forte. Por un bo tempo non souben quen era. Simplemente, non existín. Nin eu mesmo me vía, nin me escoitaba. Repito, non existía. Si vía todo o que se desenvolvía ó meu arredor. Vía xente e vía obxectos. Non me vía a min mesmo. Saudaba e ninguén contestaba. Porque nin me vían nin me oían. Non existía. Repito, nin eu mesmo me oía.


A desesperación empezaba a ser tal que incluso pensei en “despacharme”. Si, niso... no suicidio. Pero, onde espetaba o coitelo?, onde colocaba a soga para colgarme?, desde que ponte ou torre me lanzaba ó baleiro? Sen corpo, sen existencia non podía facer nada.

Unha crise existencialista que me facía suar pero sen ver a suor, que me oprimía o corazón pero sen oír os latexos, que me alporizaba a impotencia, a angustia, mesmo a carraxe, pero quedaba coas ganas de facer algo. Porque non me vía, non existía, non estaba. Notaba o baleiro. Sentía a nada.

Percorrín moitos recantos e diversos lugares coa intención de que me visen, ou, simplemente, de facer notar a miña presenza. Nada. Repito, non existía. Repito, nin eu mesmo me vía. Repito, moito menos me oía.

Menos mal que ante un esbirro que, por certo, non escoitei, todo volveu á normalidade. Digo esbirro por non dicir outra cousa, por exemplo unha milagre. O caso é que xa me vexo e me escoito e me noto e falo e aceno e chouto e río e latexo. Latexo moi forte e moi contento. Ufff, que angustia!


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Xoves, 30 de marzo de 2023

 

domingo, 2 de abril de 2023

CORRENDO CUN SAPOCONCHO

Boteille unha carreira a un sapoconcho. Unha carreira de 100 metros lisos. Cando cheguei á meta, a tartaruga aínda non sacara da coiraza toda a súa cabeza. Desespera a súa lentitude! Por outra banda, deume algo de pena. Vía que era bonita, vía que se esforzaba, pero, a pobre, non daba. Non daba máis de si.


Concertei co sapoconcho en darlle unha certa vantaxe nunha segunda carreira. Mentres eu marchaba ó centro da vila de Baños de Molgas (estabamos na Pitediña) a tomar un café. Non tardei en preocuparme algo, pois tiña medo a que a vantaxe fose de máis. Unha cousa é ser bo e outra ser parvo. Non obstante, tomei o café con parsimonia e incluso me puxen de parola cos veciños sobre, precisamente, os sapoconchos; na cantidade que había nos tempos da nosa infancia, tanto en Barricobos como na Tapada dos Ferreiros. Ó nomear este lugar lembro unha vez de cando fun buscar un carro de toxos a Sudalomba e, este ―o carro―, lle pasou por enriba a un sapoconcho. A súa coiraza escachou bastante e, realmente, non cheguei a saber se a tartaruga sobreviviu.

Logo da anécdota, marchei correndo para a Pitediña, non fora o demo que o paspán do sapoconcho me ganara a carreira. Cando cheguei, o pobre, aínda non levaría percorridos uns 69 metros. Púxenme de crequenas e marchei con el os 40 restantes, ó mesmo tempo que tamén a el lle contaba a anécdota da roda do carro co seu homólogo. Cheguei á meta con el, pero no último metro, lancei a perna para cruzar eu primeiro. Bo son, pero parvo non quero ser.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Martes, 28 de marzo de 2023

 

sábado, 1 de abril de 2023

LONGA TRAVESÍA POLO DESERTO?

Esperabamos con ansia a nova etapa da selección española de fútbol para saber como lle poderá ir baixo a batuta do novo seleccionador Luis de la Fuente. En principio e, falando claro, mal. Máis que mal, horrible. E non tan só pola derrota contra Escocia, senón polo xogo que realizou contra Noruega e por moito que lle ganara 3-0. Tampouco se pode dicir moito en contra do seleccionador, pois, a verdade, non tivo moito tempo para preparar os partidos, ou mellor dito aínda, para preparar ós xogadores. Por certo, os xogadores son os que son e temos os que temos. Non hai moito de onde rascar. Si, cada afeccionado é un adestrador, pero o que hai pódese dicir que están aí. Dáme que a nosa travesía polo deserto vai ser moi longa.


Tamén é certo, que De la Fuente pecou un pouco de vaidade, de presunción no segundo partido. Facer oito cambios nun equipo que, aínda que non xogara ben, ganou folgadamente, foi un atrevemento que lle saíu, por suposto, pola culata. Paréceme ben que faga rotacións, pero, penso, partindo dunha base. Nun equipo de fútbol ou nunha selección deberíase ter unha base de polo menos seis ou sete xogadores e, a partir de aí, rota como queiras. Pero oito dunha tacada... así lle pasou o que lle pasou. Porque, a maiores de rotar, repito, non hai moito máis de onde coller. Agora mesmo, para un servidor que, faltaría máis, como afeccionado son seleccionador, creo que non temos equipo para competir en grandes torneos. Oxalá erre ―así demostraría que non vallo nin para seleccionador―, e que no mes de xuño compitamos ben e ganemos a Liga das Nacións.

Outro por certo, e sigo dálle que dálle co tema de Nacho. O outro día, un deses que entenden, no periódico deportivo por excelencia de España, chegou a dicir algo así como que se cometera un pecado deixando a ese rapaz nun ostracismo absoluto e vendo a actuación que tivera contra Noruega. Eu tamén sigo zumba e dálle con que tivo moitos adestradores e bastantes seleccionadores e sempre estivo de suplente. As veces que xogou de titular era por lesións dos seus compañeiros. Sei que cando xoga, cumpre; si, pero tamén cumpren Kevin Vázquez no Celta, Lucas Vázquez no Real Madrid e Sergio Roberto no Barcelona, mais, xa vedes, estes tamén están case sempre de suplentes.


Finca Fierro. Sábado, 1 de abril de 2023

 

jueves, 30 de marzo de 2023

A EXTREMO!

O mércores, 23 de marzo, ó erguer da cama, fixen o que máis ou menos fago todos os días: largar a tomar café para poder ler os xornais. Cando volvín á casa vin sobre o moble que temos na entrada un sobre de Correos ó meu nome. Claro que me estrañou! Porque recibir correspondencia hoxe en día é difícil. Non tardei en saber que era; tan axiña como lin o remite: Eloy Gayán. Un libro!, berrou o meu pensamento. Seguro que é o último libro que escribiu o asturiano. Era o seu último libro, “A extremo!”, e cunha dedicatoria para este servidor que escribe. Como para non emocionarse!


Agora cada quen que pense o que queira, de que as gabanzas que van a caer aquí puideran ser por ese agasallo e esa dedicatoria. Porque o libro, de tan só 150 páxinas, será gabado pola sinxela razón de que ten que ser loado. Non se pode dicir tanto e tan ben en tan poucas páxinas. Hai moito amor e moito cariño ―e homenaxes a esgalla― en todos os temas que toca: desde a familia á amizade, desde a transhumancia ó abandono rural, desde a paisaxe ás culturas, desde a miseria da posguerra ós maquis, desde a trata dos seres humanos ata o mesmo Marcial Lafuente Estefanía.

Incluso antes de empezar a novela, cando nomea nunha das súas dedicatorias a Marcial Lafuente Estefanía, xa tiven aquel instinto de que me gustaría a historia. Creo que de todos é sabido o que significou para min ―e creo que para moita xente― ese escritor das noveliñas do Oeste. Eloy Gayán xa me demostrara en “Un puente a Peulla” que escribía ben. Escribe moi ben. E graciñas polo agasallo, pola dedicatoria e, principalmente, pola historia.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Luns, 27 de marzo de 2023

 

martes, 28 de marzo de 2023

O ELEMENTO ICÓNICO QUE FALTABA

Xusto cando remataba de tomar o café recibín unha chamada para que marchase inmediatamente para alá, que o asunto era grave. O para alá era Baños de Molgas e chamábanme para o asunto porque, hai tempo xa, son o mellor detective privado da contorna... porque son o único.


Como por teléfono non me dixeron de que ía tal asunto, recoñezo que matei un pouco a cabeza buscando as máximas gravidades. Ó chegar leváronme por toda a vila para que intentase descubrir que elemento icónico faltaba dela. En diversos esquemas virtuais sempre lles aparecía un oco e non conseguían saber quen o debería cubrir. Alí estaban todas as iconas molguesas: a ponte nova, a ponte vella, a burga, o parque Ansuíña, o parque das Mestras, a aira do Pombal, a aira de Arriba, a igrexa coa súa alta torre, o parque do Pote e a estación do ferrocarril. O oco asomaba sempre no mesmo punto, entre a burga e a ponte vella.

Sei que mirei de mala maneira a todos os que me acompañaban, mesmo lles deixei caer algún que outro insulto amigable, pero insulto, desde parvos ata paspáns e desde inocentes ata ineptos. Estaba á vista de todos e non o vían. Nin o vían no esquema nin cando os levei fisicamente ó lugar.

Esperei un bo cacho a ver se caían da burra, e nada. Tiven que dicirlles: e agora onde me sento para latricar un pouco con vós. Botaron as mans á cabeza cando viron que desaparecera o mazadoiro da burga. Como bo detective que era, non tardei en atopalo no portelo do Agriño do Secundino.


Café Oren Express. A Valenzá. Venres, 24 de marzo de 2023

 

lunes, 27 de marzo de 2023

SENTADO NO RAÍL

Sento no raíl da vía do ferrocarril e deixo pasar o tempo. Porque o tempo pasa e todo cambia. Ou non. Simultaneamente, contemplo a estación de Baños de Molgas. Pasou o tempo e ela si cambiou. Cambiou a súa fisionomía. Si, máis nova, pero mellor a outra. Moito mellor. Polo menos para un servidor. Claro que, nisto, igual me deixo influenciar pola nostalxia; por aquel tempo no que botei man dela, de cando as miñas viaxes á capital do Imperio eran un ir e vir en pontes e vacacións.


Sentado no raíl miro tamén para os arredores, para o recinto da estación, e o tempo faise memoria e a memoria convértese en recordo: de cando quedei unha noite a cabalo do burro ―e do saco de millo que levaba o burro―, porque non era quen de cruzar ás dez e pico a carballeira que levaba ó muíño do Dositeo. O medo é libre. A idade era pouca. O castigo da nai, da Lola (por algo, claro) era ese ir de noite pecha ó muíño. Así é que alí me botei media hora, unha hora ―xa non lembro― facendo tempo, coma que fora ó muíño pero sen ir. Despois, a escusa... a típica: o muiñeiro non estaba, o meu corpo de neno non daba para baixar a saqueta de 50, 60 quilos de millo degrañado.


Sentado no raíl lembro aquelas tardes de domingo nas que subiamos a estación arrapañando todas as cabichas habidas e por haber para fumalas, logo, no embarcadoiro; ben facendo cigarros, ben fumando as propias cabichas. E ninguén se contaminou. Era outros tempos. Ergo do raíl e marcho para o barrio da Igrexa, o meu barrio.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Xoves, 23 de marzo de 2023

 

domingo, 26 de marzo de 2023

A PERNA ESQUERDA

Díxenlle á perna dereita que se botase a andar. Esta no dixo nada, pero tampouco fixo nada, ou sexa, que nin caso. Eu son a perna esquerda do paisa que me leva e escribe. Sempre teño que ser eu a que inicie os percorridos e, iso seguro, a que poña o pé no primeiro chanzo de todas as escaleiras que vai subir. Isto dáme a pensar se o paisa que escribe non será futbolista. Non sei; polo detalle ese de que moitos teñen as súas manías e adoitan entrar sempre ós campos cun pé ou co outro.


Como sei que o que escribe non é futbolista (gústalle ese deporte, si, moito, pero non o practica; nin porque nunca foi bo nin pola idade xa), entón tamén se me dá por pensar se non será por cousas ou asuntos políticos. Xa sabedes, dereitas, esquerdas... Como sempre teño que ser eu a que apande, a protagonista de todas as súas manías, ó mellor é que, para el, as dereitas non son boas compañeiras para as súas “andainas” políticas. Agora que, a min, segue a darme que tal paisa é máis nacionalista. Non obstante, como perna que son, non quero dar pasos do que non sei moi ben.

Eu só sei de andar... e de apandar. Nunca mellor dito; é raro que sexa eu a que cabalgue sobre a perna dereita. Máis ben é esta a que cabalga sobre min. Cando queren, tanto ela ―a perna dereita― coma el ―o paisa que escribe― só me teñen para o que me teñen. Mesmo para que todo o seu corpo, cando nos atopamos quietos e de pé, caia sobre min. Non é de estrañar entón que teña un calo enorme na planta do meu pé desde hai xa tantos anos que nin eu mesmo recordo. Vou marchar e, claro, serei eu, a perna esquerda, a que inicie a marcha.


Café A Pedreira. A Valenzá. Mércores, 22 de marzo de 2023