miércoles, 3 de mayo de 2023

DO ÁRTICO A BAÑOS DE MOLGAS

Realicei xa tantos intentos que mesmo perdín a conta. Sei que paso dun cento. Intentos de traer bloques de xeo do Ártico a Baños de Molgas. Antes da metade do percorrido xa se me derreteran. Mais como a testán non hai quen me gane, eu seguín e sigo dálle que tumba e tumba que dálle. Entre intento e intento ou entre volta e volta fago traballar á cabeza para atopar un método factible.


No intento cento e pico moitos, déuseme por pensar no meu amigo Eulogio, O Lameiras, que é de Bilbao. Non se me ocorrera antes: os de Bilbao! Chameino e nin tan sequera veu ó meu lugar de partida; esperoume xa no camiño.

A maiores de pensar no Lameiras, tamén optei por unha xogada de vacas para darlle cambón. Ó Eulogio, claro. Aínda que, ó mellor, non o precisaba. Xa sabedes como son os de Bilbao. E se para máis carallos é amigo... Pero levei a xunta de vacas. Por se aquel.

Tan axiña como chegamos ó Ártico, nada dun bloque de xeo... un puto iceberg! Un enorme iceberg foi ó que lle botamos a man. Mellor dito, arrodeámolo con varios sedeños e foi Eulogio o que o arrastrou os primeiros metros. O puto amo! Non obstante, como a distancia do Ártico a Baños de Molgas é máis que inmensa, deille cambón ó Lameiras. A partir de aí todo foi máis fácil. Pasamos por Bilbao para que aclamaran, afoutaran a Eulogio e, chegados xa a Baños de Molgas con medio iceberg (o outro medio derretera), o recibimento foi dos de festa a rachar.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Domingo, 30 de abril de 2023

 

lunes, 1 de mayo de 2023

CHORAR O DOMINGO Á TARDE

Eu chorar chorei o domingo á tarde, di a canción. Tamén eu chorei. E tanto que chorei. De rapaz, os pais, perdón, a nai, obrigábame a ir para o monte coas vacas. O peor aínda era cando tiña que pasar pola zona dos Campos; ver ós amigos como xogaban ó fútbol nas canchas de tenis ou como se bañaban nas piscinas era como sentir máis labazadas das que xa me daba a nai cando me negaba a botar as vacas ó monte. Algún que outro domingo penso que o pai (a nai sempre foi dura coma a cerna) se compadecía un pouco de min e era el o que botaba as vacas.


Cando a miña afección á lectura se volveu xa fanatismo, era eu mesmo o que desexaba ir para o monte algún que outro domingo pola tarde. Só pensar naquelas tres ou catro horas nas que podía tragar páxinas ou mesmo libros enteiros, era como notar unha emoción subindo polas entrañas.

Pasado o tempo (porque o tempo pasa e todo cambia), un domingo pola tarde tireime todo o tempo cantándolle esa canción á muller mentres enramábamos as vides na viña da Costa da Gándara. A estas alturas non choraba (por vergonza, claro), pero que escravitude tirarse todos os domingos e festas de gardar enramando ou esfollando ou sulfatando na puta viña.

Eu chorar chorei o domingo á tarde. E que rapaz labrego non choraba? Todos os festivos agarrados ás fouces, ás varas, ás gadañas e, por veces, ós arados e carros, dependendo do traballo. Para algúns traballos do labrego non hai festivo posible.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 28 de abril de 2023

 

domingo, 30 de abril de 2023

ANDAR SOBRE AS AUGAS

Quero ser o primeiro home en andar sobre as augas. Iso que din que fixo Xesucristo é un conto. Un conto moi grande e contado sen vergonza ningunha. Podo admitir o dos pans e os peixes, porque sería fácil dicirlle ó panadeiro: trae racións dobres ou triplas que quero deixar a estes coas bocas abertas. Sería fácil dicirlle ó peixeiro: trae a pesca toda para que pensen que son un gran pescantín. Pero andar sobre as augas... iso é capítulo á parte. Ó mellor pensaba que os demais eramos parvos.

Practicamente todas as tardes de verán quería andar sobre as augas do río Arnoia ―onde está hoxe a ponte de Pinouzos― ó ir coas vacas para o monte, mais non me quedaba outra que, ou choutar de pasal en pasal ou goldrar o río. Goldreino moitas veces porque, de cativo, aínda non alcanzaban os meus saltos os pasadoiros. Ó goldrar non había maneira: os pés afondaban e afondaban, non se sostiñan sobre as augas. Tiña que remangar o pantalón ata polo menos os xeonllos se quería cruzalo. E había que cruzalo porque as vacas xa estaban no outro lado.


Outra cousa era se levaba o burro (non se levaba sempre porque había que ir con el buscar os feixes de ferraia ou de nabos ou de outono ou ó muíño), que entón cruzaba o Arnoia a cabalo del. Unha vez cheguei a cruzalo montado nunha vaca, aínda que estaba xunguida a un carro de herba. Fóra de todo isto, o de Xesucristo andando sobre as augas... iso que o predique no deserto. Eu quixen facelo e molleime.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 26 de abril de 2023

 

sábado, 29 de abril de 2023

FESTA DO TRABALLO CON ARMAS Ó LOMBO

Luns, 1 de maio. Festa do traballo. É un dicir. Na agricultura traballouse sempre. E en algún oficio máis. Pero eu lembro que, na agricultura, todos aqueles festivos que non estaban... digamos, impostos pola Igrexa, eran hábiles ó cento por cento. Tamén é verdade que a agricultura, polo menos certas faenas da agricultura, nunca tiveron domingos nin festas de gardar nin vacacións nin rabo de gaitas. O labrego, ós domingos e festivos, tiña que lle coller herba ou ferraia ou outono ós animais. Na época da herba seca non había domingo posible, e mesmo, algún domingo, cando chovía, había que xunguir as vacas para marchar a fume de carozo a cargar na herba para que non se mollase. A labranza sempre foi, é e será un mundo á parte.


Segue sendo un caso á parte as armas en Estados Unidos. Empezan a contarse cos dedos das mans os días que poden librar dalgún tiroteo, dalgunha masacre. Habería que botar man das estatísticas, pero é que, ó mellor, xa non libran ningún día. O asunto é tan serio (foino sempre, pero o negocio é o negocio) que incluso o propio presidente xa empeza a reclamar unha lei para o control do armamento. Non creo que lle vaian facer moito caso, polo que terán que convivir con sustos e mortes. Os ianquis coa escusa de que teñen que defenderse (de si mesmos), seguen a ter pistolas e rifles e metralletas e granadas. Despois, con estas, “arman o que arman”.


Acabo de atopar un dato que, o de ó mellor non librar ningún día, queda nunha inocentada, nun dato irrisorio. Resulta que no ano 2020 houbo 611 tiroteos, o que significa que a media dun diario queda nas carrouchas. O peor de todo é que non escarmentan.

Non saio dese país. Dise, e Joe Biden así o afirma, que este presidente ten intención de se presentar a unha nova reelección. Mais o dato está en que se o fai, nesa futura lexislatura, cumprirá 82 anos. A ver, se se entende que unha persoa se xubila ós sesenta e pico porque xa non dá máis de si no seu traballo, como é que noutros ―coma por exemplo os políticos― poidan gobernar ou traballar con oitenta e pico. Precisamente uns traballos que arrastran unha gran responsabilidade. E por moitos asesores que teñan, eles son os que, ó final, toman as decisións... cos sentidos, ás veces, en decadencia, amorriñados. Algo non funciona.


Finca Fierro. Sábado, 29 de abril de 2023

 

viernes, 28 de abril de 2023

NA RABELA DO ARADO

Agarrei a rabela do arado e deixeime ir. Nin me preocupei moito por onde ía, nin para onde. Os sucos, uns ían dereitos e outros curvábanse de máis. Era igual. O caso era avanzar. Avancei tanto que arei leiras de máis. Agora que, iso si, os pecados capitais arrastreinos ben arrastrados. Ata que a conciencia me quedou tranquila. Ata que quedaron humillados. Ou non.


Sigo enganchado á rabela do arado e sigo a velas vir. O caso é arar. Que máis dá arar nas fincas dos demais. Mentres non lles toque os marcos... Nun rego moumiño quixo asomar un pecado mortal, pero eu, como cacho de pan que son, aloumiñei na pata dunha vaca e non lle fixen caso. Seguín coa arada dálle que dálle.

A xunta das vacas avanzaba. Eu, repito, deixábame ir. Pola restreba dos soños e polos eidos ou polos agros dos mandamentos, deses dez mandamentos que, que queredes, non se cumpre ningún. Ninguén respecta ningún. E quen estea libre de pecado, que tire a primeira pedra. Así de relixioso e católico me vexo por entre os sucos das leiras de centeo.

A rabela do arado serve de apoio para os cargos de conciencia. Quen non os ten? O arado quere engarrar nun penedo pouco profundo e os estralos espértanme desta monotonía de deixarme ir. Bérrolle ás vacas. Estas detéñense. Volvo a vista atrás e miro todo o que aramos. As leiras estaban limpas de pecados.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 25 de abril de 2023

 

jueves, 27 de abril de 2023

AGONIZAR NO INFERNO

Agora, xa case todos os anos, no mes de abril, ásanse os paxariños. O tempo cambiou moito. As situacións tamén. Do frío pasamos á calor e da calor ó frío dun día para o outro. Todo cambia. O Celta, se lle ganara ó Mallorca, podía aspirar a xogar en Europa. Como perdeu... ollo!, o descenso está aí. Ás veces, nun salouco, déuselle a volta á tortilla ou viraron as tornas.


Non obstante, con frío ou con calor, Chet Baker toca igual de ben, e a música de Érase unha vez en América, do mestre Morricone, rabuña na nostalxia. Deus, canta melancolía escoitando o tema de Deborah e Amapola. A música non ten frío nin calor, nin se molla nin agonía a causa da seca.

Porque non tardaremos en ter seca. O tempo non axuda nada. Por momentos, dan ganas de lle dar unhas labazadas (unhas hostias, falando claro) ó tempo. Ó mellor collíanos medo e facía o que nós desexásemos. E que desexamos? Que chova de noite! Tamén é certo que, ó mellor, chegáballe cuns berros. Que necesidade ten ninguén nin ningunha causa de levar unhas labazadas, ou sexa, unhas hostias! Se falando enténdese a xente... e a climatoloxía. Aínda que, nin aqueles nin esta, fan puto caso.

Parvadas á parte, a realidade é que se asan os paxariños. E se por un casual hai que meterse nun coche que está ó sol, o das labazadas e hostias ó tempo é case unha broma. Meterse, hoxe, nun coche que está ó sol, é como agonizar no inferno.


Café Kibu. A Valenzá. Martes, 18 de abril de 2023

 

martes, 25 de abril de 2023

O SHÉRIFF DE TORDELPALO

Nunca pensei que volvería a Tordelpalo, unha pedanía de Molina de Aragón, na provincia de Guadalaxara. Fora por primeira vez a principios dos anos oitenta co meu amigo Eugenio, operador de cine en Madrid. Naquela primeira visita lembro que subiramos a un outeiro que había ó lado e impresionárame o silencio. Era unha aldea que, ó mellor, nesa época, non alcanzaría os 15 habitantes. Ata hai unha semana tiña 9 e, agora, comigo, somos 10.


O máis bonito de todo é que, sendo o último en chegar, son xa o shériff, é dicir, o pedáneo. En tres días exactos impúxenme sobre os demais: seis vellos e tres que non tardarán en selo. Chegoume con apertar un pouco o gabán para que se notase, para simular a pistola que levaba baixo o sobaco esquerdo.

Que pinto tan lonxe da miña terra? Simplemente que lle roubei ó banco todo o que este me roubara a min en máis de corenta anos. Pero non hai maneira de fodelos. Non tardaron en botar sobre min todas as súas hostes e non me quedou outra que fuxir coas orellas baixas. Minto, fuxín coa faldriqueira ben chea. Pero, agora, e a pesar de vivir neste recanto deixado da man de Deus, teño que estar á espreita porque, meterse cos bancos, non é peixe podre.

En principio, como shériff que son, vivo ben e facendo e desfacendo ó meu antollo. Síntome o Gene Hackman de Sen perdón, para facerlle outra pequena homenaxe ó meu amigo operador de cine. Simulo unha película e vivo coma Deus na aldea que o viu nacer. Son o shériff de Tordelpalo.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Luns, 24 de abril de 2023