jueves, 1 de junio de 2023

DE PIÑÓN FIXO

Saín coa intención de ir a un lugar, pero no medio do traxecto lembrei que tiña que selar as primitivas. Tiven que cambiar a dirección dos pasos, claro. Non obstante, faltaría máis, despois, acabei no primeiro lugar. Son de piñón fixo. Hoxe. Outras veces son tarambaina ou dos que vou cos da feira e volvo cos do mercado. Lembro cando ía ó cine en Madrid, que adoitaba achegarme ás salas con media hora ou máis de antelación. Cando abrían os despachos dos billetes estaba máis canso có demo. Aínda así, esperaba na cola e, xusto cando estaba a piques de sacar a entrada, zas, a tomar por aquel sitio! Saía da cola e marchaba. Xa vería a película outro día. O que pasa é que, nese outro día, ó mellor volvía actuar da mesma maneira.


Son de piñón fixo cando quero. Hoxe fun d e piñón fixo porque si. Porque a tarde, máis ou menos, está ben: xa choveu algo, xa quentou de carallo e xa estou pendente de que asome a treboada, unha boa treboada, como a de onte. Porque, máis cedo ou máis tarde, asomará. Levamos xa uns días con elas e aínda seica queda esta semana. O que non veu en abril, veu agora a finais de maio e semella que virá a principios de xuño. Menos mal que non hai que facer uso do refrán “deica o 40 de maio, non quites o saio”. Porque frío non fai. Por agora. Xa dixen que quentou de carallo. E quenta cando sae o sol. Agora mesmo xa está nubrado. Xa se estará preparando o ceo para descargar de novo. Oxalá o faga, pero con sentidiño. Se vai facer mal é mellor que non descargue. Marcho, que teño que marchar. E son de piñón fixo.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Luns, 29 de maio de 2023

 

martes, 30 de mayo de 2023

ESCUDO ANTE TRES FRANCOTIRADORES

Primeiro chaman, planean, reúnense, discuten, berran, insultan e, despois, escóndense nos seus cubís, nos seus cortellos e disparan a esgalla. Pero si disparan a dar. Son francotiradores de elite. A min tan só me queda agachar a cabeza e oír como asubían as balas. Moi cerca, demasiado cerca. Tan próximas que, en vez de dirixirse a eles, é coma se me dispararan a min. É que me disparan a min! Só me queda a opción de parapetarme detrás de algo: algún razoamento, algún consello, algún alento e moita paciencia.


Pero toda paciencia ten o seu límite. Ese límite que vai ata ese instante no que un queda farto de ser o escudo, o parapeto no que reboten as balas. Estas, máis seguro que chegue o momento no que me acerte algunha. Despois xa non hai remedio, xa non hai volta atrás. Así é que, antes, un chisco antes de que unha futura bala choque ou bata na miña paciencia, eu tamén sei berrar e insultar e facer chamadas e, se fai falta, tamén sei disparar. Chegado o momento non me importa ser o Clint Eastwood daqueles spaghetti-westerns. Ou ser tamén o francotirador dunha película de precisamente ese gran director e actor.

A paciencia ten un límite. Así é que me preparo por se realmente hai que disparar. Estudo, analizo e busco ós tres francotiradores de elite para calarlles a boca e para frearlles as balas. Máis vale previr que curar. Que un pode ser escudo nas carraxes e na violencia, pero tamén pode ser mazo nas ferocidades e nos desasosegos.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Luns, 29 de maio de 2023

 

lunes, 29 de mayo de 2023

ÁS TRANCAS E BARRANCAS

Trae isto. Dáme aquilo. Levántame. Báixame. Dáme auga. Tócame aquí. Tapa este lado. Dálle a volta a isto. Alisa esta engurra. Colle a culler. Non, mellor o garfo ou cuberto. Corta co coitelo. Chame a este. Pregúntalle á aquela.

E todo segue. Ás trancas e barrancas, pero a vida segue. Ten que seguir. Os atrancos saltámolos ou arrodeámolos. Ás veces con traballo. Por veces incluso con alegría. O caso é que todo nos quede liso e chairo para chegar a esa meta real. Mesmo a unha meta imaxinaria.


Vou e veño. E volvo vir. Con présas. A modiño. Andando. En coche. Correndo. Con paraugas. Sen paraugas. En manga curta. Con cazadora. Así durante horas e días. Si, días. Y los que te rondaré, morena.

Pero que todo sexa polo ben do que está mal. Pola alegría de vivir. Ata polas futuras penas, mágoas e angustias.

Sento. Ergo. Escoito os saloucos. Vexo os ollos tristes. Recibo os aloumiños. A vida non é tan bonita como a pintan. Certo que cinco minutos de felicidade cambian todo un inferno de congoxa, de traballo, de bailes de aquí para alá e de alá para acá.

E, ós cachos, volve a ladaíña: dáme isto, trae aquilo, colócame aquí, ponme alá, séntame, levántame, que hora é?, en que día estamos?, chove?, vai frío?, asoma o sol?... O tempo faise eterno. Ansiedades duns. Afagos doutros. A vida que segue. Ós choutos, pero segue. Con dor, pero segue. Ten que seguir.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Domingo, 28 de maio de 2023

 

domingo, 28 de mayo de 2023

O CAMIÑO CORTADO POR OBRAS

Son Zacarías Carro Solana, O Asentado, e natural daquela aldea que está no alto da montaña, a que ten forma de peito de muller. Aínda que vivo na cidade. Dixéronme que non fose por certo camiño, que estaba cortado por obras. Optei por coller outro, claro. E collín un polo que din máis voltas. Tiña que parar de cando en vez porque eses ollos verdes, vermellos e ámbar bailaban o baile de San Vito.


Chámanme O Asentado por ser moi sosegado, moi cachazudo. Pero agora mesmo críspanme os nervios e férveme o sangue a causa do novo camiño que collín; ando así coma medio perdido. Non o coñezo tan ben coma o habitual. Non obstante, sigo cara á adiante. A algún lado irá, a algún lugar chegarei. Parar non vou parar.

Na aldea tan só vivimos catro veciños. Tres e máis eu. Ou eu e tres máis. Cando estou alá, lóxico. Porque xa dixen que vivía na cidade. De cando en vez vou á aldea. Ás veces vexo ós tres veciños, outras vexo tan só a un, outras máis a dous e mesmo hai visitas nas que non vexo a ningún. Son fáciles de contar.

Por fin cheguei ó lugar que ía. Levoume moito máis tempo, pero cheguei. Tiven que subir polas escaleiras do edificio. Foron 164 chanzos. Podía coller o ascensor, pero... para que? Tiña ganas de contar os chanzos: 164. Xa son, xa. Cheguei e alí estaba. El. El estaba na cama. Dando voltas coma un sarillo. Non acougaba. Eu tan só miraba para el e dábame algo de pena. Ós cachos pensaba no camiño cortado por obras.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Sábado, 27 de maio de 2023

 

sábado, 27 de mayo de 2023

A VOLTAS CO RACISMO

O tema Vinicius-racismo, racismo-Vinicius coleou de tal maneira durante toda a semana que penso que xa se saíu de nai. Aínda así, eu tamén teño dereito a opinar, porque me gusta o fútbol e porque vou en contra do racismo de calquera racismo. Por certo, para un servidor, o racismo non é tan só sobre a cor da pel; vai moito máis alá.


O asunto que nos implica ten tantas vertentes, tantos apuntes que case é mellor que os mesture e que os conte tal como me veñan á cabeza. Por exemplo, o noso Núñez Feijóo axiña declarou que España non é un país racista en ningún caso. Inocente, carallo, que es un inocente! Onde vai que teño dito e confesado e asegurado e afirmado que o noso país é racista porque, o ser humano, é racista en todo o mundo. O sábado mesmo lin algo dos xogadores ingleses que confesaban que vían o argueiro no ollo alleo e non vían no seu o fungueiro. En Inglaterra hai racismo. E en Francia, Alemaña, Italia, Namibia, Marrocos, Brasil, México... e de Estados Unidos non digo nada. E repito que o racismo vai máis alá da cor negra.

Estes días, o racismo andou nas bocas do mundo porque lle chamaron negro a Vinicius, xogador do Real Madrid, que non é un calquera. Non é ese xogador do Velle que, xa de xuvenil, sufriu insultos racistas. Nin ese xogador do Maside ó que lle berraron “Negro, vaite ó teu país”. Nin ese xogador do Arenteiro B ó que, en Covadonga, chamáronlle macaco. Nin un de Outomuro que “en máis dun sitio sentinme discriminado”. Estes negros que fagan coma quen non oen e que se busquen a vida ou que se defendan como poidan. Que as institucións, medios de comunicacións e demais caralladas non se rebaixan a... Estes tan só actúan se lle catan os piollos a alguén do Madrid ou do Barcelona ou do Bayern ou do City...

Agora imos co propio Vinicius. O Real Madrid, agora, ten negros a esgalla (aí vai unha broma: se don Santiago Bernabéu levantara a cabeza e vira tanto negro e tanto estranxeiro...); pois ben, se con esa morea de negros ninguén se mete, por que Vinicius está sempre no ollo do furacán? Se escribo que é un provocador e un chulo, pensarán que o digo polo meu antimadridismo. Non. A proba é que eu tamén condeno os insultos racistas que recibiu. Como condeno a eses “nobres madridistas” que, no Bernabéu, contra o City, lle cantaron unha canción a Guardiola de “rapar e peitear”.


Finca Fierro. Sábado, 27 de maio de 2023

 

viernes, 26 de mayo de 2023

UN GRAN ESTUDANTE

Estudei arquitectura para esculpir un boneco de porcelana nun caxato de salgueiro. Coa navalla, a maiores de tocar e retocar, abrinlle o bandullo a un corvo. Dentro do bandullo non había nada de nada. Non sempre ten que haber algo no baleiro. Eu ás veces nado nos outeiros. Só nos do monte Medo. Si, tamén nos de Pinouzos.

Estudei a táboa de multiplicar para dividir todo o relacionado comigo, en cachiños que, ó poñelos en fila, funos sumando. Non lle restei nada. Bastante teño co que teño e co que son. Ás veces, un cero á esquerda e, outras, un certo valor en auxe. Agora cada quen que busque a raíz cadrada do cachiño máis grande. Sempre haberá alguén que o faga sobre o máis pequeno.


Estudei astronomía para somerxerme nas augas do río Arnoia cunha caña de ferraia para poder respirar. Parvo non son e non quero afogar. Dos astros baixei ás profundidades do océano, ou sexa, ó pozo da Pillamadoira, alá polo medio de Baños de Molgas. Metro arriba metro abaixo, a distancia pode ser máis longa que toda a Chaira de Vide. Xa sei que é unha esaxeración, pero para iso estudei ética filosófica por medio de online.

Tamén estudei ciencias económicas para saber canto me custaba o sacho que precisaba para cavar as patacas, así como se era procedente que o arado de pau levase rella de ferro ou non. Ó final carguei o arado no carro, marchei para o Outeiro Miau e que sexa o que Deus queira. Na primeira engarrada que tivo contra unha pedra, o arado de pau rompeu. Putas ciencias económicas!


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Xoves, 18 de maio de 2023

 

jueves, 25 de mayo de 2023

PODO DICIR, E DIGO

Escribe que algo queda, adoito dicir moitas veces. E por que non? Por que non podo mesturar cousas, asuntos, novas, ruxerruxes, situacións, eventos e demais “trapalladas”. As entre comiñas están postas con cariño, pois calquera acontecemento ou suceso é digno de respecto.

Podo dicir que, a pesar de ser moi lonxe, máis en concreto do Brasil, moitos inmigrantes dese país participaron na Guerra Civil Española. Foi o caso de Vicente Sarmiento Casas, que, nado no Estado brasileiro de Pará en 1912, pero vivindo en Baños de Molgas coa súa nai, incorporouse á 6ª Bandeira do 2º Terzo do bando rebelde, ou sexa, do Paquiño Franco. Vicente era ferreiro. Faleceu na fronte de Gandesa o día 11 de agosto de 1938, ós 26 anos de idade.


Podo dicir, e digo, que o outro día, 16 de maio, fixo exactamente 139 anos (no 1884) que asomou unha noticia nos medios de comunicación escritos anunciando a morte, por un lóstrego, na aldea de Poedo (Baños de Molgas). Unha chispa matou a unha moza de 16 anos que andaba no monte comunal coas vacas. Fuxiu para refuxiarse nunha igrexa próxima, pero sabemos moi ben da velocidade dos alustros.

Podo dicir, e sigo dicindo, que a finais de 1969 un grupo de mozos de Baños de Molgas crearon o Plantel de Extensión Agraria. Ler os nomes dese grupo é como notar unhas rabuñaduras de emoción e de nostalxia, porque todos son veciños e todos, por suposto, son amigos. E deixo de dicir porque o espazo non dá para máis.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Mércores, 17 de maio de 2023