miércoles, 30 de agosto de 2023

PINGAS DE PARVADAS


En plena canícula, marmaña. Como debe ser. É bo que refresque un pouco o ambiente. Sempre se agradecen os contrastes. As cousas son ou non son. Moitas veces, onde hai paz, estalan guerras. Como ó revés: no medio dunha guerra acórdase a paz. Ou polo menos hai momentos de paz. É un dicir. Cando dos tres tragos de café tomo un, quedan dous. Matemática pura e real.


Vai calor pero caen pingas de orballo. Dous paxaros dun tiro. Xente que leva abertos os paraugas e xente que nin tan sequera os leva. Os paraugas, digo. Se daqueles dous tragos de café que quedaban os bebín, pois as matemáticas seguen sen fallar: xa non queda ningún café. Estaba rico. O café sempre está rico.

Dicía meu avó -ó que non coñecín-, que para que quedar onde se está mal a gusto? El, colleu e marchou. A dedución tamén é moi sinxela: estaba mal a gusto. Vivía desde sempre na súa contorna, pero... Pero, en plena canícula, tamén chove, tamén marmaña, tamén orballa, tamén baballa, tamén poalla. Poucas veces, pero... “Pero” é unha conxunción que trastorna todo, unha restrición ou unha oposición a algo que xa se dixo.

Non hai dous sen tres. Tampouco hai volta sen ida, nin meta sen saída, nin canícula sen sol. Mentira! Estamos no tempo da canícula e as pingas de orballo non deixan de caer. Non hai relato sen café e tampouco café sen relato. Porque o tempo do café hai que enchelo con pingas de parvadas que van e vén por unha folla cuadriculada.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Sábado, 19 de agosto de 2023

martes, 29 de agosto de 2023

RELATO INCONGRUENTE


Andei uns cantos quilómetros. Non sei, un par deles ou, como moito, tres. Porque non quixen coller o autobús. Tampouco o meu coche. Quería facer o percorrido andando ou, simplemente, quería andar. Ás veces, baixo un sol de carallo. Pero como a miña intelixencia, de cando en vez, asoma, andei pola sombra. Que se leva moito mellor. A andaina, digo. Vaiche boa!


En todo o traxecto escoitei música, desde Pink Floyd a Supertramp e desde Led Zeppelin a Manolo Escobar, e aínda sigo coa música nos oídos. No primeiro quilómetro vin cousas que ninguén viu, nin tan sequera Rutger Hauer en “Blade Runner”. Vin a un escornabois dálle que te pego cun saltón e cando alcanzaron o orgasmo, os dous, quedaron en posición decúbito supino. Iso, nin a película máis esperpéntica. Nin as naves en lapas máis alá de Orión.

No seguinte quilómetro déuseme por pensar e, aínda que miraba, non vía nada. Percorrín ese quilómetro en tal situación que mesmo nin sabía por onde andaba. Tan só as ondas cerebrais furgaron polos recordos dun tempo que xa foi. O tempo que é agora mesmo será tamén pasado e recordado para a próxima andaina. Ó andar adoitan asomar filosofías baratas que non resolven nada, pero entreteñen. Tamén nese quilómetro lancei un asubío en non tardou en aparecer Lauren Bacall. Sentinme o Humphrey Bogart da pantalla!

Cando cheguei ó destino quixen intuír os quilómetros andados e... para que? O asunto estaba en contar o acontecido, en crear un clima de misterio nun relato incongruente.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Venres, 18 de agosto de 2023

lunes, 28 de agosto de 2023

A PREGUIZA


Deixei caer a preguiza sobre unha das cadeiras da terraza. Contemplei o camiño que non existe. Os aloumiños do tempo que foi quedan niso, en aloumiños. A memoria é tan efémera que recorda o que lle convén. E cando lle convén. É igual, entre as silvas e toxos que non existen queda o baleiro. Ese baleiro que produce nugalla, galbana e mesmo impotencia.


Non obstante, a soidade da manta que bambea colgada sobre o arame de espiño, fai que seque a conciencia da rula que acouga ó lado. Agora, cada quen que pense ou opine se os paxaros ten conciencia. O café baixa amodiño pola gorxa das ideas que están por saír. Semella que rubrico con caxatos de sabugueiro, pero con estes tan só asubío o poema que está por escribir.

A preguiza empeza a adaptarse ó que eu digo, que sei que é pouca cousa, e estraña, e rara, e esperpéntica, e lunática, e inverosímil, e insubstancial, pero será o que eu digo. Sempre será o que eu opino. Como ver que a sombra se ensancha e a Perla Negra navega pola estrada, pola rúa. Os soños, ás veces, semellan pesadelos, pero, aínda así, son soños. O de soñar bonito queda para outra ocasión.

Na preguiza tamén noto un ruxerruxe que baila por entre as asaduras da miña señardade. Ou na miña vida; na que sempre hai máis ruídos que silencios, máis idas que voltas, máis pros que contras. Agora, cada quen que baile un chotis sobre a cor da miña alucinación. Porque sempre haberá alguén que dirá que alucino en cores. A preguiza senta, branca ou negra, sobre a cadeira da miña existencia. A que é miña. A que non é de ninguén máis. A preguiza é libre... na miña cabeza. E tamén escrava... no tempo.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 16 de agosto de 2023

domingo, 27 de agosto de 2023

O SINXELO


Bo día. Ou boa tarde. É igual; os galegos facemos o que nos sae daquel sitio. Son galego. Deixade que me presente. A miña nai inscribiume como Ildefonso e meu pai como Afonso. Axiña chegaron a un acordo simple: Ildefonso Afonso Vacaloura Boimorto. Como o digo. Como o escribo. Mais os veciños logo fixeron uso da retranca: O Sinxelo. Os meus pais botaban lume polos ollos porque sabían que, habendo alcumes polo medio, adeus nomes. Nin Ildefonso, nin Afonso e moito menos Ildefonso Afonso. Por un lado estívolles ben; a quen se lle ocorre formar un composto desa maneira.


A min non me importa que me chamen O Sinxelo. Eu respondo de calquera maneira. Mesmo cando me berran: Eh, ti! Sempre fago caso. Incluso cada vez que me chaman por calquera dos apelidos en plan burlón. Tamén sei que non son normais, pero... É difícil atopar algo normal nestes tempos. Como o que me pasou o outro día cando quixen ir á praia a Sanxenxo: que entre paréntese tiven que especificar Sangenjo para os casteláns. Eu, que son de Vilardecás (Villar de Canes para os do outro lado do Padornelo), alá polo concello de Maceda. Esperade que chega o mellor: casei cunha muller de Nogueira de Abaixo (ou sexa, Nogal de Abajo), alá polo concello de Baños de Molgas.

Como non quero meterme cos bilingües (por certo, por que se chaman bilingües cando só usan e falar o castelán?), sigo dicindo que o día que me pariu miña nai seica veu unha saragana tan grande que semellaba que se acababa o mundo. Non se acabou. A proba está en que aquí estou para contalo. Son O Sinxelo, o fillo dos Complicados. Todo é como é.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 14 de agosto de 2023

sábado, 26 de agosto de 2023

A CULPA É DOS GANDEIROS E DOS PETRODÓLARES


Os concellos gandeiros gastan máis auga que os turísticos. Así rezaba nun periódico. E tal como está redactado o titular deume a impresión de que está a botarlle a culpa ós gandeiros dos problemas que temos actualmente sobre a seca. Non sei se será mellor que morran as vacas, os animais de sede ou que un turista deixe de ducharse tres ou catro veces ó día nestes días de bochorno, ou que un particular encha a súa bonita e enorme piscina, ou que uns xardín luzan esplendorosos para xúbilo dos ollos turísticos.


Non sei cando nos daremos conta de que o sector primario é tan esencial que, sen el, non existiriamos. Todo parte do sector primario. E este, sempre, desde que o mundo é mundo, foi o máis agredido, o máis abandonado e o máis desprezado. É mellor ver a un turista tomando un café que a vaca expulsando leite para ese café. É mellor ver a un restaurante cheo de turistas comendo unha boa empanada de carne que a un gandeiro dando cheda ou arrimando o ombreiro para que a masa e a carne chegue a ese restaurante.

Confío en que ese titular se quede coma unha simple estatística e que algún alcalde non queira ir moito máis alá con tal de contentar ó sector turístico. E ó mellor algún o fai. Porque a gandaría e agricultura xa está tan acostumada a pagar os pratos rotos que algunha vareada máis lle colle no lombo.


No lombo empezan a darnos os árabes, futbolisticamente falando, porque nos están levando os mellores xogadores e, claro, hai que tomar medidas. Ata agora viviamos nunha nube feliz roubándolle xogadores a toda América Latina, en xeral, e a Brasil e Arxentina, en particular. Agora, como no-los rouban a nós, poñemos o grito no ceo. Europa fartouse de importar xogadores grazas ós cartos e gozabamos co seu xogo bonito. Agora os árabes importan xogadores grazas ós cartos e empezamos a falar dos petrodólares. O que está a pasar, pasou sempre, tanto nas ligas locais coma nas europeas. En España, o Madrid e o Barça, grazas ós cartos, eran e son o máximo. En Europa, o City, o PSG, o Bayern, etc., grazas os cartos, son o non vai máis. Por que os árabes, se teñen cartos (que os teñen a esgalla), non poden facer o mesmo. Hai que estar ás duras e ás maduras. Estivemos ás maduras; agora tocan as duras.


Finca Fierro (Barbadás). Sábado, 26 de agosto de 2023

viernes, 25 de agosto de 2023

ORGANISMO ANDANTE


Deixei que se irritasen, que se inflamasen as mucosas nasais para que a bile subise e estourase a un par de metros de distancia e coa velocidade dun alustro. Ás veces detéñome no meu camiñar, miro para o sol e o esbirro sae fiel e rápido. Nel vai todo o que se acumulou no tempo, nos últimos momentos.


Tamén por veces contraio ou dilato o diafragma e percorro o resto do camiño cun impo que, pouco a pouco, vou esaxerando para que a muller salte sempre coa mesma ladaíña: aí está o paxaro louco. Hoxe estou só e fago exactamente igual, o que significa que tal acción xa a collín coma un tic, coma un hábito, coma unha costume.

É igual; non é tic o calo que teño na planta do pé esquerdo porque, aínda que non queira, algo coxeo. Só que sexa polo medo ese a pisar nunha coíña que me faga ver as estrelas. O instinto á dor xa mo fai pasar mal.

Coas mucosas nasais saíu o esbirro, pero cos ardores de estómago saen todas as voaxas que acumulo cada vez que me agacho ou cada vez que manipulo, por exemplo, nas caixas de libros que teño no faiado. A maiores de voaxas, soben carraxes e dores que tardan en ter alivio; case sempre con algunha pastilla que sempre teño na casa, ou, por veces, con algunha mazá. Sempre hai remedios para as contrariedades, para as doenzas.

Son un organismo andante que sofre e se calma, que vai e vén, que ri e se queixa, que resiste e fraquea, que se mofa e aguanta, que non se detén, que non frea, que segue, que tira e que vive.


Café Brétema. A Valenzá. Domingo, 13 de agosto de 2023

jueves, 24 de agosto de 2023

UNHA ESTRAÑA CHAMADA


Pensei que morría co susto. Recibín unha chamada telefónica desde o tanatorio Ti Que Estás No Limbo. Collín a chamada porque podía ser algún familiar ou amigo íntimo; ás veces tardo en saber do falecemento de alguén. Tamén me estrañou moito o nome do tanatorio. Non o coñecía. Sabía que non era de por aquí. Paso a transcribir toda a chamada. Tal cal.


Boa tarde. Non te asustes. Son o propio defunto: Salomón Vertixe Lucera. Ti non me coñeces e eu, sinceramente, tampouco te coñezo nin persoal nin fisicamente. Só por medio dos teus escritos. E que queres que che diga; faime ilusión que veñas ó tanatorio. Simplemente iso: que veñas. Non quero que me chores nin que te emociones. Digo o de emocionarse porque, por veces, o ambiente fai que se nos mollen un chisco os ollos. Eu tan só quero sentirte aí, dentro da sala. Nin tan sequera fai falta que te achegues moito. Ou si. Veña, si, achégate deica o mesmo cristal. Tranquilo, non me vas ver. O de deixar o defunto ó descuberto está pasando á historia. Se te noto máis cerca... non sei, síntome mellor, case coma se rematase esta redención miña do limbo. Ó mellor, e sen que te decates, dásme un empurrón para alcanzar o ceo. Non é que fose boa persoa, pero... Pero recoñezo que me rabuñaba a conciencia cando lía algunhas cousas túas. Es un bo home.

Aí rematou a chamada. A do defunto. Dubidei moito en se alguén se estaba burlando de min. Que raro, por probar. Achegueime ó velorio, que estaba no quinto inferno, e ó entrar notei unha cousa rara no peito. Souben ó instante que fora o defunto o que me chamara.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 11 de agosto de 2023