sábado, 30 de septiembre de 2023

NIN RESPECTO, NIN CIVISMO, NIN CONCIENCIA


Acábase o mundo! Non podemos entrar no mes de outubro con esta calor de xullo! Si, xa sei que polo san Miguel... Pero isto vai máis alá do san Miguel.

Tamén vai máis alá a falta de respecto, a falta de educación que amosamos algúns. A sentenza esa de “falando enténdese a xente” é unha trapallada, unha falsidade. Aí van dous exemplos nos que o de falar non cadra, nun xungue moi ben con algúns: o xa ex edil socialista Daniel Viondi dándolle uns lapotes nun pleno ó alcalde de Madrid, Martínez-Almeida; e o psicólogo Lucas Burgueño increpou, empuxou, arrecunchou e acurralou contra un vagón do AVE ó deputado socialista Óscar Puente. Aquí, neste noso país xa sabemos que todo o resolvemos polas bravas; desde o asentamento dun marco ata a galla do carballo que sobresae en certas lindes ou estremas. E non falamos, actuamos. Ou si, primeiro falamos a base de insultos para rematar cunhas labazadas ben dadas por se o contrario non se decataba de que ía o asunto.


É verdade que, aquí, na nosa terra, sempre lle achacamos á violencia a nosa forma de vivir no rural, cando, na realidade, vemos que en todos os lugares cocen fabas; nesa política que é a que debería dar exemplo e que, polo contra, é quizais onde máis xenreiras se amosan. Dáme que, logo dos cartos, a política é a actividade máis violenta e falsa, mesmo chegando a furgar coma un cancro en moitas familias.

Falta de educación. Falta de respecto. Falta de civismo. E falta de conciencia. Somos tan retorcidos que mesmo nos poñemos a liquidar animais porque si. Quizais por vinganza. Acaso por probar algunha arma de fogo. Pode que por simple diversión. Na serra do Barbanza, a un ou a uns tipiños déuselles por dispararlles a uns cantos cabalos. Parece que sen vir a conto. Tal vandalismo acabou con oito eguas e un poldro de pura raza galega que, para máis aquel, están en perigo de extinción.


Volvo ós políticos e volvo á conciencia. Resulta que os senadores gastaron 609.000 euros en viaxes estando as Cortes disoltas. Non obstante, os “defensores e amantes das linguas cooficiais” poñen o grito no ceo polo gasto en pinganillos. A ningún deses “lingüistas” lles oín queixarse do gasto desas viaxes.


Finca Fierro (Barbadás). Sábado, 30 de setembro de 2023

viernes, 29 de septiembre de 2023

PENSAR POR PENSAR


Mirei para o niño de anduriña e, de golpe, pensei en ser coma ela. Dito e feito: botei a voar. Voei. Sen ningún problema. Sen estender os brazos, sen brusquidade, sen tomballóns. Alceime algo así coma Superman. Non tardei en voar sobre as casas de Baños de Molgas e peguei un sprint a todo o longo do río Arnoia. Voando sobre as Pedradarcas, tiven a intelixencia de pensar que, segundo se cumprira o pensamento da anduriña, podía ser rico se pensaba en ser rico.


Nos Pontóns (eidos que lindan coas Pedradarcas), xa notei que era inmensamente rico. Tanto que aterrei cun trompazo da hostia. Pois os cartos que levaba na mochila e nos petos do pantalón, camisa e cazadora eran demasiado para manter o voo. Cando me decatei, seriamente, do que me estaba a suceder, botei as mans á cabeza e o sorriso cada vez se facía máis grande.

Pensar por pensar. Pensei na punta dunha estrela e alá estaba colgado dela. Pensei na Perla Negra e o primeiro que fixen foi botar pola borda ó puto Jack Sparrow. Agora era toda miña! A verdade é que estaba de Jack Sparrow ata os mesmos. Pensei nun alustro rachando o silencio e ó momento xa escoitei un estrondo que semellaba que rebentaba o mundo. E, faltaría máis, pensei nunha Galicia independente e xa non deixei que ninguén, do Padornelo para alá, se metese na nosa vida. Si, tamén chegou o momento de pensar en deixar de pensar. Non volvín pensar máis. Ó momento quedei en branco.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 14 de setembro de 2023

martes, 26 de septiembre de 2023

EN PÉ DE GUERRA


O lobo é un perigo. O home é un santo. Os Pireneos dividen España de Francia e Lisboa é a capital de Portugal. Cada quen que esbardalle como poida e cando queira. O himno galego, si, é dos rumorosos, pero non calamos nunca. A lontra métese por entre as raíces dos amieiros e a Perla Negra deixa caer as velas para navegar pola lagoa de Cospeito.


O xabaril é un bicho de risco. O home é un bendito. O silencio deita sobre o ruído e o barullo molesta deica o infinito. Vou subir o Tourmalet e baixar á Cova do Rei Centolo. Pitarei un penalti que non é e berrarei gol antes de o meter. A lingua galega, si, está en perigo de extinción e por iso algúns a temos como unha relixión. Cada quen que predique, se quere, no deserto do Sáhara ou na Selva Negra alemá.

O lobo e o xabaril conquistan o que lle invadiron. O home, non obstante, arrasa, desola, devasta. O Arnoia torce o seu curso e deixa que as súas augas corran polo alto da Lomba. Mentres, desde o campanario da igrexa de Baños de Molgas déixome caer cun réquiem domingueiro. Cada quen que bote as campás a voar como mellor lle conveña e, tamén, cando queira.

O lobo. O xabaril. O home. A dar guerra. En pé de guerra. Guerra psicolóxica. Guerra salvaxe. Guerra animal. E menos mal que nos queda Portugal. Ós do fogar de Breogán. Silencio. Ruído. Soidade. Barullo. Cada quen que se poña en pé ou se deixe de poñer cando soe o himno galego. Eu, sempre, murmurarei ou musitarei os seus versos.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 12 de setembro de 2023

lunes, 25 de septiembre de 2023

TIRAR DA MANTA


Tirar da manta é esa expresión na que se descobren segredos, falcatruadas e calquera asunto sucio ou vergonzoso que vaia máis alá. Eu, se tiro da manta, o único que consigo é que se me vexan os pés. Axiña se me ven. Son un home moi grande. Necesito unha gran manta, unha moi grande.

Son o home máis grande do mundo. Mido 273 centímetros, é dicir, case tres metros. Ninguén o sabe. Meus pais pecháronme nun cortello desde o mesmo día que saín a este mundo terreal. Cando nacín xa medía metro e medio. Miña nai berrou os catro berros para botarme fóra. Pobre! Ós dous días deixaron caer que o bebé nacera morto.


Ante tal deformidade, tal esaxeración non o pensaron dúas veces: ó cortello cos porcos. Perdón, a un recanto do cortello. Ó cumprir os 15 anos xa non quedou outra que engruñarme, que encurvarme para non dar topos nas trabes e nos pontóns do piso. Tampouco a eles lles quedou outra que derrubalo ó facer os 18. Xa medía 2,53.

Cando algún veciño, por un casual, entraba na corte, meus pais axiña explicaban que agora, como xa non se dedicaban á cría de porcos, optaran por tapiar con bloques o cortello. Aínda que, disimuladamente, deixaron algo así como unha porta para coidarme. Quéirase que non era seu fillo. E, polo menos, unha nai sempre é unha nai. Non lle tomo nada a mal a ningún, pois, como sempre vivín aí, aí son feliz. Algo soíño porque me faltan os porcos, pero...

Antes de quedar durmido, tiro da manta e... descóbrenseme os pés.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 11 de setembro de 2023

sábado, 23 de septiembre de 2023

RENEGADOS E DESERTORES


Se as novas sobre o terremoto de Marrocos e as inundacións de Libia me doeron, tamén me mancaron agora unha barbaridade algúns titulares e comentarios sobre o uso das linguas cooficiais no Congreso. (Pequena paréntese para sinalar que axiña nos esquecemos desas calamidades do norte de África, e creo que non fai falta dicir o por que...).

Vaia por diante que, para un servidor, a miña lingua oficial é a galega e a cooficial é a outra, a que me impuxeron. Cun exemplo explico moi ben tal imposición: que sempre falei galego, menos na escola e no colexio. Todo o meu entorno era galego, a excepción deses dous recintos nos que, si ou si, había que falar e escribir nunha lingua estraña. Que non veña agora dicindo don Paco Vázquez que no Congreso impuxeron as presuntas cooficiais. Por certo, este home sempre me deixou un pouco atordado: que falando sempre en castelán, ten tal acento galego que bota para atrás.


Podo entender que os casteláns se alporicen ante o uso doutras linguas no Congreso. Pero é triste, moi triste que unha inmensa maioría da sociedade galega faga o mesmo, que unha gran maioría política renegue ou deserte da súa propia lingua. Aínda que, dentro duns poucos días, non lles importe presumir do legado de todo un Castelao (como fan todos os anos) ata tal punto que é coma se o quixeran facer seu.

O día 19, que foi o primeiro día no que se permitiu o uso do galego, catalán e éuscaro, todo un expresidente da Xunta de Galicia (nada menos que durante 13 anos), renegou da lingua que falarán case todos os seus familiares e veciños dos Peares. Un politiquiño que precisamente debería dar exemplo. Xustamente por iso, porque representaba a toda Galicia. Tamén é verdade que nunca me vin representado por el.

Non chegaba xa con eses representantes ou institucións ou entidades ou asociacións ou organismos que sempre rexeitaron o galego, como para que se sumen agora outros representantes nosos (repito: nosos) nun ataque desapiadado e rastreiro. Claro que xa sabemos que, ás veces, somos moi propensos a tirar pedras contra o noso propio tellado. Só me queda por dicir que, ante tal ataque á nosa lingua, este paisa que escribe optará por defendela a morte... facendo coma eles, ou sexa, renegando, desertando da outra. Non se di así: ollo por ollo, dente por dente?


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Mércores, 20 de setembro de 2023

Finca Fierro (Barbadás). Sábado, 23 de setembro de 2023

OITO MESES E SETE DÍAS


Custoume moito decidirme, pero ó final fíxeno. Saír da casa. Levaba exactamente oito meses e sete días encerrado. Por nada. Simplemente porque a min me dera a gana. Ás veces cometo accións ou aventuras que non vén a nada, incluso que non proceden, pero... Pero aí están.

O primeiro que notei ó saír foi o aire quente que se me botou enriba. Era tan quente que case me asustou. É máis, asustoume. Normal. Eu pechárame no mes de xaneiro, en pleno inverno. E na casa estaba, como se adoita dicir, coma Deus. Tamén non tardei en notar o zunido dunha velutina. Sentino tan cerca que, co típico xesto da man para espantala, resulta que lle arreei. Aí souben que non perdera as facultades para exterminar ás moscas e os seus sucedáneos. Sempre tiven fama de cazamoscas.


Ós poucos metros, ou sexa, cando entrei na Valenzá, impresionoume o ruído dos coches. Onde vivo case non pasan vehículos e xa non lembraba como fungaba un motor. Eses oito meses e sete días cambiáronme tanto a personalidade que me saudaban os veciños e eu non sabía que dicir. Eu, que sempre fun charlatán e que nunca lle neguei o saúdo a ninguén. Ata agora.

Certo que o propio ambiente foi o que me conduzo polo camiño da realidade e da monotonía. Cando cheguei ó medio da Valenzá, notei que xa volvía ser eu e que eses oito meses e sete días quedaban xa para ser contados. Xa os contarei cando me dea a gana.


Café Tarona. A Valenzá. Domingo, 10 de setembro de 2023

viernes, 22 de septiembre de 2023

BAIXO O RITMO DAS TANXUGUEIRAS


Baixo o ritmo das Tanxugueiras bailei polas beirarrúas da memoria. Daquela memoria na que un asubío era un guasap e un berro unha chamada, Eran outros tempos. E, este, sabemos que pasa e cambia. Algúns dirán que para ben e outros para peor. Eran, simplemente, outros tempos. E punto.


Baixo o ritmo das Tanxugueiras asumo que a memoria vai a menos, que, co paso do tempo, se queda en tan só iso: no asubío e no berro. Naquel asubío que, tan ben valía para unha pequena conversa como para unha chamada polo cadelo. Naquel berro que, con este si, saía todo o que tiña que saír; desde unha asoballante impotencia ata un latexo de corazón medio escarallado, desde unha carraxe eterna ata unha dor inmensa. E, como non, o berro tamén saía desde a frouma do toxo e o cumio dun palleiro para rachar as tardes de silencio.

Baixo o ritmo das Tanxugueiras souben que, baixo certos sucos da memoria, aínda aboian pequenos sentimentos que foron, pero que, co tempo, pérdense como as bágoas na chuvia de Blade Runner. E deses sucos asoman aqueles berros que valían para un roto e para un descosido, para o tute como para a brisca. Berraba pola ansia que sentía e pola certeza de que algo había... neses recantos da memoria, que, certo, cada vez son menos. O tempo pasa e todo cambia.

Baixo o ritmo das Tanxugueiras deixo de bailar xa para non desgastar máis esa memoria. En vez de bailar, asubío e berro. Polos que teñen memoria. Polos que a estamos perdendo.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Xoves, 7 de setembro de 2023