sábado, 4 de noviembre de 2023

QUE NON SE PARE A MUNDO!


Respiro para non afogar. Canto para non estar calado. E bailo por non estar quieto. Sempre hai que facer algo. Se non fago nada é coma se o mundo se detivera. Que desgraza, que se deteña o mundo! Claro que, tal como se move, case sería mellor que se parase.

Coa pequena culleriña remexo o café. A flor do toxo debúxase no cristal máis fermosa que nunca. O ceo está tan negro que, dun momento a outro, pode descargar. Confío en que me deixe chegar á casa. Ando sen paraugas. Alertan de moita auga. O que significa que o río Arnoia volverá facer das súas ó seu paso por Baños de Molgas. Claro que, nesa vila, para desbordarse o río, chega con que caian catro pingas de orballo.


A cantante Buika quere volver; e, eu, dentro dun cacho, quero marchar. Así é a vida: un continuo movemento. Cando a vida non se move, non queda outra que lanzar un requiescat in pace triste e solemne. Non deixemos que a vida se deteña, que nin tan sequera se estanque. A canción de Buika non se detivo e a vida segue con Tom Jones.

Ás tres e media da tarde os coches pasan e, por sorte, sigo respirando. Non canto, pero escribo, que tamén é unha forma de quedar calado. Non bailo, pero movo as pernas ó ritmo do tema musical de Radio Futura. Sigo a facer algo... a contemplar a flor do toxo. Segue o mundo a moverse. Si, case dan ganas de exclamar: paren o mundo que baixo. Porén, os heroes non nos desanimamos nunca. Seguimos dálle que dálle á vida en todas as direccións.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 1 de novembro de 2023

viernes, 3 de noviembre de 2023

O MUNDO ESTÁ PERDIDO


O mundo está perdido. O mundo non é o xardín do Edén. O meu sogro estaba case sempre coa ladaíña esa de que “estamos perdidos”, polo que eu non tardaba en contestarlle cun “xa nos encontraremos”. Ás veces é difícil, moi difícil. Encontrarse, digo. Porque hai tantos camiños inútiles, cegos, sen saída que nos perdemos en lilainas, en trangalladas.

O mundo está perdido. Acaba de saír un informe do Defensor do Pobo no que case 500.000 mil vítimas padeceron abusos deses corvos que predican o sexto mandamento. Sabemos todos da existencia pederasta da Igrexa, pero faciamos de oídos xordos, porque... quen se mete coa Igrexa?


O mundo está perdido. Calculan que Rusia perdeu entre 150.000 e 190.000 soldados en Ucraína. Para que? Por un puñado de metros cadrados? Por un maínzo de territorio? Por unhas arrobas de ansias de poder? Putas fronteiras!

O mundo está perdido. As dereitas aínda máis. Se incluso o PP canario invita ós seus compañeiros a que vexan un desembarco de inmigrantes para que se compadezan un pouco. Se solicita isto parte dun partido que, en ocasións, se mostra mesmo bastante xenófobo, hai que imaxinar como chega esa xente a territorio español. Aquí, en vez de axudalos, xa os catalogamos de terroristas.

O mundo está perdido. En Estados Unidos seguen as matanzas porque a todos os seus habitantes se lles deixa ter armas. Sinceramente, estes non me dan tanta pena. Estes si buscan e atopan as súas propias desgrazas.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Sábado, 28 de outubro de 2023

miércoles, 1 de noviembre de 2023

LECTOR DAS LECTURAS


Estou lendo un libro no que, dous capítulos, os encabezan as lecturas que se realizan na Eucaristía, ou sexa, a primeira lectura e a segunda lectura. Nese momento tiven un chispazo: os momentos aqueles nos que, eu, de rapaz, lía unha ou as dúas lecturas na misa, en Baños de Molgas. Fíxeno moitas veces, moitos domingos e festivos. Porque me gustaba ler e, por que non, para presumir un pouco ou para chamar a atención. Todos temos en algún instante ese egocentrismo que se nos sobe á cabeza.


Pero despois de cincuenta anos ou máis, tal chispazo debeuse máis ó presunto orgullo da miña nai. Nunca pensara niso; no punto de vista de miña nai. Ata hoxe. Que pensaría miña nai (co relixiosa que era) cando me vía instalado xunto ó altar e lendo para todos os da parroquia? Agora mesmo imaxino que sentiría un orgullo “celestial”. A calquera nai se lle inflan as fazulas, se lle inchan as meixelas vendo coma un meniño seu destaca ou intenta destacar en algo.

Eu, non obstante, pasábao mal. Porque era un cagadiño, moi tímido e tíñalle pánico a algún erro na lectura. Mais penso, intúo que se subía ó estrado sería para que me vise aquela nena que me gustaba ou aquel amigo inseparable co que, máis tarde, poder presumir.

Emporiso, sigo alucinado co detalle ese de que nunca pensara (nunca) no presunto orgullo de miña nai. O único pensamento foi sempre tan simple como o de... de cando en vez ou bastante a miúdo, lía as lecturas na misa. Nada máis. Nunca pensaba en que me vira o me escoitara miña nai.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Domingo, 22 de outubro de 2023

martes, 31 de octubre de 2023

CURIOSIDADES DA VIDA


Curiosidades da vida. Loitei contra algo que non sabía que era. Entendo que era a nada, pero... Eu sei que só sabía bracear e golpear ó aire. E non era ningún moscardo nin avespa nin tabán nin mosca nin mosquito. Nada, o aire. Mais eu notaba a presenza, unha presenza. De algo; aínda que non fose obxecto nin bicho nin animal nin tan sequera voaxa. Unha cousa rara.

Curiosidades da vida. Vin un becerro que voaba e unha troita que corría. Esta corría polo río Arnoia arriba e o becerro voaba desde o campanario da igrexa de Baños de Molgas. Eu estaba no alto dun palleiro de palla e choutei ó tellado dun canastro da Aira de Arriba. Pásame cada cousa. Que o que non me pase a min, xa non lle pasa a ninguén.


Curiosidades da vida. Vin como un cura lle mandaba a Moisés unha mensaxe por móbil para que baixase a táboa dos mandamentos desde o alto de Sudalomba e quen entrou na igrexa foi Xesucristo que camiñara sobre as augas do Atlántico durante corenta días e corenta noites. E digo eu: que pintaba Xesucristo ó outro lado do charco cando tiña que estar á beira do mar Morto para predicarlle o Evanxeo a Hamás e Israel.

Curiosidades da vida. Se digo branco, todo se volve negro e o ceo asoma gris. Se vou non volvo e non hai quen me arrinque da cadeira da terraza na que estou. Se asubío non canto e se bailo non despego. Na realidade estou máis quieto que o botafumeiro sen peregrinos. Se digo que chove, chove; e se digo que marcho, marcho. Pois marcho.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 18 de outubro de 2023

Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 19 de outubro de 2023

lunes, 30 de octubre de 2023

HEROE DOS TEMPOS DE AGORA


Quero cargar sobre o meu lombo as guerras. Todas as guerras do mundo. Penso falar con todos os países para que descarguen todas as súas impotencias, todas as súas xenreiras sobre min. Pensaredes que son un arroutado, un botado para adiante ante esta esaxeración. Pero síntome capaz de aguantar, de apandar con todas elas.


As balas e metrallas desvíoas con asubíos. Os ouriñais, os penicos de porcelana poreinos sobre a cabeza para amortecer as bombas. Ninguén será quen de me derrotar. Serei coma aquel veciño meu que, na Guerra Civil, as balas rebotáronlle no peito con tanta forza que mesmo conseguiu liquidar a todo un batallón de roxos. A ver, el si esaxeraba. Pero eu sei que, cunha simple ollada, os exércitos inimigos non verán chegado o momento de arrecuncharse nas trincheiras e de fuxir coma alma en pena.

Certo que cada guerra levará o seu tempo e que terei que contratar un bo pedido de ouriñais, pero todo se andará. Ó meu lombo subirán Hamás e Israel, Ucraína e Rusia, mafias e limpeza étnica, droga e relixión para, con asubíos e rebotes, deixalos a todos vencidos.

Deixade que as guerras se acheguen a min, ou mellor aínda, deixade que combatan sobre o meu lombo e saberedes, con tempo e paciencia, que a min non me dobrega calquera besta con ansias de poder. Son eu o tal para poñerme á súa beira! Van saber o que é bo, digo, o que significa unha derrota do heroe dos tempos de agora.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 17 de outubro de 2023

domingo, 29 de octubre de 2023

COS LOBOS DE KEVIN COSTNER


Bailei con lobos na película de Kevin Costner. En nunca tal me vira. Foi John Barry o que me dixo que me puxera a bailar sobre os seus temas musicais. Bailei por entre os cactos do deserto e por entre os ríos e penedos do Far West. Os lobos, por suposto, non tardaron en ser amigos meus. Eu son fácil de levar.


Foron os lobos os que me deron a entender de que non me metese cos indios. Que non tiña porqué. Que eran boa xente e que, por iso, eran acosados e perseguidos. Ás boas xentes sempre se lle buscaron as pulgas, as beiras. Eu, como son de bo corazón, fíxenlle caso ós canis lupus e seguín a bailar baixo a batuta de John Barry.

No medio do baile xa era tan amigo dos indios coma dos lobos, polo que Kevin Costner tivo que cambiar o guión. Sentinme libre coma o vento e durmín moitas veces baixo as estrelas. Os indios chamábanme irmán e os brancos, traidor. Os lobos lambíanme as mans e a cara.

Na realidade chámome Secundino Galpón, O Famento. Son fillo de Corona e Samuel, Os do Outeiro. O alcume xa me vén de bebé; seica non deixaba a teta da nai nin a goma elástica do chupete. E como famento que son quixen probar todas as comidas do mundo. Tamén o que comían os indios. De aí que estea bailando cos lobos de Kevin Costner.

A pesar de que nunca me vexo saciado, farto, non chego ós 60 quilos. Quizais esta sexa a causa de que lle caera tan ben ós lobos. Como ían perder o tempo rillando os ósos! Fixémonos amigos e penso que foi a mellor solución. Agora, como visto e calzo coma os indios, nótaseme máis a osamenta. É igual, eu sigo bailando cos lobos de Kevin Costner.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Domingo, 15 de outubro de 2023

sábado, 28 de octubre de 2023

MÁIS MAL QUE BEN


Eu, de min ó Celta, retirábame da competición. Pois se en once partidos lle “roubaron” catro, cantos lles “furtarán” cando rematen os trinta e oito da Liga? O asunto é para clamar ó ceo e mesmo para deixar todo e que algúns se vaian rir de quen os inventou. É que non hai dereito; sempre os pequenos, os desvalidos, os pobres, os inocentes son os que teñen que apandar con esas decisións... case que ía dicir dubidosas, pero ante as imaxes repetidas non teñen ningunha dúbida; son tan reais que é normal que a carraxe nos suba polas entrañas. Así un partido detrás doutro partido.


Fun o primeiro que defendín a chegada do famoso VAR ó fútbol español. Porque sempre imaxinei que era para solucionar, resolver aquelas xogadas que, por erros dos árbitros (admito os seus erros porque todo ser humano os comete), asoman ó longo de todo o partido. Pero agora vexo que, despois de cinco anos, o VAR está facendo máis mal que ben. Por en canto, eliminou toda a emoción dun gol, que xa sabemos que é a esencia do fútbol. Quen é hoxe o chulo que canta un gol ás primeiras de cambio? Cando sabes que, xogadas acaecidas moi atrás ou a man dun defensa que toca sen querer unha cara ou unha caída moi ben simulada, poden anular calquera vitoria ou calquera empate. Por unha deda, por un cotobelo, por unha orella poden pitar fóra de xogo. Polo debuxo dun balón poden non dar un gol.

Porén, quizais iso sexa o de menos, porque, si, un centímetro é un centímetros e entra entón dentro da legalidade. Pero o que non é de dereito é que falle estrepitosamente o propio VAR. Xa digo que sempre admitín e admito que os árbitros teñan erros, pero non me entra na cabeza que, o VAR, logo de ver unha e mil veces a xogada, faga tal erro arbitral aínda moito máis grande. E cométenos. Non só unha vez. Non só ó Celta. Non é de recibo que en cada xornada o mesmo VAR deixe os resultados, as accións, o fútbol en evidencia. E tanto xa nos erros arbitrais coma nos erros de cabina, ou sexa do VAR, tales desacertos, tales desatinos sempre caen do mesmo lado: dos desvalidos, dos modestos, dos que non se poden queixar. Aquí, no noso país, tan só se enchen páxinas cos erros arbitrais e do VAR cando estes prexudican ós dous grandes intocables. Estes alzan a voz e, sen rebentar os estrobos, ó domingo seguinte xa se nota tal queixa, tal lamento.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 28 de outubro de 2023