lunes, 4 de diciembre de 2023

O USO OU NON USO DOS MÓBILES


Andan os colexios e os pais a voltas co uso ou non uso dos móbiles por parte dos rapaces. É complicado o asunto. Os móbiles e Internet son bos sabendo usalos. Pero non lle podes pedir a un rapaz que o use só para os estudos. Se ten o móbil intentará usalo para os seus xogos e as súas mensaxes.


Non meus tempos de rapaz non había móbiles, pero metía as novelas do Oeste por debaixo das pernas e mentres o cura ou o profesor ou a monxa explicaba a lección, un servidor estaba coa cabeza gacha seguindo a peripecia do artistiña de seis pés e medio de alto que puña no seu sitio ós ladróns de gando ou asaltantes de bancos de Texas ou Wyoming ou Colorado.

Agora ferven os móbiles coas mensaxes por guasap ou mesenller ou instagram. Nos meus tempos esgazabamos a gorxa berrando por uns amigos e por outros, polas casa e polas airas. De novo nestes tempos, chamas a un amigo, quedas con el e, xa xuntos, cada un atende ó seu móbil.

Nos colexios, se se permiten os móbiles sempre se buscarán a vida, ou sexa, a trampa, o engano para usalos máis alá dos seus auténticos cometidos. Prohibilos? Sinceramente, non sei. Para certas materias son uns marabillosos aparellos que mesmo son útiles e divertidos para os estudos. O que dicía... sabendo usalos. O que sigo repetindo: non lle podes pedir a un rapaz ou mozo que deixe de manipular nel. A min mandábame a nai só para o monte para que estudase, pero eu buscaba a forma de xuntarme cos demais amigos e veciños noutro monte.


Bar Paco (O Vinteún). Ourense. Xoves, 30 de novembro de 2023

domingo, 3 de diciembre de 2023

NON SE LLE NEGA A NINGUÉN


Díxenlle adeus a aquel co que me crucei. Cando se di adeus é porque, un ou outro, marcha. Ou os dous. Si, ás veces tamén se lle di a un grupo ou mesmo a unha multitude. Pero sempre porque alguén marcha.

Un saúdo ou unha despedida non se lle nega a ninguén. Eu polo menos intento non negarllos, a non ser que estea tan despistado que se me pase. Que todo pode ser. Eu, por saudar, ata saúdo a aqueles que non quero ou non debería saudar. Intento facelo sempre só que sexa para amolalos, para xiringalos. Recoñezo que o fago con mala intención, pero non quero recuar ante o lema de non lle negar a ninguén o saúdo.


O saúdo debería ser enérxico, sen medo, sen vergonza. Un ola, un que hai, un que tal, un que pasa, un como vai... con forza e serenidade! Que non nos saia con voz de pito. O mesmo digo das despedidas... adeus, deica logo, chao, abur, deica mañá. E aquí tamén se pode soltar algo así coma unha broma: marcho pola sombra (cando chove), marcho a ver se me mollo (cando hai sol), marcho para Cachamuíña (cando vou para calquera lugar). O de Cachamuíña é unha ladaíña que me gustou sempre. Porque me gusta o nome de Cachamuíña. Certo que con esta despedida despisto a moitos; pensan que realmente largo para esa aldea do Pereiro de Aguiar. Ás veces chega cun sorriso ou cunha gargallada para deixar caer que o de Cachamuíña é un dicir, unha despedida.

Saúdo ou despedida, despedida ou saúdo, lembrade, non se lle nega a ninguén. A ninguén.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 30 de novembro de 2023

sábado, 2 de diciembre de 2023

EXTERMINIO HUMANO, EXTERMINIO LINGÜÍSTICO


Tiña intención de falar de fútbol, máis en concreto dos afeccionados ó fútbol, pero os acontecementos semanais, principalmente os da guerra de Israel, fanme cambiar o tema. E iso que xa denunciei varias veces tal guerra, tal xenocidio, pero é que o Netanyahu ese segue dálle que dálle ás súas animaladas. Mentres o exército israelí descansaba por un lado (nesa prórroga acordada con Hamás), atacaba por outro, a Cisxordania. Tivo que atacar porque, segundo propias palabras de Benjamin Netanyahu, “se non se loita contra os bárbaros, ganarán”. Pois case ten razón... hoxe deberían os demais países occidentais atacar a Israel porque xa se demostrou que son moito máis bárbaros que os terroristas de Hamás.


Quen se atreve a atacar a Israel? Quen lle busca as cóxegas ou quen lle cata as pulgas a Estados Unidos? Aínda que é verdade que non fai falta poñer de escusa ós ianquis, cando a nosa dereita española xa se alporizou unha barbaridade porque Sánchez, o presidente do Goberno, insinuou que Israel non estaba a actuar ben. Agora ese país xenocida semella que quere romper relacións co noso, algo que, claro, sería moito peor que unha irritación para o señor Feijóo. Eu, sinceramente, clamo a Deus para que se rompan. Non quero saber nada dun país que fai de Gaza un campo de concentración. Todos sabemos o que é un campo de concentración.

Xa non vou dicir nada máis do que xa dixen con respecto á comunidade internacional (de que mira para outro lado), porque é verdade que sería como predicar no deserto. Tan só queda aguantar e sufrir cos palestinos unha situación que vai máis alá da propia guerra. Iso é un exterminio sabido, escrito, falado e televisado.


E remato con outro exterminio: o lingüístico. A Real Academia Española da Lingua acaba de admitir unha morea de palabras novas nas que entran, faltaría máis, algún anglicismo. Isto dáme pé para criticar unha vez máis a aqueles que case arman unha guerra polo uso das linguas de España no Congreso dos Deputados. Seica era como tirar a casa pola ventá por culpa dos “pinganillos”. Cando resulta que a maioría dos “renegados” enchen os seus escritos e as súas expresións con anglicismos e sen importarlles que estes, non só invadan as linguas minoritarias, senón incluso a esa lingua que tanto aman e defenden. Mesmo os propios medios de comunicación, nos seus titulares!, xa usan os anglicismos a darlle cun saco. De pena.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 2 de decembro de 2023

viernes, 1 de diciembre de 2023

DAQUELA


Daquela souben que todo estaba aí: o carril da bici nun camiño de carros, o pararraios no fondo do pozo da Pillamadoira, a flor do toxo no campanario da igrexa de Baños de Molgas, a nostalxia no calo do pé esquerdo, unha bágoa, tan só unha no título dunha canción, un fouciño colgado da lareira, os chourizos espallados polo pinallo dun carro, un gol entrando por unha canastra, Supermán aterrando na Perla Negra e un espello cheo de bafo deixando intuír un corpo de muller espido, nu. O silencio asenta na algarabía dos meus pensamentos.


Daquela souben que o meu universo si é finito e que o soneto non leva máis alá de catorce versos. Ninguén debería nunca imaxinar que, de cando en vez, chove no deserto ou que as rulas non coñecen nada máis que as gaiolas nas que dormen. Saber, iso si, que despois do día chega a noite e que un vestido azul bambea, cimbra sobre un corpo de muller perfecto. Non todos os saloucos saen do mesmo peito nin todas as argolas serven para reter os becerros. Que chova ou que deixe de chover, sobre o ruído adáptase, axústase, acomódase o silencio.

Daquela souben que a melancolía é o pracer de estar triste; dicía aquel. E o tempo pasa amodiño cando na realidade a tartaruga pega un esprinte polo parque das Mestras. E entre carballo e carballo, entre pedra e pedra a morriña deixa caer a corna sobre a almofada do silencio. Ó final todo é silencio en todo o que estaba aí: no carreiro que se volve estrada, no sacho que fai de aixada, na esperanza que quere traspasar o bafo, na lúa nas súas catro fases e na esaxeración nunha tinta que caeu sobre un papel en branco. Daquela todo acaba.


Café Beker. Ourense. Martes, 28 de novembro de 2023

miércoles, 29 de noviembre de 2023

A FERIDA


Por momentos penso de poñer un esparadrapo nunha ferida que teño na man dereita. Teño medo a que se me escapen por aí os soños. Decido non facelo, xa que, cos soños, ás veces, tamén bailan un rock and roll os pesadelos e entón case é mellor que sexan estes os que fuxan por aí. Se queren. Que en cuestión de soños e pesadelos non hai vontade que se meta, nin intención que actúe.


Tamén non sei quen me dixo que cubrir a ferida sería bo para evitar que se infecte. Non creo que os microbios ou xermes ou bacterias se atrevan con certos pesadelos. Ademais, sempre fun partidario de que as feridas (neste caso, as feridas físicas) curan mellor ó aire libre. Por iso é que, mellor que quede a cousa como está. E que os soños, opinións, pareceres, xuízos, criterios, actuacións bailen ó seu albedrío. Que a vida son dous días e que tampouco paga a pena angustiarse por unha pequena ferida.

Sei que máis cedo ou máis tarde acabará curando. As feridas curan todas. E se non curan, que carallo, hai que aguantalas. Pero nunca, nunca deixarse vencer por elas. E, si, xa falo das feridas mentais, desas que din que doen unha barbaridade. Hai que saber soportar a dor! Non podemos deixar que nos venza un corte de nada, un golpe da vida. Hai que erguer e poñerse a andar, que o camiño segue, sempre segue. E se non hai camiño, faise. Como dicía aquel: faise camiño ó andar. E durante todo o percorrido, aquí segue: a ferida aberta e ó aire libre. Xa curará. Todo cicatriza.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Luns, 27 de novembro de 2023

martes, 28 de noviembre de 2023

A BABY JANE DE ROD STEWART


Saín da casa coa Baby Jane de Rod Stewart. Na beirarrúa o sol pegoume unha labazada na cara, aínda que a tarde está fría. Deixei voar o pensamento para escribir algo. Só asomaba a tal Baby Jane. Antes de chegar ó atallo pasoume un coche de cor branca. E, xa no atallo, o sol e a sombra partía o carreiro de cemento pola metade. Un paxaro cantou, unha pomba alzou o voo, un cogomelo asomaba por entre as herbas e un bonito toxo adiviñábase na distancia, alá ó fondo, na marxe dun lameiro.


Cheguei á Valenzá con Camariñas de Luz Casal e Luar na Lubre. O ruído dos coches xa era máis intenso. A xente esperando no autobús e o meu pensamento ancorado na Baby Jane de Rod Stewart. Aínda que, de cando en vez, quería asomar un verso... incompleto, un conto... sen pés nin cabeza, unha historia... baleira. Así é que seguín pola beirarrúa dereita.

Non tardei en cruzar para a esquerda co Duelo de banjos na cabeza. Vin a un pardal peiteando nun, creo, cacho de pan. O ruído dunha moto asustouno. Os meus pasos cada vez eran máis curtos porque estaba a piques de chegar ó destino e o pensamento seguía sen atopar tema, sustento.

O destino non era outro que un local no que tomei un café mentres escribín sobre nada en concreto e sobre algo en particular. Porque no pensamento seguía dálle que tumba a Baby Jane de Rod Stewart. Menos mal que entre a saída e a chegada o camiño ten a súa distancia.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 24 de novembro de 2023

lunes, 27 de noviembre de 2023

DARTH VADER FACENDO DAS SÚAS


Pasando o tempo nos penedos de Barricobos co meu can Uriarte, escoitei moito barullo procedente de Entreloríos. Marchei correndo deica a Pitediña para saber de que ía tal algarada, tal rebuldaina. Uns veciños comunicáronme que polo monte Medo andaba Darth Vader facendo das súas coa súa espada láser. Eu ben souben ler nos ollos dos meus paisanos: estaban a pedirme que resolvera tal situación. Tíñanlle medo. A fama que precedía a Darth Vader non era nada boa. Que non sei que do lado escuro.


Como a escuridade do día aínda non era tal (en concreto eran as cinco da tarde), marchei só con dirección ó Medo. Perdón, co meu Uriarte. Este, o pobre, nunca me deixaría só. Como armas levaba a vara aguillada na man dereita e o caxato do temoeiro no peto de atrás do pantalón. Malo será que non lle impoña un pouco de respecto. Aínda que recoñezo que a loita, en caso de habela, sería moi desigual. Confiaba tamén un pouco nos cairos, nos caninos do meu can.

En Sudalomba xa vin como Darth Vader andaba a golpes cos toxos, carpazas, xestas e carqueixas. A súa maldita espada deixaba un rastro de cinsas e borralla que daba a imaxe dunha certa desolación. Lanceille un berro, un ergutío, un aturuxo e a miña aguillada fixo de escudo para parar o golpe da espada láser. Ó mesmo tempo espeteille o caxato do temoeiro na gorxa e o Uriarte fixo presa nas partes íntimas do habitante de Tatooine e, este, si que non tardou en pasar ó lado escuro da existencia. Os veciños quedaron pampos de asombro. Líaselle nas caras e nos ollos.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Xoves, 23 de novembro de 2023