miércoles, 7 de febrero de 2024

TIGRE Ó AXEXO


O sol atravesa os cristais das ventás da cafetaría. Case queima, case abrasa. Como algúns recordos, como algúns momentos. Hai recordos e momentos que van máis alá de sinxelas metáforas, de simples imaxes. De simples imaxes fotográficas, por exemplo. Ou de simples conversas, ou de simples ruxerruxes.

Recordos e momentos que se mesturan no tempo, que están aí, acurrunchados ou encollidos; en silencio. E cando asoman, fano con berros. Con berros, unhas veces, continuos e, outras, con berros secos. Hai berros que rebentan a imaxe dun espello, ou que empurran ó acto do desexo. Tamén hai desexos que se viven a berros e... en silencio.


O sol non tardará en acochar tras os edificios de enfronte. Deixará de queimar, de abrasar. Pero ferverán os latexos e os anhelos e os devezos. Sempre haberá instantes nos que a vida cabalgará sobre a ilusión, sobre esa esperanza que nunca se perde. O afán de vivir e soñar é eterno. Será sempre eterno.

O tempo pasa amodiño por diante do espello, ou por diante da propia cámara fotográfica. Mentres, o tigre está ó axexo. Porque o instinto animal é ese... o de choutar e abrazar a presa. Con ruído, mesmo con berros. Nunca en silencio. O tempo de silencio será para cando o acto, a acción, o feito remate nunha mestura de apreixos e desexos.

O sol acochou e os versos caeron, agora si, en silencio sobre un poema cheo de consolo e de moito agarimo, de moito afecto. Sempre hai momentos nos que, no silencio, berramos e, no ruído, quedamos en silencio; ó axexo.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Martes, 6 de febreiro de 2024

martes, 6 de febrero de 2024

A FIGURA DE CAXATO


Tomei o caxato de carballo e experimentei sobre el. Primeiro quixen esculpir unha figura de muller cunha saba de flor de toxo; a madeira estaba dura. Desistín. Optei por coller un misto e poñerlle lume. Ardeu. Co experimento souben moi ben que a madeira arde. Pena de futura figura. Cambiei tal acción por debuxala nun papel. Nun papel cuadriculado. A figura quedou ben. De almofada puxen outro caxato e, así, a cama semella unha cruz. Pero sen a crucifixión da muller. Esta tan só dorme arroupada polas flores do toxo. Tan só por flores. Os toxos pican.


Cando rematei por completo a debuxo, e non tendo o caxato nas mans, optei por recoller a cinsa, metela nun frasquiño (sen ser unha urna funeraria) para, máis adiante, espallala, esparexela polas macetas nas que teño os xeranios. Sempre oín que a cinsa podía suplir ou substituír a outros abonos.

Como a conciencia estaba a furgarme un pouco as entrañas (deume non sei que queimar o caxato), fun correndo ó sabugueiro que teño á beira da palleira e, alí, collín outro caxato e prometinme que esculpiría á muller aínda máis fermosa, pero espida, non arroupada por nada. Espida por detrás e ensinando tan só as costas. Se fora por diante, os peitos obrigaríanme a labrar abondo coa navalla no caxato. E o que eu quería era rematar a figura canto antes... coma pedíndolle perdón por queimala no anterior caxato.

Dito e feito, non tardei en rematala e agora anda de continuo nun peto da miña cazadora, na que, meto a man, e sinto o tacto das costas do sabugueiro sobre os meus dedos. Con estes acaríñoa unha e outra vez.


Cafetaría D´Lux. Ourense. Luns, 5 de febreiro de 2024

lunes, 5 de febrero de 2024

O HOME DE ASUNCIÓN


Falei co home de Asunción, ó que, por certo, non lle coñecía o nome, sobre un asunto no que os biosbardos bailaban ó son dun ladrido do meu can Uriarte. Miroume un pouco estrañado e díxome que a min non me coñecía de nada. “Eu tampouco te coñezo moito”, díxenlle, “pero sei que es o home de Asunción”. “E que?”, preguntoume. “Nada. Que só tiña ganas de falar contigo”.


Agora xa me mirou de mala maneira, e de esguello! Pero antes de que dixera nada, volvín a falarlle sobre a cuadratura do círculo colgada dunha galla dun carballo e asubiando. Rosmou de que non sei que me mallaría coa galla do puto carballo. Con boas maneiras pedinlle calma. Non fixo moito caso; primeiro deume un empurrón suave e, cando viu que eu deixaba aflorar un sorriso, quixo lanzarme incluso unha labazada. Esquiveina, eludina, sorteeina; son eu o tal para deixarme zoupar. “Pero, home, que fas”, solteille. E fixen coma un neno pequeno: “Mira que llo digo a Asunción”.

O home de Asunción esbardallou e braceou de tal forma que non me quedou outra que recuar uns pasos. Ó mesmo tempo solteille un pequeno discurso sobre o discernir da Santa Compaña polas carreiras das Pedradarcas. “Non sabes onde quedan as Pedradarcas?”. “Alá en Baños de Molgas, tirando para o outeiro de Vide”, acabei por confesarlle.

Cando notei que o acaloramento do home de Asunción ía a máis -incluso se lle notaba como o sangue lle subía ás meixelas-, recuei uns pasos máis e só me atrevín a dicirlle que lle dera recordos a Asunción. Sorrín e, antes de que reaccionase, dei media volta e marchei.


Café Paseo de Ramoleox. A Valenzá. Sábado, 3 de febreiro de 2024

sábado, 3 de febrero de 2024

SOBRE ERROS E PROFUNDIDADES


Agora si que xa estamos oficialmente en plena campaña ás eleccións galegas. Agora os líderes nacionais achéganse á nosa terra. Por fin! Veñen de catro en catro anos. Algo é algo. Durante un día ou dous percorrerán as provincias por estradas cheas de fochancas. Ante tal situación, prometerán o santo e máis a esmola, ou sexa, o asfalto e as sinalizacións. Porén, o día 19 xa estarán instalados de novo nas súas poltronas ou viaxando por autovías e autoestradas e Galicia... Galicia quedará xa demasiado lonxe. Demasiado profunda.


Profundo é o análise que se pode facer da situación na que está a pasar un veciño de Mazaricos, de 78 anos de idade, que a Seguridade Social deu por morto. O homiño soubo da súa morte cando viu que da súa cartilla de aforros diminuían os cartos a gran velocidade. Nun amén quedouse sen 20.000 euros, que non son nin 50 nin 100.


A ver, os erros hainos e calquera pode cometer un erro; desde un pobre paisano ata a mesma Administración. E nestes tempos informáticos que nos toca vivir, mesmo penso que o erro é máis fácil de cometer, pois chega con darlle a unha tecla mal dada e desapareces por arte de encantamento. O que xa non me entra tan facilmente é que, sabido xa do erro, a Administración aínda non lle devolvera a cantidade retirada. Aínda peor: el, sen cometer o erro, ten que dar mil voltas (as está dando) para poñer todo ó día, legalmente. A Administración, segundo foi quen para, sen voltas, sen rodeos, quitarlle os cartos (ou matalo, si), debería, agora, repoñerlle, non xa só os cartos, senón todo o papelame que arrastra tal desatino, tal desacerto.


Profunda é a preocupación que existe, en pleno inverno, pola seca. O asunto non está tan só na seca que poida haber en Cataluña ou en Andalucía. O caso xa vai moito máis alá desas dúas Comunidades. O caso debería abarcar xa a toda España e, mesmo, a todo o mundo. O dito ese de que o tempo xa non é o que era, hai que empezar a collelo ó pé da letra. O cambio climático xa está aquí desde hai tempo. Pero, ata agora, tal cambio só merece parladoiros políticos ou administrativos, sen ningunha actuación. As actuacións chegarán coma sempre: tarde, mal e nunca.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 3 de febreiro de 2024

TEÑEN AS BÁGOAS SABOR A PICANTE?


Alguén me preguntou de que sabor eran as bágoas? A verdade é que non o sei dicir. Si que teñen sabor a algo, pero non sei dicir moi ben a que. Case sempre se dixo que o seu sabor é salgado. Outros que doce. Poden as bágoas ter a cor da esperanza? Esta din que é verde, non si? Os sabores e as cores é algo moi relativo. Para gustos hai cores.

De que sabor é a felicidade? Hai lágrimas de felicidade. De que sabor é a pena? Esta poida que si teña un sabor concreto: a fel, a bile. A mágoa é que hai lágrimas de pena. Si, tamén hai lágrimas de crocodilo. As falsas. A falsidade ten sabor, ten cor? Creo que aínda é peor ca pena; a falsidade é negra, é aceda, é traidora, é hipócrita.


Hai bágoas que teñen sabor a soños, a asubíos románticos e á cor amarela da flor do toxo. Hai bágoas de ansiedade, nas que dá igual o sabor; simplemente que caen e baixan cunha certa ansia ante a esperanza dun desexo. Hai bágoas que saben a berros e silencios. Hai bágoas sobre as almofadas e sobre os ombreiros... de quen cadre. Hai bágoas mornas e frías, calmas e de moita ebulición.

O sabor das bágoas é unha mestura de sentimentos e anhelos ou devezos, de silencios e leitos, de abrazos e bicos. Algunhas bágoas teñen sabor a versos soltos ou a poemas enteiros. A maioría saen de moi adentro. Moitas son o bambán duns sentimentos que afloran, que emerxen, que xorden e non queda outra que deixalas agromar. Aquí xa dá igual o sabor e a cor. Cando brotan baléirase a alma, unhas veces, e furgan no espírito, outras. Nunca deixan a un indiferente. Teñen as bágoas sabor a picante?


Finca Fierro. Barbadás. Venres, 2 de febreiro de 2024

viernes, 2 de febrero de 2024

O VIAXEIRO


Son un viaxeiro de moito pendello. Viaxo moito. Gústame viaxar. Pola mañá fun dúas veces ó centro de Ourense e pola tarde volvín ó centro de Ourense. Pola mañá fun á Valenzá. Pola tarde volvín á Valenzá. Viaxo de aquí para alá e de alá para acá. Viaxo por todos os lugares habidos e por haber. Viaxo ó Oeste coa música de Morricone e ó futuro con Vangelis. Viaxo para ler na explanada que teño por xunto ós garaxes.

Viaxo polo verbo viaxar, desde o presente de indicativo ata o pretérito perfecto, pasando, por suposto, polo xerundio e polo pretérito imperfecto. Viaxo pola vía láctea e pola carreira das Costelas, polas cores do arco da vella e cando saio de paseo coa cadela. Viaxo a Ramiras, en Macendo, e a Baños de Molgas, miña terra. Viaxo amodiño e correndo.


Son viaxeiro de forza maior. Porque teño medo que se non viaxo, a casa me caia encima. Non me apetece ter unha morte desas. Ademais, viaxando vese mundo, moito mundo. Hoxe por hoxe aínda que só sexa pola contorna. Pero baixo a batuta do pretérito perfecto, podo dicir e digo que viaxei pola maior parte de España, por Montpellier, por Venecia, por Iugoslavia cando aínda era Iugoslavia, por media Grecia, por Sofía, por Chaves, por Viana do Castelo e Valença do Minho, por Santa Cruz de Tenerife, por toda a costa galega, por todo o interior galego e, se queredes, mesmo pola Galicia profunda. Polo monte Medo farteime de viaxar polas mañás. Polo monte de Pinouzos media vida viaxando polas tardes.

Viaxo polos sentimentos e os soños, polas pingas dos bafos dos espellos, polos campos de fútbol e as vías do ferrocarril, polo eco dun berro e polas asaduras da ansiedade. Viaxo coa música de Elvis Presley e de Sabina, de Carlos Núñez e Guadi Galego. Viaxo sempre porque son un viaxeiro eterno.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 30 de xaneiro de 2024

miércoles, 31 de enero de 2024

CONFUSIÓNS


Ás veces confundo o sentido coa sensibilidade, a carraxe co odio, unha furgoneta cunha camioneta e o monte Medo co de Pinouzos. Báilanme os obxectos e mestúranseme os pensamentos. Claro que, con todo iso e algo máis, fago un nobelo, un feixe e cargo con el sobre os ombreiros.


Pesa. Vaia se pesa. Pesa como a culpa e a inconsciencia, como o pecado e a imprudencia, como a xenreira e a hostilidade, como o mal e a doenza. Non obstante, cargo con todo porque con todo hai que saber cargar; para tirar sempre cara á adiante. Aínda que se dea algún paso atrás. E haino que dar. Pois xa sabemos que todos os camiños teñen os seus atrancos.

Por moito que se diga, non confundo a velocidade co touciño, nin o repolo coa verza branca, nin os cabazos coas cebolas, nin as peras cos olmos. De algo ten que valer sentirse labrego. E gandeiro. E rural. Tampouco confundo a Galicia profunda cos parvos de pacotilla nin cos paiolos de xenuflexión. A ver se pensan algúns que as vacas non ensinan nada e que os sachos son caxatos ou bastóns para axudarnos a andar. A Galicia profunda vai moito máis alá duns listiños ou intelectuais con toga.

Por veces confundo os latexos cos tronos, os desexos cos alustros e un mar de nubes cun banco de néboa. Aínda que, así, sei soñar esperto e fágoo, por suposto, á miña maneira, que é como mellor se soña. Sei mirar para o reflexo dun espello e sei como engancharme a un anhelo eterno. Sei que o cosmos é eterno, aínda que o meu universo sexa pequeno. Pero é o meu universo, o meu devezo, o meu soño.


Café Beker. Ourense. Martes, 30 de xaneiro de 2024