domingo, 7 de abril de 2024

UNHA ESTACA DE CASTIÑEIRO


Virei o caxato que me tiraron a traizón. Se non chego a cometer tal acción, ó mellor quedaba no sitio. Máis que caxato semellaba unha estaca. Unha estaca de castiñeiro. Non sei quen me pode querer tan mal. Non me importa que me rifen ou que me chamen a atención, pero que me tiren obxectos duros a traizón é algo que non asimilo moi ben.

Intentei buscar ó causante do lanzamento e tan só atopei silencios e ausencias. Mesmo lles preguntei a veciños e amigos e non me souberon dar razón. Algún incluso deixou asomar un sorriso burlón. Seguro que pensaba que eu estaba a esaxerar. Enténdese que hoxe ninguén lanza estacas para facer mal. Hoxe úsanse pistolas ou granadas ou drons ou mísiles, armas de certa sofisticación.


Porén, eu tamén vou ó clásico: que me armo de fouciño por se me atopo de novo con ese malnacido. As pistolas son ruidosas e... para que chamar a atención? Tampouco o inimigo se quixo dar a descubrir; usou a estaca, que é máis silenciosa.

Percorrín os montes dos arredores por se o tipiño se escondera entre os toxos e codesos ou entre as xestas e silveiras. Mesmo cheguei a mirar na presa do Segundo por se se acochara entre as carrancoñas dos amieiros que dan ó río. Nada; por alí só escoitei o ruído das augas ó verter a presa, a vaira e algún que outro piar de paxaro. Todo o demais era silencio. E ausencias.

Non obstante, sigo contento por desviar o caxato que máis ben era estaca ou tranca que alguén me lanzou a traizón. Puiden quedar no sitio. Emporiso, aquí estou; podo contar o conto. Conteino.


Café Chechu. O Vinteún (Ourense). Xoves, 4 de abril de 2024

sábado, 6 de abril de 2024

A MOITOS CHÓVELLE ABONDO


En abril, augas mil. A verdade é que xa chega de chuvia. Esta cansa, aburre e molesta. Non é que chova así moito, moito, pero ó ser case todos os días xiringa bastante porque non deixa facer moita cousa, e hai que lembrar que estamos na época das sementes. Claro que, grazas á chuvia, Galicia é como é. Así é que... se chove, que chova.


A moitos chóvelle abondo. Ó Netanyahu ese, de máis. Por moito que agora destitúa a dous comandantes polo ataque que se realizou en Gaza a unha ONG do español José Andrés e no que morreron sete cooperantes, o mal xa se fixo. E por moito que se diga que non foi intencionado, nas guerras sempre sucede o mesmo: que, con intención ou sen intención, acaban pagando os máis inocentes.

Tamén lle chove, e moito, ós Estados Unidos de América (a verdade é que a estes sempre lles chove), que lle piden a ese mesmo Benjamin Netanyahu que non invada Rafah, pero, en segredo, seguen a enviarlle cazas e bombas. Así, cunha man acariñan a cara e coa outra parten a alma. Hai que ter mala conciencia!


Ó noso Luis Rubiales, ese personaxe que está sendo investigado polos catro puntos cardinais, tamén lle chove abondo. Cando confesa que o diñeiro das súas contas é produto do seu traballo e dos seus aforros. E, nós, de parviños, crémolo. Eu, traballando toda a vida e aforrando coma un can doente para non me chegar estes aforros nin á chatarra que teña el. Xa hai anos que denunciei os roubos e mafias das federacións deportivas (non só a de fútbol), porque tanto nestas como en calquera outras asociacións ou agrupacións ou sociedades ou entidades ou corporacións ou etcéteras que manexen cartos, moitos cartos, o ladroízo está á orde do día. Non hai nada máis cobizoso que os cartos!


Choveulle moito á senadora e alcaldesa de Mos, do PP, cando lle lanzou coma un lóstrego a un senador socialista o famoso anuncio televisivo de Stevie Wonder, “se bebes, non conduzas”, en referencia a que, o socialista, pagou unha multa no 2011 por dar positivo nun control de alcoholemia. Tal acusación volveuse na súa contra tan axiña como se soubo que, a listiña, tres anos antes, tamén tivo que pagar unha multa polo mesmo motivo. Inocente, que es unha inocente!


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 6 de abril de 2024

viernes, 5 de abril de 2024

LEITO DE TOXOS NA HABITACIÓN DOS SOÑOS


Por que non podo deitar sobre un leito de toxos na habitación dos soños? Xa sei que pican, pero así tamén raño, tamén rasco. Nesa habitación na que a luz brilla baixo unha tonalidade amarelada. Por que non podo soñar dentro do mesmo soño e mentres as ilusións van e vén sen saber de onde? Por que os infinitivos rematan en R e a súa conxugación percorre todos os tempos?

Quero asubiar dentro do soño do soño e só me sae un ruxerruxe de follas secas esmagadas polos pezuños do burro que anda comendo nos toxos. A flor do toxo é bonita e o leito de estrume acouga coas miñas ansias de querer ser e non poder, de querer estar e notar tan só o silencio.


Por que non podo navegar coa Perla Negra por ese mar azul e verde e gris e marrón inmenso? Por que non lle canto un réquiem a ese desexo que non deixa de ser eterno? Son a pinga de auga que baña o seu peito e o caxato de temoeiro que suxeita o feixe dos sentimentos. Son o mar e o toxo, o barro e os soños. Son o leito e a ilusión, a folla seca e o verbo que se fai carne. Son o estrume e o silencio, a lúa e o universo. Son a ausencia que flota cara ó ceo aberto.

Quero deixar constancia de que a ruleta da fortuna roda como lle dá a gana e de que a luz brilla cando se lle dá á chave, ó interruptor, á conciencia. Hai conciencias negras e cheas de silvas que engarran e esgazan a pel á que se agarran. Como hai conciencias brancas que se acenden cando os actos non proceden. Non hai coma un leito de toxos na habitación dos soños.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 2 de abril de 2024

jueves, 4 de abril de 2024

CURUXA BONITA!


Quedei en ridículo cando me vin e me viron colgando da agulla grande -a dos minutos- dun dos catro reloxos da igrexa de Baños de Molgas. Subira á pata coxa (de chulo) os cento e pico chanzos da escaleira que sobe ó ceo, digo ó campanario. Cheguei arriba rebentado. Normal. Apoiei entón a man dereita sobre unha das varandas que, co paso do tempo, estaba chea de ferruxe e cedeu tan subitamente que, sen chegar abaixo, simplemente na simple saída, xa me vin estrullado no atrio de cemento.


Non sei como fixen (seguro que foi o medo ou a inercia), pero o caso é que me vin agarrado á agulla dos minutos. Deume tal zoupada o corazón que pensei que me rebentaba o peito. Non estralou, pero non tardei en notar a dor e a canseira na man dereita, que era da que estaba colgado. Nun amén botei tamén a man esquerda e foi aí cando a agulla rexeu e case se pode dicir que me encomendei a Deus. Eu, que xa non creo na relixión. Sempre crin, sempre creo e sempre crerei na miña nai, que foi o berro que deixei escapar cando notei que aquilo tiña moi mala pinta. Moi mala.

A xente xa se congregara no atrio e oíanse toda clase de laios e peticións. Sabían que nin tempo terían de achegar un colchón inchable. Por se valía de algo. Eu mesmo sabía que non valería de nada, precisamente por falta de tempo. Ante isto, que carallo, xa me deixei ir. O cemento achegábase á velocidade da caída e uns metros antes de rebentar contra o chan, vinme nas ás dunha curuxa que me levou a aterrar sobre as fincas da Pitediña. Pegueille tal abrazo á curuxa, que piou. Deille entón un bico no pico. Curuxa bonita! Ela emprendeu o voo e eu quedei sentado nun rego e tremendo de medo.


Café Beker. Ourense. Martes, 2 de abril de 2024

martes, 2 de abril de 2024

O BERRO QUE NON SAE


Arrastrei as entrañas polo bulleiro dunha idea, dun concepto que, ó mellor, non procedía, pero tampouco perdía nada ante a ilusión que me facía. E como a ilusión ou a esperanza é o último que se perde, seguín envorcallándome polo lamazal do desexo. Hai desexos que se debuxan collendo de modelo unha fotografía, e hai realidades que poñen a cada un no seu sitio. Para rematar coa sentenza de... aquí paz e despois gloria.

A paz dá igual; a gloria é efémera. Ora que, co pouco que queda, acubillareina detrás das reixas dunha gaiola. Aí, os berros racharán o silencio e o que puido ser nin é nin será. Maldita a lama do lameiro! Ese lameiro no que pacen os versos que remoen sentimentos.


Cheguei ó cabo da novela todo mollado e emporcallado coas ilusións rotas, os berros roncos, os latexos descosidos e as fantasías aniquiladas por catro asubíos de advertencia e dous ouleos salvaxes. Sempre pensei que os soños eran bonitos ata que, estes, se volveron pesadelos.

Non queda outra, entón, que seguir envorcallándose pola lamorqueira da conciencia. Que tampouco me é tan bonita e tan inocente como presumía. Porén, tampouco é plan de espallar, de esparexer as miñas perversidades, o meu negativismo. Cada un é como é, e cada un presume como presume e do que presume. A miña conciencia non é moi distinta da dos demais.

Arrastro as miñas asaduras polo parágrafo mal escrito e o poema peor recitado. Son coma ese berro que, aínda abrindo a boca, non sae.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 1 de abril de 2024

lunes, 1 de abril de 2024

UN CANDIL SEN MECHA


Os seus xestos son tardeiros, cachazudos, pausados. O seu proceder é lento. Semella máis un sapoconcho que un ser humano. Emilio Celeirón Estuarte, O Pausado, nunca ten présa. Nin tan sequera cando se ten que enfrontar a un perigo moi grande. Endexamais se apura. A súa ladaíña é: calma, que o mundo non se acaba. E colle todo a pachorra. Mesmo esas discusións futbolísticas que adoitan desenvolverse nos bares. Gústalle o fútbol pero non se esgorxa, non brama ante un erro dun xogador ou do árbitro, nin pica coma o pancho nos comentarios dalgúns espectadores. Sabe que mentres discute, e da forma en que o fai el, alá vai máis de medio partido. Así é que cando empeza algunha pequena disputa, axiña acaba lanzando un: cala, oh, e morra o conto.


Co Pausado morre o conto á forza. Incluso os propios compañeiros, veciños, amigos non se dirixen moito a el para non desesperar ante a súa lentitude ó falar. Tampouco lle piden moita axuda (todos os da aldea traballan na labranza) para non eternizarse facendo as cousas. Polo baixo, chegan a comentar se non o fará xa a propio intento, precisamente para que ninguén lle pida axuda e así vivir coma un rei.

El tamén pensa niso, en se os veciños pensarán que o fai a propio intento. Cada vez que pensa desta maneira deixa asomar un sorriso tan lentamente que nin eu mesmo sei se é un xesto ou algo que se lle asemelle. Menos mal que xa o coñezo de tal maneira que sei que a súa lentitude non é finxida. Sempre foi coma un sapoconcho ou coma un candil sen mecha. Emilio Celeirón, O Pausado, pousa sobre min a ollada e, agora si, noteille perfectamente o sorriso.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Xoves, 28 de marzo de 2024

sábado, 30 de marzo de 2024

A BORRASCA NELSON E A RELIXIÓN


É certo que o mal tempo trastornou moito a Semana Santa; máis no aspecto relixioso que no turístico. No relixioso, houbo sitios nos que mesmo houbo que suspender procesións. No turístico, as previsións foron as que se esperaban, malia á borrasca Nelson. Como lle oín pola televisión a algún turista do sur: que o mal tempo, para eles, era bo, que máis ou menos era o que buscaban, que as altas temperaturas xa lles chegaba no resto do ano. Dunha forma ou doutra, todos contentos.

Salientar tamén que o mal tempo repercutiu nas pallasadas dalgúns. Pallasadas que sempre, sempre traen desgrazas. Falo desas catro mortes que se cobrou o mar en Asturias e Tarragona a causa desas parvadas que se cometen ou ben por autorretratos ou ben por chulería ou ben porque a min nunca me pasará... ata que pasa. Sempre pecamos da mesma insensatez cando o mar está máis que revolto. Nada, simplemente que obviamos o perigo. Pero agora, por esas insensateces, por esas pallasadas quedan catro familias rotas e desconsoladas. Somos tan parvos que nunca lles facemos caso nin as previsións atmosféricas nin ós avisos que nos adoitan soltar.


Como o asunto vai de mal tempo e relixión, vou seguir con esta, cunha nova que xa aconteceu hai un tempo, pero que me segue a furgar por dentro. O xa ex presidente da Conferencia Episcopal Española despediuse do seu cargo invocando a que se deixara o pasado en man de Deus. Coma se Deus arranxase o dos abusos. Coma se Deus fose o que cometera os abusos. A Igrexa fai exactamente igual que as dereitas cando a alguén se lle dá por falar da memoria histórica, que para que remover ou remexer no pasado? Non vaia ser que lles caia a cara de vergonza.


A relixión era a que, antigamente, dominaba o 19 de marzo con respecto á celebración do san Xosé. Era o día do santo ese. Agora hai que recoñecer que perderon a batalla ante os grandes comercios, que de santo pasou ó Día do Pai. Tanto é así que, estes, é dicir, comerciantes e hostaleiros piden un domingo para este día, para que as ventas non caian entre un 30 e un 80%. Aquí é onde se aprecia que o de ser pai é unha carallada, que o que importa é o negocio. Sempre dixen que os Días de tal e cal son produtos do Corte Inglés, ou sexa, dos grandes centros comerciais. Nin relixión, nin paternidade, nin rabo de gaitas. A mercar agasallos, e todos contentos!


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 30 de marzo de 2024