martes, 4 de junio de 2024

SOBRE ASUBÍOS


Semello o asubío que me filtro por entre os meus propios labios. Limpo, claro, agudo, ó estilo morriconeano con remate tarantiniano. A verdade é que agora xa non asubío como asubiaba. E non me refiro á calidade, á profesionalidade do asubío, senón que vou máis polo das veces que o facía e o fago, polo tempo que botaba asubiando.

De rapaz, cando máis forte e cando máis tempo botaba asubiando, era polo can, polo Uriarte. Despois, xa en menos ocasións, o asubío saía como chamada ós amigos ou mesmo á familia para saber en que finca ou leira andaban. Pasado o tempo, en Madrid, polos oitenta, cando máis asubiaba era nos días de néboa, ou cando levaba moito tempo paseando polas rúas. Unha vez preguntáronme se era galego. Si. É que os galegos asubiades moito. Os demais non sei, eu si.


Na Galicia profunda asubiaba máis cos dedos. Na capital do Imperio facíao cos beizos. Non era plan alterar a Gran Vía ou a Porta do Sol. No Medo e en Pinouzos é todo monte e, aquí, o asubío pode espallarse como queira. O único que pode asustar é ás pegas.

Na xuventude asubiaba cancións enteiras porque as sabía de memoria. Agora, precisamente cando a música me gusta máis ca nunca, non alcanzo nin unha estrofa, nin un retrouso. A memoria, coa idade, esvaece, practicamente é xa efémera. É tan efémera que non consigo lembrar o tema que levo xa meses asubiando, sabendo, iso si, que é de Morricone na versión dunha película de Tarantino.

Asubiar é bonito. Asubiar remexe os pulmóns e mestura latexos do que foi e do que é. Do que será... haberá que seguir asubiando. Marcho co Morricone e Tarantino filtrándose polos meus asubíos.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 4 de xuño de 2024

lunes, 3 de junio de 2024

RESPONSO POLO VERSO SOLTO


Vou soltar un responso polo verso que se deixou caer do poema. Hai versos soltos que son moi cridos e, claro, a realidade asfíxiaos de tal maneira que acaban morrendo. Requiescat in pace polo pobre cativo. El mesmo pensaba que estaba demasiado prisioneiro e quixo presumir de liberdade. A liberdade hai que saber ganala. Ás veces non queda outra que aguantar un pouco e compartir as rabuñaduras da alma ou os berros das protestas cos demais versos do soneto, cos demais compañeiros.


O verso que se deixou caer, en poucas palabras, contaba que a vida era un ramallete de rosas e uns cantos sorrisos nos beizos. Máis ou menos. Pobre infeliz! A vida non é tan bonita como el quere presumir. A vida, por veces, quizais por moitas veces, é a treboada que asoma, o trono que estoura, o alustro que asusta e a auga que molla. A vida son moitos berros e, quizais, outras tantas bágoas. A vida é coma ese verso que se deixou caer e que, pouco a pouco, minguou no anhelo de querer ser libre. Kirieleison. Kristieleison polo mesmo...

Logo de tanto canto fúnebre, o verso arrastra a súa tristura e, de esguello, mira cara ó seus compañeiros coa intención de volver ó soneto. A experiencia acaba de dicirlle que a realidade vai máis alá dun desexo inocente e que a vida, como tal, ten que ir rimando polos sucos do tempo, por todo o poema. Kirieleison, kristieleison polo verso solto...

Agora si deixa escapar pingas de estima para, pouco a pouco, quedar enxoito das súas ansias de alardear. Cando xa está practicamente seco e, ante tan pouco peso, o verso solto sobe con certa vergonza cara á primeira estrofa. A realidade zurciuno definitivamente ó poema.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 3 de xuño de 2024

Finca Fierro. Barbadás. Luns, 3 de xuño de 2024

domingo, 2 de junio de 2024

ALGO HABÍA


Sabía que había algo alá. No fondo. Notaba movemento. Vía como as xestas se movían. O aire era inexistente. Algo había. Achegueime con cautela. Ante certos movementos hai que facelo, non con medo, pero si con prudencia, con precaución. Podía ser un animal perigoso. Mesmo un ser descoñecido. Ou un extraterrestre galáctico. Sempre se falou de certos casos, e todo podía ser.

Segundo me achegaba, o movemento semellaba máis frenético porque as xestas bambeaban de tal maneira que incluso o chan empezaba a cubrirse coas flores que se desprendían da planta. De camiño collín un bo caxato que cortei dun codeso. Xa digo, precavido pero sen medo. E o medo, cun bo mastro nas mans, sempre é menos medo, sempre a valentía crece uns graos de axuda.


Non sei se foi por querer asustar ó que houbese alí ou, por que non, por ese presunto medo, o caso é que empecei a baduar cara á esa dirección. A ver se así amedrentaba, asustaba ó que houbese alí e fuxía sen eu ter que actuar para nada. Certo que a actuación podíame saír pola culata.

Ó mesmo tempo que esbardallaba, daba fortes golpes contra o chan co caxato de codeso. Para espantar ó bico, ó ser humano, ó extraterrestre, ó que fose. Porén, aquelas xestas cada vez se movían con máis forza e máis rapidamente. Ós dous ou tres metros xa empecei a divisar algo. Algo así coma unha pelaxe tirando a marrón e bastante requichada. Era unha parella de ourizos cacheiros en faena! Como dúas criaturas tan pequenas armaban aquel escándalo! Deixei que seguisen co gozo. Coitadiños!


Café Paco. O Vinteún (Ourense). Venres, 31 de maio de 2024

DANOS COLATERAIS


A ver quen os aguanta agora. Ós merengues, digo. Quería meterme con eles, pero non hai maneira. Por unhas ou outras cousas sempre saen a flote, sempre saen adiante. Son coma a mera, que por moito que sulfates, aparece e aparece. Xa lles pode chover sobre a súa área que, eles, cun raio de sol, asoman. Exactamente igual que a mera.

Algo moi semellante ó que segue a acontecer en Palestina e Israel, que de cando en vez fálase de proxectos de paz, aínda que non creo eu que o Netanyahu estea pola labor. Nin tan sequera os Estados Unidos por moito que digan. Aí atrás semella que recuaban un pouco no seu apoio a Israel, cando, ó mesmo tempo, lles preparaban outro envío de armas por 920 millóns de euros, ou o que é o mesmo, máis de mil millóns de dólares. Os ianquis, por medio do Departamento de Defensa, aseguraban que estaba en marcha unha unidade especializada do exército para facilitar o envío de axuda humanitaria. A ver quen os entende, a que papel xogan. Díxeno moitas veces: usan a súa boquiña pequena, ou fan declaracións para disimular.


Israel non disimula, non finxe. Hai uns días deixou caer “unhas armas” para causar 45 mortos —23 menores; sempre os nenos e as mulleres os máis sacrificados— no centro de desprazados de Rafah, que non é un centro militar, nin de armas, nin rabo de gaitas. Iso si, axiña asomou Natanyahu para cualificar tal xenocidio de tráxico erro. Un erro moi grande é que ese tipiño estea onde está. Pero xa sabe imitar moi ben ó pai putativo: que di unha cousa e fai outra. Mellor ó revés, ou sexa, que fai unha cousa e di outra.

Dos desprazados e mortos en Ucraína, deses xa non falamos. Levamos xa tanto tempo que, tanto os medios de comunicación coma os paisanos de a pé, afixémonos a ela e, si, de cando en cando, asoma algo sobre axudas (axuda armamentística, digo) para seguir provocando que os mortos se sigan contando a centos, importando pouco o lugar e o exército no que acontecen as baixas.

Algúns intentan defender certas guerras, sexan por territorios ou fronteiras, por ideas, por relixión..., cando unha guerra, calquera guerra, toda guerra nin tan sequera se pode usar coma derradeiro recurso para a defensa ou a conquista de algo. Toda guerra o único que trae é caos, desolación e morte. E as mortes, xa sabemos cales: as do terceiro parágrafo. Os famosos danos colaterais. Iso si, danos colaterais que sempre caen do lado dos máis inocentes.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 1 de xuño de 2024

viernes, 31 de mayo de 2024

NOBELO MUSICAL


Juan Pardo, na Charanga, pasaba por debaixo dun castiñeiro. Eu paso moitas veces por debaixo deles. Por aquí aínda temos bastantes máis que eucaliptos. Por agora. Tamén adoito poñerme á sombra dos amieiros, principalmente á beira do río Arnoia, que, ó seu paso por Baños de Molgas, hainos ás moreas. Por exemplo, o alto da Pitediña está cheo deles. Eucaliptos, que eu saiba, case se poden contar cos dedos dunha soa man. Por agora.


Ó ritmo da Charanga baixaba rápido, case moi rápido, polo atallo. Facíao case correndo porque o sol apertaba e a calor era moita. Agora, co Lobo, de Fuxan os Ventos, xa estou máis sosegado, mesmo preparado para un ouleo. Porque estou á sombra. Á sombra dun toldo. Na estrada da Valenzá non hai nin castiñeiros, nin amieiros, nin eucaliptos. Si, na zona dos Carrís hai moito amieiro. É máis, sóame de que por alí hai un paseo que lle chaman Dos Amieiros. Por algo será.

Agora toca mover os pés, con forza, baixo a influencia de Jailhouse Rock, de Elvis Presley. E onde estea o rei do rock hai que moverse aínda que non se queira. Pola contra, ten a balada In The Ghetto que me deixa medio tarambaina. De gusto, claro. De emoción, por suposto.

Tamén danzo con ABBA impulsado polo seu Dancing Queen. Isto da música é coma un nobelo que te envolve e que non te abandona. Unhas veces con ritmo frenético e outras cos sentimentos rabuñando na alma. A música sempre amansou ás feras. E intenta endereitar ós tortos. Aínda que, a este respecto, comigo, teno algo cru. É igual; dentro da miña imperfección, onde estea unha boa música e uns frondosos e robustos castiñeiros...


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 31 de maio de 2024

jueves, 30 de mayo de 2024

MEDALLA Ó VALOR


Díxome un dos que mandaban que me puxese detrás dunha toxeira e que lle disparase a todo o que se movese. Estamos en guerra e nas guerras hai que obedecer sempre. Como son soldado raso, non queda outra que facer o que me diga incluso un simple cabo. Tamén, todos os demais xefes, me dixeron que, nas guerras, hai que deixar que a conciencia durma unha boa sesta. Son soldado raso, pero non son parvo. Entendín a indirecta.

E como son un mandado, eu marchei acubillarme detrás dunha toxeira. Unha toxeira bonita e ben feita, cunhas flores amarelas que mesmo facían brillar os ollos. Esperei a que aparece o inimigo. Non aparecía e, para máis aquel, semellaba que non tiña pinta de aparecer. Dígoo polo ruído. Non se oía unha mosca nin o ouleo dun lobo. Sabemos que nas guerras hai ruídos... tanques que corren, avións que soltan bombas, bombas que estouran, disparos que se escoitan, berros que doen, imaxes que mancan. Eu, en principio, paz, absoluta paz. Sinceramente, empecei a rezar para que a cousa seguira igual.


Á media hora ou así me escoitei roncando. Como o digo! E non sei se foi nun flash ou un sexto sentido o que me dixo que moi cerca de min pasaran as tropas inimigas. Aí a conciencia si que espertou da sesta. E endureceuse. Non me gusta ser mofa de ninguén; sabendo que tan axiña como os compañeiros se decataran do asunto, este sería o dixomedíxome de toda a guerra. Este fillo de miña nai pasaba a actuar.

Marchei correndo detrás das tropas inimigas e, silandeiramente, funos liquidando a fío de baioneta un a un. Como o digo! Sen conciencia ningunha. Unha guerra é unha guerra. Nunha guerra non se anda con lerias nin hai misericordia. Déronme unha medalla ó valor, sen saber que me durmira.


Finca Fierro. Barbadás. Xoves, 30 de maio de 2024

miércoles, 29 de mayo de 2024

QUE FOSE POLA SOMBRA


Pensei que só era eu o que lle caía aburrido á xente coas miñas lerias, coas miñas parolas (a muller, cada vez que lle digo que tal ou cal persoa fala polos cóbados, sempre me di que son o menos indicado para criticar ós demais, que me chega ben o que esbardallo, o que badúo), digo que pensaba que só era eu o charlatán, pero resulta que estou da miña sombra ata as orellas! Acabo de realizar unha andaina polas pistas da contorna e matoume a cabeza!


Ela, a miña propia sombra, dicíame que fose pola sombra —pola outra, pola dos edificios—, que a canícula era tan forte que mesmo me podía facer mal. Entenderá que se eu o paso mal, ela tamén levará as de perder. Como non lle facía moito caso (non hai moito un endócrino díxome que tiña falta de vitamina D, algo do que alucinei, pois sempre leo ó sol e sempre traballei baixo a canícula), volveume tolo coas súas parolas. Unhas parolas bastante estrañas, que case non oía ás veces. Cando a sombra se alongaba, era certo que berraba abondo, pero cando era curtiña, cando case estaba pegada a min, falaba tan baixiño que, a maiores do ruído da música que saía polos auriculares, me custaba horrores oíla, saber o que dicía. Aínda que, a dicir verdade, xa me daba igual porque, repito, só adoitaba soltar a ladaíña de que fose pola sombra. Para min que me quería deixar; entendo que se vou pola sombra, non teño sombra.

A ver, matoume a cabeza, e aburriume, pero, que queredes, téñolle cariño. É a única que me acompaña sempre cando ando ó sol. Sempre acostuma a non dar un chío, a non dicir palabra. Hoxe pasouse un pouco. Esbardallou a darlle cun sacho.


Café Beker. Ourense. Martes, 28 de maio de 2024