martes, 10 de septiembre de 2024

LOA A UNHA DISCAPACIDADE


En Baños de Molgas o meu lugar predilecto de lectura sempre foi pola estrada dos Milagres, ata a altura da Pitediña e, por veces, incluso, ata a Ponte das Cabras. Tan axiña como os amigos remataban coas partidas das cartas nos bares, eu marchaba á casa, collía o libro e, ale, para a Pitediña. Sempre baixaba pola Canella e, case sempre, ó final da mesma, xusto onde empata coa estrada dos Milagres, estaba a Josefa do César sentada á sombra e... esperando a que asomase alguén para falar. A pobre nin tan sequera podía contemplar o ambiente, a paisaxe. Pouco a pouco foi perdendo vista ata que quedou cega.

Cada vez que pasaba ante ela sempre a saudaba, nos saudabamos, e se falabamos algo era porque ela preguntaba cousas. A miña idade e timidez non me deixaban iniciar unha conversación por min mesmo. Pero, iso si, repito, o saúdo nunca llo negaba. Porque me caía ben, porque a vía soíña, porque lle quería e porque era a nai dun amigo.


Un día, cinco ou seis pasos antes de chegar a ela, foi esta quen saudou primeiro: “Xa vas ler, Chito?”. Quedei medio pampo. Como sabe que son eu? “Coñecinte polos pasos”. Aquí xa me deixou abraiado, case sen palabras. Non me esperaba tal frase. Polos pasos!

Sabía do desenvolvemento dos sentidos cando a unha persoa lle falla algún dos cinco coñecidos, pero non con tanta exactitude. Polos pasos! Isto case é como medir a lonxitude do paso, o peso da pisada e a rapidez da marcha. Falamos un pouco, pero a min non me saían da cabeza as tres palabras: coñecinte polos pasos.

A Josefa do César hai pouco máis de dous meses que nos deixou. Sei que os días que entre ó cemiterio me coñecerá polos pasos. Que muller!


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 9 de setembro de 2024

lunes, 9 de septiembre de 2024

O CARREIRO


O fresco da mañá estaba escrito sobre un ceo gris e, nas alturas, aínda unha pequena néboa que non tardaría en disolverse. Cando deixei de contemplar o ceo e mirei cara ó horizonte, vin o carreiro. Era estreito, profundo, bonito, metido entre dos redondos e fermosos outeiros cheos de flores de toxos.

Os meus ollos brillaron, as miñas ansias creceron e o meu desexo era entrar nel, meterme nel. Mais o temor, o receo estaba no que podería atopar, tanto na súa profundidade como na parte máis inferior do mesmo. Aínda así, cada vez me crecían máis as ansias de entrar nel. Para non acovardarme máis, díxenme de facelo cando asomase un raio de sol, aínda que só fose soñándoo. O sol asomou e os soños déronlle paso á realidade. Entrei no carreiro.


Entrei comodamente, con agarimo, con coidado. As paredes dos outeiros estaban cheas de musgo polo que facían o seu tacto moi suave. Nelas ben podían aniñar as ilusións dun paxaro. Pouco a pouco empecei a baixar por unha paisaxe cegadora e marabillosa. Non tardei en atoparme cunha lomba lene, apracible, que mesmo semellaba que se movía ó compás dos suspiros dunha filosofía tranquila e cachazuda; era coma un bambán de serenidade, de sosego. Algunha que outra flor de toxo espallada pola penela, polo cerro da lomba.

O carreiro remataba nun pequeno bosque que cubría unha lagoa en forma de ameixa, na que, os meus anhelos, os meus gozos se deron un baño de felicidade. Non tardei en optar por saír da profundidade do carreiro. A paisaxe era espléndida e a viaxe fora bonita.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Domingo, 8 de setembro de 2024

sábado, 7 de septiembre de 2024

NEGRO!: INSULTO OU BERRO RACISTA?


Remataron as novenas dos Milagres. Levo tantos anos escribindo, colaborando neste xornal que nin eu mesmo sei os que levo. E en todos estes anos creo que sempre escribín algo sobre as novenas. Menos este. Por certas circunstancias e porque, realmente, sería repetirme. Con respecto ó significado relixioso, entendo que, a moitos, quizais a maioría, si asuman tal significado. Eu prefiro dicir que sempre seguín a costume, a tradición desas case obrigatorias visitas neses días tan especiais. E con respecto ó, digamos, recinto, creo que todo o mundo sabe xa o que significan Os Milagres para min. De aí que me repetiría en explicacións, en ruxerruxes, en sentimentos, en vivencias e nun longo etcétera Por certo, non escribín nada e tamén foi un dos escasos anos nos que tampouco asistín a ningunha novena. O de escasos débese a dous ou tres que me coincidiron con vacacións fóra da contorna.


Non escribindo nada máis sobre tal excelso acontecemento, tiro pola solución máis fácil, a do fútbol. Deporte do que sempre boto man cando me angustian outras noticias, digamos, dramáticas, como son as das guerras. E guerras famosas aínda temos dúas: a de Ucraína e a de Israel. As africanas, esas non interesan, que son de África.


Vou falar de fútbol, pero, vaia, case diría que relacionado con África. Porque en África, a maioría son negros. E ós negros, aquí, semella que os tratamos mal. Falando claro: racismo no fútbol. Vinicius quere que non se lle dea o Mundial a España se segue o do racismo. Os mandatarios din que non hai racismo. Eu digo que hai racismo. Pero non ese racismo que vemos no fútbol. Para min, o racismo do fútbol son simples insultos. Cando alguén insulta, busca a palabra que máis doe. A un negro bérranlle negro. A un branco, a que máis doa quizais sexa fillo de p... Un afeccionado que lle berra negro a un negro non é por ser racista. Se fora racista non podería ver a algúns xogadores do seu propio equipo. Seguro que cando un negro do seu equipo marca, berrará gol con toda a felicidade do mundo. E hoxe todos os equipos teñen xogadores negros. Ese afeccionado que lle berra negro a un negro, estou por apostar que berrou gol cando marcaron na Eurocopa Nico Williams e Lamine Yamal. O racismo vai moito máis alá de berrarlle negro a un negro. É non admitilo na nosa sociedade porque é negro. É non darlle traballo porque é negro. É miralo con desprezo ou con medo porque é negro. É non darlle acubillo porque é negro... Iso é racismo. O de berrar negro no fútbol é máis un insulto que un berro racista.


Finca Fierro. A Valenzá. Sábado, 7 de setembro de 2024

O PECADO


O que estea libre de pecado, que tire a primeira pedra. Menos mal que non a tira ninguén. Como todos somos pecadores, habería coiazos a esgalla. Pecamos coas palabras. Pecamos cos feitos. Pecamos coas olladas. Non se sabe cal é a peor falta.

Pero, que carallo, ás veces é bo e bonito pecar. Tanto melindre, tanta finura, tanta delicadeza nin rabo de gaitas. Hai que botarlle forza ó asunto e peito ós actos. Ser auga mansa ou mosca morta non procede. Hai que chupar sangue, rediós! Que tanta bondade nin caralladas desas. Hai que pecar!


Pecamos de gula, pecamos de envexa, pecamos de soberbia, pecamos cos sete pecados capitais. Cando queremos somos o máximo, o non vai máis, os heroes da incongruencia, da perversidade e da impotencia. Agora, cada quen que busque no seu propio interior e que espalle os pecados ó libre albedrío. Seguro que non lle chegarán xanelas polas que expulsalos.

Pecamos coa ollada porque hai miradas que matan, que atravesan e que babexan ante certos encadramentos de certas fotos. Pecamos coa ilusión do que pode ser, aínda que a esperanza se quede niso: en esperanza. Pecamos cun asubío ben lanzado e cun corpo nu, esporranchado sobre un sofá. Mellor sobre unha cama. Pecamos co feito de querer lanzarnos de cabeza sobre o desexo, o auténtico desexo. Pecamos coa palabra feita carne e o degoxo, o anhelo rabuñando nas entrañas.

Se alguén tira a primeira pedra, os demais temos que tirar as seguintes. Porque o pecado está en nós. O pecado somos nós.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 6 de setembro de 2024

Finca Fierro. Barbadás. Venres, 6 de setembro de 2024

viernes, 6 de septiembre de 2024

O TREN QUE NUNCA PASARÁ


Cheguei a Baños de Molgas ás catro en punto da tarde baixo un ceo bastante gris e co sol asomando ós poucos. No cruce da estrada de Salgueiros mirei para arriba, mirei para abaixo e non vin a ninguén. Pasando a ponte nova xa empecei a notar algo raro, pero sen saber moi ben que. Á altura da burga souben definitivamente que a vila non era a doutros días, ou sexa, a de sempre: aínda non vira unha alma nas rúas. Sei que o despoboamento rural avanza como cabalo de batalla na desolación, pero de aí a non ver un ser humano..., nin tan sequera na residencia da terceira idade, onde sempre están na beirarrúa á sombra, ou a tomar o aire, ou á parola, ou simplemente a contemplar o ambiente; a velas vir.

Subín ó barrio da Igrexa, ó meu barrio, e nada de nada. Nin tan sequera un gato, nin tan sequera un can. Isto xa me preocupou abondo; a maiores de que o silencio impuña. Nunca sentira tanta soidade nese, para min, marabillosos lugar. Nin un maldito ruído. Foi nese momento no que tamén caín na conta que o reloxo da igrexa non tocara as badaladas das catro. Que estaba pasando?


Achegueime deica o cemiterio por se houbera algún pasamento e, alí, o silencio aínda era máis silencio. No fondo, á beira dun nicho, unha pega choutaba en saltiños curtos ata que emprendeu o voo ante a miña presencia. Moitas veces oín que ese paxaro tiña mal agoiro. Todo isto xa cheiraba mal.

Baixei polo Agro e seguín sen ver unha alma. Nin pasaban coches pola estrada principal e os bares estaban todos pechados. Polos parques da Ansuíña e das Mestras, cando pasei co coche, xa notara e vira que non había ninguén.

Marchei correndo cara á estación, o único lugar que me quedaba por visitar. Foi chegar ó parque do Pote cando si oín algo de barullo procedente da propia estación do ferrocarril. Alá marchei. A miña sorpresa foi maiúscula cando vin na plataforma a todos os meus veciños. Respirei con forza e liberado da angustia. Sorrín. Seica estaban esperando un tren que aínda non pasara e que..., o peor, non pasaría nunca. Para eles. Para ninguén. Isto fundiume de novo. Non me quedei máis tempo. Volvín por onde viñera.


Café Kibu. A Valenzá. Mércores, 4 de setembro de 2024

jueves, 5 de septiembre de 2024

FEIXE DE IDEAS SOBRE O LOMBO


Un feixe de ideas sobre o meu lombo que, seguro, non saberei espallar nin explicar. É igual; o caso é cargar con algo, aínda que só sexa coa culpa... ou coa esperanza. A esperanza pesará menos; é máis lene, máis avelaíña. Penso. Non sei fixo. Por se aquel, o feixe aínda non o desato. Non vaia ser o demo que as ideas se escangallen sen xeito nin dereito.

Unha recua de temas musicais pexados ó Spotify que me alivian a alma. Agora mesmo o blues do autobús de Miguel Ríos, acompañado por Sabina e algún colega máis. Como a música amansa ás feras, espero que dome tamén esas ideas que sigo sen saber como deixar caer. Para que non se manque ninguén. Sabemos que hai ideas que feren, mesmo que laceran. Cando as esparexa, quero facelo con tino, mansamente, se amolar a ninguén. Si, é difícil, pero todo consiste en saber conterme, en saber reprimirme.


Outro día lanzareinas (as ideas) con carraxe, con rabia e con intención de facer dano. Non sempre hai que ser un bendito. De cando en vez hai que ser antagonista de algo, do que sexa. E ver como se sulfuran algúns, incluso como se cagan de medo. Hoxe non; hoxe toca insinuar, dar a entender que podo ser un anxo ou un espírito maligno. Que teño un feixe de ideas sobre o meu lombo. Que pesa, pero que consigo aguantar. Sempre tiven lombo para aguantar con todo.

A recua dos temas musicais axuda moito na publicación ou non das ideas. En principio, Alberto Cortez dime que sentidiño, que todo chegará; para o bo e para o malo. Sigo, entón, co feixe de ideas sobre o lombo. Por agora, sen espallar, sen ciscar, sen pregoar.


Café Brétema. A Valenzá. Mércores, 4 de setembro de 2024

miércoles, 4 de septiembre de 2024

O ANTICRISTO


Teño ganas de pelexa, de guerra, de armar un desencravo. O narrador non me deixa. Dime que tranquiliño, que todo chegará, pero intúo que nunca alcanzarei esa éxtase. A éxtase debe ser a de alcanzar o clímax, o cume do mal. A miña mente tira para o mal, para a maldade... Puto narrador!

Chámome Inocencio Suárez Betán e son, precisamente de Betán, unha aldea de Baños de Molgas. Perdón, chámame así o narrador, que é o que me está inventando. A min, é certo, que me fai ilusión falar en primeira persoa. E, aquí, o narrador déixame facer. Deixa que marque eu o ritmo pero sen desviarme do camiño. O paspán nin tan sequera me deixa choutar un valado.


O outro día entrei na palleira coa intención de botar man do fouciño para cortar cabezas pola aldea e por toda a contorna; axiña me obrigou a xunguir as dúas vacas que teño, apoñelas ó carro e marchar por unha carrada de toxos. Obrigoume a deixar o fouciño na casa. Que xa me chegara ben sacalo o día anterior para rozar os arbustos espiñentos citados. Ese día semella que non tiña ganas de pelexa, de armala. O narrador ben que o sabía; de aí que me deixara ir.

Mais hoxe, non sei por que, noto como algo me sobe polas asaduras, polas entrañas que me encabuxa, que me emperrencha e teño ganas de ser o anticristo co que me chaman. Si, o maldito narrador, como lle gusta inventar alcumes, como sabe que na nosa terra todos temos sobrenomes, tamén me bautizou como O Anticristo. Imaxino que xa intuía que, eu, non era nin sería trigo limpo ou xema de ovo. O narrador, ás veces, é listo. Non sempre, a verdade. E non conto máis porque non me deixa contar. Si, definitivamente, é listo.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Martes, 3 de setembro de 2024