miércoles, 11 de diciembre de 2024

O VALADO


Alí estaba. O valado que atravesaba o camiño. Acabado de facer. E ninguén sabía quen o fixera, quen o puxera alí. O valado era alto e groso, cheo de toxos e silvas, gallas e arame. O valado era difícil de cruzar. Por momentos pensei se non sería a conciencia de alguén ou a esperanza rota doutros. Ó mellor era o obstáculo imposible.

Imposible. Que non pode darse, que non pode facerse. Moi difícil de facer, imaxinar, soportar, etc. Aquilo que non é posible ou que presenta moita dificultade para ser realizado. Imposibilidade... unha quimera! Para min non hai nada imposible! Tíñalle máis medo ó que habería do outro lado que á subida do propio valado.


Iniciei con parsimonia a acción de quitar toxos e silvas, gallas e arame. Cando o valado quedou limpo de broza, tocaba agatuñar, aganchar, gatear por el. Coma cando subía ós carballos e piñeiros buscando niños de pombos ou pegas, alá pola infancia. Tiven que facer varios intentos para conseguir chegar arriba de todo. Pero, antes de mirar o que había ó outro lado, collín folgos e esperei.

Esperei por medo ó descoñecido, mesmo ó baleiro. Ó mellor tan só había iso, o baleiro. Ou unha señardade que, a pesar de que ás veces é bonita, moitas outras ninguén quere. Ou unha acción ou feito que non queres ver. Ou unha melancolía que te deixa morriñento. Había que seguir. No alto do valado, ó outro lado, tan só había silencio. Deume tal medo que rebentei cun berro. Seguín o camiño preñado de angustia, coa congoxa rabuñando nas entrañas. Pero o valado quedou atrás.


Finca Fierro. Barbadás. Mércores, 11 de decembro de 2024

martes, 10 de diciembre de 2024

SENTADO SOBRE O RAÍL


Andei por enriba do raíl da vía do tren coma se fose un neno pequeno. Case me esnafro. Xa non teño idade para eses malabarismos. Como non me esnafrei e como non quería tentar á sorte, sentei sobre o raíl e esperei a que chegase á miña altura Ennio Morricone. Cando sentou á miña beira, emocioneime. El axiña se puxo a falar das súas bandas sonoras e eu non tardei en subir a un cabalo negro para cabalgar polos spaghetti westerns de Sergio Leone. Morricone chamou Clint, por Clint Eastwood, e xa babexei de contento.

Case me esnafro outra vez ó espertar do soño. Porén, seguín sentado sobre o raíl e deixei que unha rula se achegase a min. Era bonita. Deille comida. Subiu ó meu ombreiro e contoume catro batallas de cando facía os niños nas silveiras. Sorrinlle. Sorriume. Deille máis grans de millo e baileille un rock and roll influenciado por un tema musical de Elvis Presley.


Cando a rula me deixou sentinme un pouco perdido... e sen moverme. Sentín coma un baleiro, coma un mareo. Por se aquel, seguín sentado sobre o raíl da vía. O tempo semellou que se detivera e o silencio fíxose máis silencio cando pestanexei ante a incerteza doutro soño. Eu mesmo nin sabía se estaba a soñar ou se a realidade era tan efémera que quedei desconcertado, atordoado. Menos mal que me espertou un berro de Sabina. Se non, xa estaría máis que esnafrado.

Erguín do raíl. Paseei pola plataforma da estación de Baños de Molgas e deixei que a noite se apoderase pouco a pouco do día para, despois, iso si, soñar unha realidade ficticia. O caso está en que todo deleite sexa o meu gozo.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 9 de decembro de 2024

lunes, 9 de diciembre de 2024

FRÍO NO CONTO


Frío. Frío nas entrañas dun salouco e no círculo da circunferencia que non se acaba de cerrar. Frío no universo dun escornabois e na raíz cadrada dunha toxeira que non acaba de agromar. Frío no ruxerruxe da mañá, no balbordo da tarde e no silencio da noite. Frío nunha alma en pena que acompaña á santa compaña porque o seu destino está máis alá da distancia. Frío no ir e vir do tempo. Frío no conto, neste conto.

Frío na caricatura dun espello e na tatuaxe dun asubío que non remata de saír dos beizos porque, estes, pobres, están xa con signo de conxelación. Frío no bico que rebenta co gozo e frío no desexo que arde, no berro que sae, no aceno que queda a medias e na pinga de orballo que se encarambela. Será unha mirada cálida a que a derreta. Frío no soño que cae sobre a almofada e no pensamento cando este esvaece ante a batalla perdida do sono.


Frío. Frío na rúa. Frío na punta do nariz. Frío na orella na que furga unha lingua para que, ó instante, ferva. Frío nunha quimera, e nun esperpento, e nun cometa, e na onda do mar, e na galla do carballo, e na curva do fouciño. Frío na bágoa que cae pero non se conxela e no suspiro que sae tras unha intensa conversa.

Frío está o raíl da vía do tren, e a auga do río Arnoia, e o carambelo da presa da Porfía, e a xeada sobre as follas dos nabos, e a idea que non quere saír por estar precisamente atrofiada, e a ansia que non atopa o momento de arder. Frío está o tempo, o ceo, o heroe, a contenda, o devezo e Supermán cruzando o universo. Frío queda todo isto.


Finca Fierro. Barbadás. Luns, 9 de decembro de 2024

domingo, 8 de diciembre de 2024

O RAPOSO DA CASTIÑEIRA


Son O Raposo, non o animal, senón o que me chaman os veciños desde que un día corrín detrás dunhas galiñas do Evaristo. Outras veces tamén me chaman O Raposo da Castiñeira para distinguirme precisamente dese animal que asalta galiñeiros. O meu asalto ou atraco foi simplemente un xogo da infancia.

Visto calzóns de inverno e teño a lingua rota de tanto morder silencio. O da lingua é de Víctor Manuel, que é un cantante que di moitas cousas; e boas. Os calzóns de inverno úsoos tamén no verán. Como dicía meu pai: o que tapa o frío, tapa a calor. Aínda que el referíase máis ben ós abrigos. Para os calzóns tamén vale.


O de Castiñeira vén porque son desa aldea que queda alá por Vilariño do Conso. Si, son medio portugués, e que. Acaso non dicimos sempre que menos mal que nos queda Portugal. Levo uns días tristeiro e noto que algo de min vai morrendo. Isto último tamén o dicía Camilo Sesto, que, o mesmo que Víctor Manuel, tamén dicía moitas cousas, pero non tan boas como as do asturiano. As do Camilo eran máis melodiosas, máis románticas, máis bobas ou máis adolescentes.

Meu nome real é Lisardo Santos Sotelo, fillo único labrego e especialista na roza de toxos. Con fouciño, nada de máquinas. Rozo eu un carro de toxos mentres, por exemplo, o propio Evaristo acende o seu tractor. Iso si, antes de rozar os toxos, boto un bo cacho ulindo as súas flores. Algún dirá que son raro, e eu direi... e que.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 6 de decembro de 2024

sábado, 7 de diciembre de 2024

A MASACRE DE NANKÍN


A segunda guerra sino-xaponesa ou chino-xaponesa foi un conflito militar entre China e Xapón que se desenvolveu entre o 7 de xullo de 1937 e o 9 de setembro de 1945, no marco da Segunda Guerra Mundial. Aquela guerra comezou cando o exército xaponés, que xa controlaba Manchuria, iniciou a invasión do norte e o este de China.

Pois ben, fai hoxe exactamente 87 anos (o 9 de decembro de 1937) que na cidade china de Nankín as tropas imperiais xaponesas ó mando do tenente xeral Príncipe Yasuhiko Asaka, lanzan un asalto sobre a cidade. As vitoriosas tropas entregáronse entón, desde o primeiro día, a unha orxía de violacións e asasinatos coñecida como a Masacre de Nankín.


O Goberno chino e os comandantes do exército nacionalista, fuxiron co rabo entre as pernas tan axiña como se decataron da entrada do exército nipón, deixando atrás a miles de soldados chinos atrapados na cidade amurallada. Moitos deles quitáronse os seus uniformes e escaparon á chamada zona de seguridade. A masacre ocorreu durante un período de seis semanas posteriores á ocupación da cidade.

Aínda hoxe este episodio histórico segue a ser un tema político polémico, e supón un obstáculo nas relacións diplomáticas entre os dous países.

Os crimes de guerra cometidos durante ese período inclúen a pillaxe, a violación masiva de mulleres e a matanza de civís e prisioneiros de guerra. A cantidade de vítimas é case imposible de sinalar, porque cada bando dá os seus propios datos. Fálase que morreron entre 40.000 e máis de 300.000 chinos. No ano 1946, o Tribunal de Guerra de Tokio estimou que foron máis de 200.000. Nunha sentenza de morte emitida contra o comandante do exército xaponés en Nankín dáse de 100.000. E no 2007, algúns documentos dos ianquis consideraron o número total en máis de 500.000. Os chinos aseguran 300.000, mentres que os xaponeses, como non, afirman que tales cantidades son esaxeradas. É igual; aínda que só fose a mínima, a de 40.000, esta segue a ser unha barbaridade. Unha simple morte, dentro do concepto de matar por matar, xa é en por si unha crueldade.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 7 de decembro de 2024

viernes, 6 de diciembre de 2024

UNHA ESPERA MORRIÑENTA


Mentres o tempo se acurta, os pensamentos alónganse. Hai raciocinios que van máis alá dunha ecuación sen resolver e hai sensacións que aniñan na morriña dun instante que, ás veces, este, se fai eterno e, outras, é tan efémero que a señardade rabuña nas entrañas.

A tarde está gris e o silencio preme sobre unha ilusión que pode ser ou non, sobre un soño que pode ser ou converterse en pesadelo. Todo está nese tempo... que corre, que voa, que non pasa, que é lento. Quizais a música sexa a que salve o momento. Din que amansa as feras; a min chega con que me amanse os devezos.


O silencio acaba de rachar a causa dun berro. Dun berro que saíu do recanto escondido, do recuncho orballado. Porque hai berros que mollan e que salpican a inocencia e mesmo o medo. Hai berros secos. Hai berros longos. Hai berros eternos. Incluso hai bramidos que doen ou que mancan.

Os pensamentos seguen a alongarse polos camiños do desexo. Dese desexo que vai e vén e está e segue e cada vez se fai máis grande, máis intenso, máis futuro pluscuamperfecto. Quizais, si, mellor quedar en silencio para que a música penetre a compás dese tempo que se acurta. Aínda que talvez se estea xa alongando. A vida dá tantas voltas...

A tarde segue gris e, por momentos, xa nin hai silencio, nin ruído, nin berros, nin señardade, nin lamentos; só unha espera morriñenta e co afán, coa ambición de que todo pase, de que nada quede por apalpar nun instante, en varios momentos eternos.


Finca Fierro. Barbadás. Venres, 6 de decembro de 2024

jueves, 5 de diciembre de 2024

TÍCKET TRAS TÍCKET


Agora entendo que se extingan os bosques. O papel sae da madeira. Nun hospital de Vigo gastan papel ás moreas, a darlle cun sacho. E iso tan só en tíckets. Para pedir unha simple cita non sei cantos tíckets hai que sacar. E claro, en cada tícket, vas dun lado ó outro coma un monicreque, coma se foramos becerros a un matadoiro. Como ó final dixo meu fillo: percorremos todos os andares, os cinco andares do hospital. Durante tres horas para unha consulta duns dez minutos.

E non vale que lles alces a voz ou que lles chores dicíndolles que nos desprazamos desde o quinto inferno. Eles (neste caso, elas), iso si, con moi bos sorrisos e con cariñas de non romper nunca un prato, desculpábanse como podían, pero sempre acababan rematando cun “é o que hai”. Efectivamente, é o que hai. Unhas situacións nas que empezo a entender que algúns nos alporicemos e que, outros, vaian máis alá desa exasperación.


Menos mal que, ó final da mañá, si aproveitamos eses dez minutos, porque eu xa tiña a mente no famosos dito ese de “facer unha viaxe en balde”. Vin tan negra a cita que a cara de ferreiro era xa ó final da mañá unha expresión de cabreo e de cansazo.

Porén, e a pesar deses cabreos, deses bailes, deses tratamentos que realizan con nós, o que máis me chamou a atención foi a forma das citacións, das informacións, das consultas; todo a base de tíckets e máis tíckets, que non sei eu se o Amazonas dará feito en exportar madeira para tanto papel. E menos aínda se, como intúo, a empresa que rexenta ese hospital segue o mesmo método nos demais que ten espallados por toda España.


Finca Fierro. Barbadás. Xoves, 5 de decembro de 2024