martes, 4 de febrero de 2025

TODO UN CAMIÑO


Ollo de boi. Corazón de papel. Alma rota. Fouciño curvo. Berro seco. Toxo en flor. Lameiro enchoupado. A Perla Negra navegando. E todas as estrelas brillan moito máis alá do infinito. E todos os desexos bailan un tango sobre a pampa núa ou sobre o ventre espido. E todos os esperpentos caen sobre a eterna curva dunha circunferencia.

Tatuaxes sobre pel branca. Silva que engancha. Pés que danzan. Tinta azul que cae. Bolígrafo negro que baila. Soño que se soña. Silencio que se acomoda no ruído. Ruído que racha o silencio. E todos os recordos se espallan por un papel cuadriculado, mentres a penumbra dunha habitación axita as ansias dun vivir sen vivir. E todas as miradas se quedan fixas na cuadratura do círculo. E todos os ruxerruxes se embarullan, se enlean nun tema irreal ou nunha novela barata.


Rabo de galo. Pedra de granito. Canella bonita. Auga da burga. Fonte da Lameira. Camiño cheo de coios. Ortigas esmagadas. Vestido azul. Camisón branco. Pixama verde. Melena ó vento. E todas as idas e voltas buscan o balcón da memoria. E toda esperanza se prepara para o que poida vir. E todas as materias se estudan para ter algo que dicir.

Piollo de can. Carracha do demo. Sapoconcho lento. Señardade preñada de romanticismo. Pota ó lume. Cabezas de nabos. Verso solto. Poema incompleto. E todos os camiños nos levan ó final. E todos os finais volven ó principio. E entre o principio e o final, entre o final e o principio hai todo un camiño.


Café Rooster. Ourense. Luns, 3 de febreiro de 2025


Foto: Fonte da Lameira (Baños de Molgas - Ourense)

lunes, 3 de febrero de 2025

OCIO EDUCATIVO OU CULTURAL


Xa está. Tarefas feitas. Agora toca algo de ocio en plan educativo ou cultural, é dicir, escritura, película e lectura. Por esta orde. Ou non. Aínda que somos animais de costumes, ás veces, é bo rachar as regras, romper os principios, cambiar as posturas. A vida, se leva sempre o mesmo ritmo, cansa, chega a cansar. De cando en vez é bo saír pola tanxente, ser imprevisibles.


Nun chiscar de ollos podo cambiar perfectamente as dúas últimas actividades (a primeira, a da escritura, estou con ela); ler primeiro e ver logo a película. Tamén pode darme unha arroutada e seguir con esta, coa escritura (non o relato, claro, que se faría eterno e estúpido, por suposto; pero podo escribir sobre outros asuntos) ou tamén pasar olimpicamente das outras dúas. Isto si sei que é unha verdade de pé de banco, ou sexa, unha trapallada porque nin eu mesmo me creo que sexa capaz de rematar o día, a noite sen ver unha película. A lectura dependerá da duración do filme, aínda que penso que, ata a unha ou unha e pico da madrugada, malo será que non teña tempo de ler polo menos un capítulo, unhas páxinas. É máis, teño a intención de rematar o libro, ó que lle quedan unhas 30 ou 40 páxinas.

Así é que, ale, rapidiño e correndo con este Pingas para poñerme canto antes coa sesión cinematográfica (en formato televisivo) e así concluír cun marabilloso libro titulado “A conciencia contada por un sapiens a un neandertal”, de Juan José Millás e Juan Luis Arsuaga. Como se pode combinar enxeño, entretemento e divulgación, segundo a opinión de Marta Domínguez. E con diálogos máis que divertidos, segundo o meu criterio.


Finca Fierro. Barbadás. Domingo, 2 de febreiro de 2025

sábado, 1 de febrero de 2025

O INVENTOR DA IMPRENTA


Din que, xunto á caída do Imperio Romano de Oriente e o descubrimento de América, o invento da prensa de imprenta moderna con tipos móbiles, foi un dos principais motores da modernidade. Para un servidor foi o máximo. Que sería eu sen a imprenta? Bendito sexa, polo tanto, o seu inventor, o alemán don Johannes Gutenberg (ou Gutemberg).

Hoxe, 3 de febreiro de 2025, fai exactamente 557 anos que ese artistiña nos deixou. Precisamente polo seu legado merece unha pequena homenaxe, esta pequena homenaxe que ledes impresa, precisamente, grazas a el.

Johannes Gutenberg naceu arredor do 1400 en Maguncia, á mesma beira do río Rin. O seu verdadeiro apelido era Gensfleisch, pero como en renano seica significa “carne de ganso”, optou polo de Gutenberg.


Coñecedor da arte da fundición do ouro, Gutenberg destacou como ferreiro para o bispado da súa cidade. E debido a que a súa vida é relativamente descoñecida, intúese, quizais por tradición, que estudaría na Universidade de Erfurt, onde está rexistrado en 1419 co nome de Johannes Eltville. Ese mesmo ano faleceu seu pai, que era comerciante.

Pouco máis se coñece do inventor da imprenta ata que no 1434 reside como prateiro en Estrasburgo, onde cinco anos máis tarde estivo involucrado nun famoso caso xudicial, no que se descubriron detalles do seu invento, que ata ese momento estaba en segredo.

Foi en 1452 cando Johannes Gutenberg empezou coa edición da “Biblia en 42 liñas”, aínda que quizais se coñeza mellor pola “Biblia de Gutenberg”, pero non calculando ben o tempo, antes de que rematara tal edición, quedouse sen os cartos que lle emprestara un tal Johann Fust. Ó solicitarlle un novo crédito e, ante a desconfianza do prestamista, Gutenberg ofreceulle entrar en sociedade. Aceptou a proposta e delegou a vixilancia dos traballos no seu xenro Peter Schöffer, que axiña se puxo a traballar como aprendiz. Tras dous anos de traballo máis, Gutenberg quedou de novo sen cartos, o prestamista negouse a un novo crédito e, o peor, esixiulle o cobro inmediato das débedas. Insolvente por completo, Gutenberg perdeu o seu negocio. Tivo que ser Peter Schöffer quen realmente rematase o traballo que iniciara o seu mestre.

Cando Joahnnes Gutenberg faleceu o 3 de febreiro de 1468, enterrárono na igrexa de Maguncia, que era propiedade dos franciscanos alemás. A súa tumba perdeuse durante os incendios que devastaron a súa localidade en 1793.


Finca Fierro (Barbadás). Sábado, 1 de febreiro de 2025

CONTRAER O ESTÓMAGO

 

Contraio o estómago. A bile sobe polo peito arriba. A tarde cae baixo o ímpeto, a forza dunhas nubes negras que ameazan chuvia. O silencio impera e a melancolía é o pracer de estar triste. Cada quen que aguante a súa vela. Cada un que faga o que queira na súa espera. Eu, nas miñas, penso ou soño, soño ou penso que máis alá das estrelas aínda hai máis señardade que neste instante de silencio.

Contraio o estómago e, nun amén, podía botar os demos que levo dentro. Mellor, deixalos durmidos, a ver se por un casual non espertan nunca. Oxalá non espertaran nunca. Aínda que, ás veces, é máis que complicado dominalos, telos acochados, por moito que se diga que é bo deixar escapar a tensión que levamos dentro. Tal presión, tal estrés pode volverse infernal. Si, mellor que sigan durmindo.


Contraio o estómago e fago de tripas corazón para buscar un anhelo, unha esperanza que, esta si, sei que está esperta, ou como moito durmindo a sesta. Sesta de realidades case imposibles, pero precisamente ese case é o que deixa que a esperanza esperte para que os desexos sigan e as ansias se conserven intactas. Agora cada quen que marque o paso das súas ambicións, das súas aspiracións.

Contraio o estómago e confío en que esta tarde tristeira, melancólica e chea de silencio —aínda que a música dunha banda sonora rache este—, siga co seu ritmo vital e que os demos durman nunha paz soñada, desexada, imaxinada, inventada, figurada e bonita, moi bonita.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 1 de febreiro de 2025

viernes, 31 de enero de 2025

MELLOR AS BATALLAS BONITAS

 

Quixen meterme no fragor da batalla, pero non tardei en recuar. Para que me vou meter? Por que teño que matar? Por que teño que morrer? Nin tan sequera sei de que vai a contenda. Ás veces entramos en acontecementos, en asuntos simplemente porque nolo din ou soamente porque se mete a maioría. E a maioría non sempre ten razón. Por veces deixámonos guiar —mellor enganar— por cabezas pensantes que pensan mal ou que pensan para a súa comenencia. É certo aquilo de que somos coma ovellas: cando unha colle a cabeza, a fila, a ringleira, as demais seguen as súas pegadas.


Mellor fuxir do fragor da batalla e, en tal caso, armar a miña propia na cabeza e deixar de filosofar sobre actos, sobre feitos descoñecidos, mellor aínda, impostos. A batalla que armo eu é máis bonita. Non hai mortos, nin tan sequera feridos; hai, iso si, unha loita sen tregua comigo mesmo. Por descontado, as batallas que armo na miña cabeza son coma os soños en plan de soñar esperto. Armo batallas nas que sempre gano e, se por un casual perdo, será porque sei admitir ou meu propio erro.

Ante todo o dito e todo o escrito creo que son o maior antibelicista existente pola contorna. Non quero saber de guerras nas que, as batallas, son destrutivas, criminais, traidoras, pérfidas e, o peor, mortais. Quero armar as miñas propias batallas sobre unha almofada branca, nas que todo pode acontecer pero nada pasa, nas que a esperanza se impón sobre a realidade e nas que a realidade é tan efémera que me digo que si, que as miñas batallas son bonitas.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 31 de xaneiro de 2025

jueves, 30 de enero de 2025

O ORA PRO NOBIS DA ESPERA


A ITV (Inspección Técnica de Vehículos) empeza a semellarse á Seguridade Social, en cuestión de esperas, de citas. Vas con cita previa e tíraste case ou sen case media hora esperando a que che manden a mensaxe ó móbil para poñerte á cola. En principio, para iso. Despois, xa Deus dirá. Que entre dixomedíxomes vaise a unha hora ou máis. Coma se non houbera outra cousa que facer na mañá ou na tarde.

Esperando alí, coma babecos ou panocos, baixo as inclemencias do tempo e preguntándote unha e outra vez que se non chegan 5 portas, por que non hai 8 ou 10, ou outra nave? Se un paisano que vive na contorna bota unha hora, canto tempo lle cómpre a un que veña dunha aldea ou dunha vila afastada do polígono de Pereiro de Aguiar?


Así pasa, máis ou menos, en todos aqueles organismos que se rexen polas citas. Que si, que a hora da cita é unha aproximación (ninguén está a pedir ó pé da letra, estritamente, unha puntualidade británica, exacta), pero do pouco ó moito, ás veces, vai un mundo. E se aínda o asunto fora gratuíto, pois case tiña un pase. Pagas para que te atendan á hora acordada e para que o lugar do servizo, se é pequeno, se faga máis grande.

Non lle boto a culpa ós empregados. Eles bastante fan, que ben se ve. Pero se non hai máis medios ou máis control horario ó dar as citas, o asunto, loxicamente, ponse complicado. Ou non; sempre hai unha solución: que o paisano pague, aguante e apande. E que, finalmente, rece para que o vehículo lle pase a revisión á primeira e así evitar o volver co ora pro nobis da espera. O meu, por sorte, pasouna.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 30 de xaneiro de 2025

miércoles, 29 de enero de 2025

PASEINO POLA GUILLOTINA DO FOUCIÑO


Decapitei o soño. Así, de golpe, nunha arroutada. E iso que era bonito. Pero precisamente por iso, porque era bonito, paseino pola guillotina do fouciño. Os soños non deberían ser tan bonitos. Hai que meterlles algo de metralla, de morbo, de carraxe. Como a vida mesma, que a facemos bonita e tamén ten o seu aquel malvado, angustioso e doloroso.

Estaba estomballado na cama, cos ollos pechados pero esperto (que sempre defendín que é cando mellor se soña) e como estaba a gozar demasiado, nun amén, collín o fouciño e case tornei, case troquei todo en pesadelo. Digo case porque axiña desconectei e deixei a mente en branco.


Minto. En branco nunca está. Xa estaba a buscar unha nova esperanza. Aquela na que poida soñar con aixadas en vez de bombas (aínda que aquelas tamén matan), con cólera en vez de tanta submisión, de tanta bondade; con traballos en vez de tanta vagancia. A esperanza ten que ser coma o soño: bonita pero con certa retranca e con algo de maldade. Para que poida ter o ser esforzo, a súa loita. Como a vida mesma, que semella sinxela e tamén ten os seus esperpentos.

Pois menos mal que me queda a esperanza. Sen ela non sabería que facer. Son home de acción, aínda que por veces me quede pasmado ante algún balcón, por exemplo. Son o rápido de Bouzas que conxuga o verbo correr co adverbio amodiño. Son a muiñeira que baila sobre as cores do arco da vella. Son esa esperanza que se viste de verde, ou de azul, ou de vermello, mesturada, iso si, cun pouco de negro para que non todo sexa tan bonito.

Decapitei o soño e, por un instante, todo quedou en silencio.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 28 de xaneiro de 2025