sábado, 15 de marzo de 2025

UN PERO PARA TODO


Deixo caer a mirada ó chan; pensativo. Ó mellor é que estou aburrido, ou sen ganas de facer nada. Non sempre un está espelido, e a nugalla asoma porque di que ten que asomar. Ás veces nin tan sequera somos donos dos nosos propios pensamentos, que xa é dicir. Podo dicir que penso e non penso en nada. Podo dicir que berro, cando, na realidade, a noite está preñada de silencio. Si, podía rachalo cun berro, pero que bonito é o silencio! E que ben se está cando se está en silencio. E quietiño. E coa ollada perdida. E coa cabeza baleira. Que descanso cando non se pensa en nada. Haberá algún momento no que non se pensa, no que queda a mente en branco? É raro, moi raro, pero...


Sempre hai un pero para todo. Mesmo para cando hai tenrura, hai señardade, hai sentimento, hai morriña, hai cariño, hai saudade. Tamén para cando hai carraxe e algarabía e ignorancia e ineptitude e deixamento e apatía. O pero é esa conxunción que introduce unha restrición ou unha oposición a algo que xa se dixo. E dá igual que se dixera algo bo como algo malo. Hai un pero para todo.

Ergo a mirada do chan e, non obstante, sigo aburrido, sen ganas de facer nada. E aquí si que non hai pero que valla. Sigo sen querer facer nada porque me dá a gana. Sigo aburrido porque non intento ser ameno, distraído, divertido, entretido, gracioso, simpático, pándego... e quixen escribir tamén “pavero”, pero resulta que no Dicionario da Real Academia Galega non existe. Así é que merece un Pingas a parte porque ten o seu aquel. Tal palabra acaba de espreguizarme. Xa non estou aburrido.


Finca Fierro. Barbadás. Venres, 14 de marzo de 2025

viernes, 14 de marzo de 2025

HOME DE IDIOMAS


Deixei de estudar latín porque me fago entender mellor con signos, con xestos, con acenos. Ou a berros. Nos berros —nos que nunca digo nada—, todos me entenden. Unha noite ata filosofei un pouco con eles, cos berros, porque non dicindo nada, a ver por que me entendían tan ben. Ó mellor era porque tamén sabían ler na mirada. Si, hai miradas que matan. E cando se berra, a ollada non adoita ser alegre; a non ser que sexa un berro gozoso, excitante, sexual, que de todo hai neste mundo de desvalidos.

Tamén deixei de estudar grego porque xa me chega co portugués. Como a xente de Portugal está á beira, a un paso de tartaruga, todo se pega. E detrás dunha palabra foi outra. E detrás da fronteira estaban eles, os portugueses. Son moi melosos falando, moi agudiños. A min gústame Portugal. Quérolle ós portugueses. Menos mal que nos queda Portugal, dixemos sempre.


Non hai moito estudei arameo. Sabía arameo e lía e escribía en arameo. Hai un tempo. Agora non; agora estudo, sei, leo e escribo en gaélico (non confundir co galego). Cando canse penso dedicarme ó urdú ou ó chino mandarín. Son home de idiomas e non só das linguas humanas, senón tamén dos sons animais. Sei ladrar coma os cans e oulear coma os lobos. Polo menos con eles comunícome así. Moito mellor que coa vara e os berros. Mesmo sei gruñir coma os xabaríns e os porcos. Asubío como un merlo e arrolo como as rulas.

Para o mes que vén iniciarei un curso en linguaxe extraterrestre. Quero estar preparado para cando asomen por estes lares. Que asomarán. Tempo ó tempo.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 13 de marzo de 2025

jueves, 13 de marzo de 2025

FACENDO TEMPO


Estou aquí. Sentado. Esperando. Esperando non sei que. Nada; quizais a que o tempo pase. A facer tempo, como dirían outros. Facendo tempo; aínda que non se faga nada, algo se fai. Parece mentira, pero é así: non facer e facer ó mesmo tempo. Non fago nada, pero escoito un tema musical que John Williams compuxo para a película “A lista de Schindler” (que música!, que película!). Non fago nada, pero vexo como pasa a xente, os coches e como as pombas se buscan a vida.

Fago tempo pensando. Aínda que non faga nada, a cabeza traballa. Traballa moito e ben. Non sempre; ás veces é un desastre. É igual, dunha maneira ou doutra, traballa. Traballa sachando, traballa escribindo e traballa sen facer nada. Botei un cacho contemplando os biosbardos e souben nese momento —que quedei coa ollada perdida e sen facer nada— que estaba a facer algo: pensar nunha quimera.


Fago tempo e confiando en que non tardarei en facer realmente algo. Porque a vida ten que seguir e eu teño que erguer, deixar de estar sentado, para emprender o camiño que me leve ó meu destino. O destino deixarei que sexa unha incógnita. Tampouco é plan de descubrir todos os pasos que dou. Non vaia ser o demo que me secuestren. Se me secuestran, entón si que tería que facer tempo... esperando unha liberación. Certo, quen me vai querer!

Efectivamente, vou deixar de estar aquí porque chegou o momento de sentenciar co famoso dito de “marcho, que teño que marchar”. Sentenza categórica e real. Tan real como o punto final.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 12 de marzo de 2025

miércoles, 12 de marzo de 2025

LETRAS, PALABRAS, FRASES


Letra negra. Ollos que len. Frase enteira. Sentimento oculto. Tema musical, de jazz, que soa. Paxaros que cantan por entre as silveiras. Xente que baila tangos sobre unha arañeira. Quizais sexa mentira, quizais sexa verdade, quizais todo queda en nada; tan só o baleiro está aí, e no baleiro o silencio, e no silencio a morriña, e na morriña furga un parágrafo que pode dicir ou non dicir metáforas. Cada quen que asubíe a melodía que lle corresponda.


Letras maiúsculas e minúsculas. Letras con acentos. Letras con diérese. Letras remarcadas. Letras que din todo e letras sen significado. A trompeta deixa unhas notas de jazz que aloumiñan a alma, a esencia dun sentimento que vai e vén por entre os espazos en branco. Ás veces é complicado asimilar a realidade, como tamén é marabilloso subirse ó bambán da esperanza. Parágrafos máis extensos, máis cheos de incertezas, sen veracidade. Ou non. Ó mellor son parágrafos, extensos, si, pero cheos de contido, mesmo bonitos, sentimentais, con ensinanzas, quizais con retranca. De todo hai na viña daquel.

Letras que forman palabras. Palabras que forman frases. Frases que significan o que realmente se quixo dicir, aínda que sempre haberá alguén que lle intentará cambiar o significado, que lle busque unha metáfora. Frases que gaban o jazz, que se carriolan, que se bambean no baleiro. O baleiro sempre foi moi tentador; para os que senten señardade, para os que se acovardan. Frases que botan para atrás ou que te fan berrar. Frases bravas e fortes, pero cun fondo feble, fráxil. Frases lidas que dirán ou non dirán. Frases que rematan nun punto final.


Finca Fierro. Barbadás. Mércores, 12 de marzo de 2025

martes, 11 de marzo de 2025

A PRIMEIRA IDEA É A QUE CONTA


Deixo o bolígrafo negro que escribe azul sobre a mesa e bótolle unha ollada ó descrito. Esgazo o papel. Miro para un lado. Miro para o outro. Non sei que fixen; é raro que rompa papeis escritos, aínda que estean mal desenvolvidos. Lembro a eses das películas que, ó iniciar unha novela, un poema, calquera escrito engurran ou rachan axiña o folio. O meu pensamento corre desbocado ó desperdicio do papel. Non entendo a eses que enchen papeleiras con folios inservibles. Será porque eu son dos que digo que a primeira idea é a que conta. E escríboa. Hoxe déuseme por resgar o papel. E non porque me desagradase moito o que escribira (a verdade, case nin me decatei do que puxera), senón porque quixen imitar un pouco a esas escenas para saber que se sentía. Só foi un papel.


Porque xa volvín coller o bolígrafo negro que escribe azul e inicie outro novo relato para filosofar un pouco sobre o proceder de, por exemplo, a flor do toxo: por que sae?, por que é amarela?, por que é tan bonita? No seguinte parágrafo quixen describir os pasos a dar e o que se sente ó lanzar un berro (ou un ouleo); desde o momento en que subo ó alto do outeiro, incho o peito, ergo a cabeza cara ó ceo e, sen esforzo ningún, deixo escapar ese berro seco, ese ouleo que abrangue todo o monte, toda a contorna.

Volvín deixar o bolígrafo negro que escribe azul sobre a mesa para coller folgos. O berro deixárame algo esgotado. Agora case prefiro gorecerme dentro dun baño, mirar ó espello e ver o reflexo do que realmente desexo: verme a min mesmo e pensar que a culpa non é do papel nin do bolígrafo negro que escribe azul; a culpa é dos pensamentos que hai na cabeza.


Finca Fierro. Barbadás. Martes, 11 de marzo de 2025

lunes, 10 de marzo de 2025

ALTO, FORTE, INTELIXENTE, SERIO, DEVOTO


Contan as crónicas do santuario dos Milagres que o irmán Manuel Pato, nado en Almoite, Baños de Molgas, o 1 de outubro de 1910, foi un dos que máis financiamento acadou para a construción do colexio; e realizando todas as operacións desde o barrio de Hortaleza da capital do Imperio.

Manuel Pato Romero, un home alto, forte, intelixente, serio, devoto e dado a tratar coa “xente ben”, entrou na Congregación dos Padres Paúles (os administradores do santuario molgués, así como do propio colexio) con 19 anos. Logo de pasar un tempo nas illas Canarias, pódese dicir que o resto da súa vida pasouno no citado barrio madrileño, onde se encargou de varias fincas de labranza. Lembrar que a Igrexa sempre foi un auténtico imperio en posesións terreais (e non tan terreais) e necesitábase moita xente para facelas producir (a maioría das veces á conta dos veciños e de forma gratuíta). Manuel Pato semella que tiña bo trato cos obreiros e foi pioneiro na adquisición das máquinas adecuadas que, por aquel tempo, aínda brillaban pola súa ausencia.


Este irmán tivo a gran sorte de librar de ser fusilado, aínda que non puido evitar pasar por cárceres e campos de concentración. Cando lle chegou esa idade na que se perden facultades para realizar certas actividades, optou por recluírse no propio santuario; á beira da súa casa, dos seus.

Convalecente desde o 25 de marzo de 2004 (estivo hospitalizado do 13 ó 27 de maio), todos os que o atenderon confirmaron o seu bo comportamento e o seu esforzo na colaboración das tarefas do seu coidado. Manuel Pato Romero morreu ás once da mañá do 15 de xaneiro de 2005 á idade de 94 anos. Ós dous días celebrouse o funeral e enterro, ás doce da mañá, no propio santuario, xusto por detrás do camarín.


Café Rooster. Ourense. Luns, 10 de marzo de 2025


Foto: Santuario e colexio de Os Milagres (Baños de Molgas - Ourense)

domingo, 9 de marzo de 2025

... É MOITO MAZADOIRO


Demo de home, mira que facerme baixar a estas horas. A estas horas son as oito da noite e quen fala é Argimiro Repolo Suárez, O Cañoto, que se refire a seu pai, que o acaba de mandar á burga para que traia dous caldeiros de auga quente para darlle de beber ás vacas. O Cañoto quéixase porque a estas horas é cando adoita cear para poder ver a serie do Fuxitivo. Canto lle gusta esa serie!

Porén, como sabe que non hai volta de folla ante un mandado de seu pai, colle os caldeiros e marcha correndo pola rúa abaixo con dirección á burga. Nin tan sequera se para a falar cos veciños, máis alá dos típicos saúdos.


Uns metros antes de chegar, e tan axiña como ve o ambiente ante a caseta da burga, ante o mazadoiro, empeza a torcer o xesto. Dálle na espiña que se pode torcer a noite. Alí están varios dos seus amigos e, aínda que só estea un veciño dos chamados “mal reconciliados”, o mazadoiro da burga é moito mazadoiro. É algo así como a almofada, como o baúl dos recordos e dos segredos de toda a vila de Baños de Molgas. Non lle queda outra que asentar un pouco alí.

O de un pouco foi un dicir. Cando chegou á casa cos caldeiros da auga, o Fuxitivo xa ía no carallo e seu pai botaba pestes con tal intensidade que, O Cañoto, por unha vez, pensou que lle zouparía. Non o fixo, pero as pestes seguiron saíndo mentres, os dous, lles daban de beber ás vacas, logo de botar nos caldeiros un pouco de fariña milla.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 7 de marzo de 2025


Foto: Caseta e mazadoiro da burga (Baños de Molgas - Ourense)