jueves, 17 de abril de 2025

ALMAS SEN ESPÍRITO

 

Nube branca. Corvo negro. Beizos vermellos. Toxo verde. Non todas as cores se poden mesturar na andaina do camiño que non leva a ningunha parte. Hai canellas cegas e estradas pola vía láctea da nostalxia. Que todos os acaneadoiros bailen unha muiñeira sobre unha alma en pena. Hai almas que non teñen espírito, como hai espíritos que non teñen carácter. Hai persoas que existen porque alguén as puxo aquí.

Móbil negro. Mesa negra. Cadeira negra. Bolígrafo negro. Non todas as memorias teñen o seu recanto. Hainas que aboian sobre un único recordo. Como hai recordos que nunca saíron do mesmo recuncho. Todo está na forma en que usemos as unhas e os outros. Se hai silencio non pode haber ruído. Mentres que, se hai ruído, podemos illarnos en silencio ou co silencio.


Aire frío. Pinga de orballo. Gota de auga. Paraugas aberto. Pero un raio de sol asoma polo firmamento. Agora cada quen que busque a temperatura adecuada ou que persiga a sombra dos soños, dos seus propios soños. Sempre haberá soños para soñar e pesadelos que non deixan conciliar o sono. Pesadelos para sufrir, para padecer. Agora deixade caer os sentimentos sobre as almofadas do tempo.

Tempo que pasa. Todo acaba. Nada queda. E o lobo que oulea. Porque hai berros que hai que soltar desde a máis completa señardade. Como hai soidades preñadas de silencios. Hai berros secos e hai berros longos. Hai berros que mancan. Hai silencios morriñentos e tristeiros. Hai silencios enleados en pel de astracán. Como hai nobelos envoltos nos insomnios, nos desvelos noitébregos.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 16 de abril de 2025

miércoles, 16 de abril de 2025

A EVASIÓN DOS RECADOS


Feitos os recados, toca a evasión. A evasión de deixar caer pingas de orballo sobre un papel cuadriculado... mentres un café circula pola gorxa abaixo.

A verdade é que non sei se segue en uso a palabra recado para realizar os encargos, ou polo menos certos encargos. Quizais se use xa máis esta que aquela. Antigamente, todo ía a base de recados. Faime este recado ou lévalle este recado a Eugenio, O Chacaritas. Eugenio, O Chacaritas, neste caso que nos ocupa, era calquera veciño. Se facías algo mal, axiña che pasaban o recado. Eu tiña que ter moito coidado a que non lle chegasen con ningún recado a miña nai. Se lle chegaba, a súa man circulaba máis rapidamente que o café citado para frear nas miñas meixelas ou onde cadrase. Mellor ser un bendito para que non tivera queixa do seu neno. E para que o neno non recibira unha labazada.


Tamén é fácil evadirse contando os biosbardos ou esperando a velas vir. Hai quen se evade non facendo nada. Outros temos que eliminar o estrés facendo sempre algo... deixando caer pingas de orballo sobre os carreiros da nostalxia ou sobre os soños da melancolía. Din que a melancolía é o pracer de estar triste, que se contrarresta co bonito que é soñar. Ás veces, a melancolía tamén é bonita.

Evasión: escapar da realidade, de situacións ou ambientes desagradables, etc., segundo unha das entradas do dicionario. Segundo un servidor, evasión é matar o tempo como se poida e co que se poida: cunha aixada, cun fouciño, cun bolígrafo, cun café... mesmo facendo recados.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 15 de abril de 2025

Finca Fierro. Barbadás. Mércores, 16 de abril de 2025

lunes, 14 de abril de 2025

UNHA PARTIDA DE CARTAS


Xoguei co tempo unha partida de cartas, na que arrastraba a memoria e cantaba os recordos. A memoria, agora, xa é bastante efémera; pero algo sempre queda. Canto máis afastada, mellor recordada. Canto máis recente, a concentración xa non é a que era.

Na partida, cando trunfaban espadas, simulaba aquelas batallas por entre as toxeiras da nostalxia, alá polo monte de Pinouzos, mentres as vacas pacían o pouco que había ou rumiaban a velas vir. Loitaba contra as hostes imaxinarias e, ó derrotalas, empezaba un simulacro co meu can Uriarte. Simulacro que, por veces, era tan real que, nunha arroutada, fincábame os dentes en algún brazo, ou onde cadrase.

Cos ouros botaba ás boleiradiñas polo barranco de Barricobos. Tamén cortaba un mangado de fentos para que me fixeran de colchón ou de carrasco e tirábame polo penedo máis grande do barranco. Á beira deste déuseme por cicelar, alá polo 1976, o escudo do Real Madrid. Agora teño a mesma proporción de antimadridismo como, antes, a tiña de fanatismo merengue.


Seguindo co ritmo da partida, ó xogar as copas, non sabía como facer: se arrastrar ou deixarme perder. Era e son tan abstemio que nin o debuxo nin o nome das copas eran santo da miña devoción. Ata prefería non levar ningunha copa, incluso cando fosen trunfos.

E cos bastos... cos bastos volvía a batalla dos golpes. Fentos por aquí, herbas por alá, salgueiros por todos os lados. Devastación total. Aí ata o Uriarte me contemplaba desde a distancia. Non fose o demo que un golpe de bastos o alcanzase.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 14 de abril de 2025


Foto: Escudo do Real Madrid no monte de Barricobos (Baños de Molgas)

domingo, 13 de abril de 2025

LOA Ó TÉ VERDE


Este xornal acaba de publicar un dos meus Pingas sobre a cor verde. Un dos lectores que, grazas a Deus, teño por aí non tardou en darme o recado: que de todas as cousas verdes ou expresións que usara, deixara o té verde. Tiven que darlle a razón. Aínda que o meu subconsciente sinalaba que era algo normal tal esquecemento; non son dos que toman té. Teño máis mono de café.


Non obstante, recoñezo que houbo unha temporada durante a que, en dous ou dous anos e pico, tomaba té no traballo á primeira hora da mañá. Tres compañeiras tiñan unha teteira e, para que non me fixen café á parte, non me quedaba outra que optar pola infusión esa, máis británica que española, para poder estar de parola durante aqueles minutos. Como se adoita dicir, tomábao por obrigación. Iso si, nin naqueles anos oitenta do século pasado nin agora, o té non é das infusións que me agraden moito. O que ocorre é que me pasa como coas comidas: que se hai que comelas, cómense.

Entre esa etapa e as conversas ou peticións nos bares, sei que hai unha auténtica morea de clases de té; desde o negro ata o fermentado, desde o verde ata o amarelo e unha ringleira máis. Hoxe toca loar ó té verde porque me esquecín de sacalo á palestra. Tal esquecemento o compenso agora para aclarar os seus beneficios. Seica reduce o estrés, mellora a concentración e fortalece o sistema inmunolóxico. Ante isto, case me tenta volver a el: estes días ando en tensión coa sementeira das patacas, a miña concentración en certas materias é paupérrima e, se o tomara, non me entraría ningún virus nin axentes patóxenos que me escarallen o sangue.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Domingo, 13 de abril de 2025

sábado, 12 de abril de 2025

OS MÁIS GRANDES PODEN CAER


Leonardo DiCaprio, no seu papel de Jack Dawson, foi o rei do mundo desde a proa do Titanic, pero por moito rei que fose, non tardou en morrer de hipotermia, logo de que ese mastodóntico transatlántico británico chocase contra un iceberg na noite do 14 de abril de 1912, máis en concreto, ás doce menos vinte. Hoxe cúmprense 113 anos dun dos desastres marítimos máis coñecidos da historia.

O Titanic, considerado insomerxible, levantou áncora de Southampton catro días antes (o 10 de abril) con destino a Nova York. A bordo viaxaban máis de 2.200 persoas, entre as que estaban, por suposto, as máis ricas e famosas da época. A botadura dese enorme barco foi un auténtico acontecemento.

Deseñárano coa última tecnoloxía da época e contaba con características innovadoras, como compartimentos estancos que se pensaban capaces de manter o barco a flote en caso dunha emerxencia. Unha emerxencia que chegou xusto ós catro días e que demostrou que sempre hai algo que supera o que sempre pensamos que é imposible superar. O choque co iceberg foi tan brutal e tan devastador que causou danos irreparables no casco.


A medida que o Titanic se afundía, a situación volveuse caótica. Os botes salvavidas eran insuficientes e moitos deles non se puideron usar. A falta de preparación e a crenza de que o barco era insomerxible contribuíron á confusión. Ás 2:20 do 15 de abril, o Titanic afundiuse por completo, deixando nas augas xeadas máis de 1.500 vítimas.

O barco Carpathia chegou ó lugar da traxedia unha hora e media despois. Só 705 persoas lograron sobrevivir. A partir de aí aplicáronse, puxéronse en práctica novas normativas para mellorar a seguridade dos barcos, incluíndo a obriga de ter suficientes botes salvavidas para todos os pasaxeiros.

O legado do Titanic perdurou ó longo dos anos, inspirando libros, películas e documentais. A historia do barco e o seu tráxico destino segue fascinando e recordando a fraxilidade da vida e a importancia da seguridade no mar. O sitio do afundimento converteuse nun lugar de interese histórico, onde se realizan numerosas expedicións para explorar os restos do barco. A memoria do Titanic vive na conciencia colectiva, recordándonos que incluso os máis grandes poden caer. O Titanic era moi grande e afundíu hai hoxe 113 anos.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 12 de abril de 2025

MANDÓN


Nubes negras sobre o ceo de Baños de Molgas que ameazan chuvia. Xa veremos se mando chover ou non. Non sempre chove a gusto de todos. O meu gusto é raro: podo mandar chover agora mesmo para xiringar a alguén ou podo mandar chover pola noite, que quizais sexa cando menos molesta.

Sempre fun un mandón. Mandeille rosas a Sandra e, a moitos máis, mandeinos a tomar vento fresco, por non dicir outras barbaridades. Ante todo, educación. Aínda que sexa un mandón.


Mañá, se quero sementar patacas, mando que saia o sol. Se a nugalla prende de min xa ás nove da mañá, mando chover e deito co sacho sobre un xergón de millo. Tamén podo mandar ó sacho cavar só, pero non procede; igual me torce os regos. E as cousas ben feitas, ben parecen.

Mandeille a alguén que lle collera tres peras ó olmo e, o paspán, non vai coller castañas nun loureiro. Rifeille, claro. O pobre escusouse co domingo de Ramos. Porén, mandeino a capar o grilo, que practicamente é o mesmo que mandalo a darlle cornadas ó tren.

Son un mandón incluso para min mesmo. Dígome: vou por aquí, e collo por aquí. Cando digo: vou para alá, pois para alá marcho. Son mandón pero tamén son obediente. Por veces é certo que non sei que me dicir e quedo quieto, indeciso, coma un pasmón a velar vir. Non obstante, mandar non é tan fácil. En certos momentos, hai que saber mandar. Como tamén é verdade que algúns non saben, pero mandan que nin o carallo.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 11 de abril de 2025


Foto: Baños de Molgas (Ourense)

viernes, 11 de abril de 2025

VERDE


Verde que te quero verde, dicía aquel poeta. Verde é a cor da esperanza, dicía aquel outro, outro calquera. Verde é a natureza, que é libre e salvaxe. Si, traidora tamén. E bonita, principalmente bonita. Verde é por veces o mar. Verde é o toxo verde. Verde é o sabugueiro. Verde é esa crítica ou rifa que lle botamos a alguén... poñéndoo verde.

Verde é Hulk, e o Grinch, e a Máscara, e a ra Gustavo, e a malvada bruxa de Oz, e a Cousa do Pantano, e o Marciano Gazú, e o Sapo de Tiana, e as Tartarugas Ninja, e Gamora, e o Trasno Verde, e o Cabaleiro Verde, e Shrek, e Ioda e Mike Wazowski.


A cor verde tamén se asocia á frescura, á saúde, ó crecemento e á renovación da enerxía, ó equilibrio emocional. E aínda que xa o dixen, volvo dicilo: é a cor da esperanza. Tamén a cor dun vestido elegante.

Verde é como dar permiso: dar ou ter luz verde. Verde é cando a vivencia está preñada de inexperiencia: estar verde. Verde é como ser un estraño: es máis raro que un can verde. Verde é a libido á súa máxima potencia ou expresión: ser un vello verde ou contar chistes verdes. Verde é desexar o que non se ten: estar verde de envexa. Verde é chegar tarde, mal e nunca: a boas horas, mangas verdes.

E, se quero, verde tamén pode ser o silencio, un berro, o outeiro dun peito, un paxaro verde, a esperanza, un asubío, un campo de fútbol, outra vez a esperanza, outra vez un vestido, unha canción, un lamento, unha vez máis a esperanza. O vento tamén é verde: verde que te quero verde; verde vento, verdes ramas. Verde incluso é o etcétera final.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 9 de abril de 2025

Foto: Un sabugueiro facéndolle a cama a un canastro en Baños de Molgas.