martes, 20 de mayo de 2025

A ÁNCORA DO TITANIC

 

Contemplei a áncora do Titanic e pensei en Kate Winslet. Xa está ben de pensar sempre no DiCaprio. Aínda que cada vez que vexo ou leo ou escoito o nome dese barco, dese mastodonte, o primeiro pensamento vai ó iceberg e á desgraza, o infortunio. A unha desgraza que, para máis aquel, acaeceu na viaxe inaugural. O barco quizais máis famoso da historia levantou áncora en Southampton o 10 de abril de 1912 con destino a Nova York. Na noite do 14 ó 15 chocou contra un bicho iceberg no Atlántico Norte e empezou a facer auga nas primeiras horas do 15 de abril. O cine encargou de magnificar tal accidente, tal catástrofe.


Agora, 113 anos despois, dáseme por lembrarme del, por culpa da súa áncora, que contemplo nunha fotografía. A áncora é coma todas as áncoras dos barcos que son máis que barcos: grande, enorme, pesada, de ferro. Ó contemplala, tamén me recorda a unha que hai en Muros, porque, nesta, cada verán que pasabamos por alí (poucos anos, por desgraza), e sendo os fillos aínda cativos, case os obrigaba a subirse a ela para a correspondente foto temporal, é dicir, para ver o paso do tempo (nos fillos, claro) dunha foto a outra.

A verdade é que calquera áncora impresiona un pouco. Pola súa grandiosidade, polo seu cometido e, por que non, pola súa fermosura. Son da Galicia interior (ou da Galicia profunda, como diría a outra), pero sempre me fascinaron o ruído do mar e as áncoras que se expoñen na maioría dos portos.

A áncora de Muros tenme o seu significado. A áncora do Titanic tamén. Este máis triste, máis tráxico; por moito que intentemos pensar nunha historia de amor no Atlántico Norte entre Leonardo DiCaprio e Kate Winslet.


Café Brétema. A Valenzá. Xoves, 15 de maio de 2025

lunes, 19 de mayo de 2025

TRES AVEMARÍAS POR ESTE GALIMATÍAS

 

Unha ladaíña. Unha pregaria. Un réquiem. Un rosario diario. Unha novena á virxe dos Milagres. Un responso. Unha oración. Unha misa. Un ora pro nobis. Un rogo. Un requiescat in pace. Un calvario. Unha crucifixión. Unha resurrección. Agora cada quen que rece tres avemarías por este galimatías católico, relixioso, divino, celestial.


Unha aixada. Un fouciño. Un sacho. Unha gadaña. Unha peta. Unha fouce. Unha reata. Un sedeño. Un carro. Unha fouce gata. Unha fouce da seitura. Un arado de pau. Un arado de ferro ou mosquito. Unha vertedera ou veso. Un estadullo. Uns ladrais. Agora cada quen que intente vivir desta miseria labrega, campesiña, rural, minifundista, agrícola.

Un balón. Un xogador ou xogadora. Unha portería. Un árbitro ou árbitra. Un campo de fútbol. Un chifro. Un penalti. Unha falta. Un adestrador ou adestradora. Un córner. Un gol. Unhas bancadas. Un primeiro tempo. Un descanso. Un segundo tempo. Un equipo. Unha afección. Agora cada quen que se esgorxe, que brame, que vocifere polas súas cores, equipos, cidades.

Un can. Un lobo. Un burro. Unha ovella. Unha vaca. Un xabaril. Unha galiña ou pita. Un porco ou marrán. Unha toupeira. Un teixugo. Un boi. Un macho. Unha besta. Agora cada quen que mesture estas criaturas nun cortello, nunha corte, nun cubil.

Un lapis. Un caderno. Un bolígrafo. Unha pluma. Un pizarrín ou lapis de lousa. Unha pizarra ou encerado. Un libro. Unha materia. Unha aula. Un poema. Un conto. Un verso. Un parágrafo. Agora cada quen que escriba a aventura da súa vida e que versifique os sentimentos das súas entrañas.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 14 de maio de 2025

Café Brétema. A Valenzá. Xoves, 15 de maio de 2025


Foto: Novenas. Rosario das Antorchas (Os Milagres – Baños de Molgas)

sábado, 17 de mayo de 2025

ASASINATOS


Acabo de ver unhas imaxes pola televisión nas que a xente se manifestaba en Basilea en contra da participación de Israel no Festival de Eurovisión. (Aínda que a miña intelixencia é pouca, entendo que Euro se refire a Europa, polo que me pregunto que pinta Israel, un país asiático, nun festival europeo? Pero si, paso deste asunto, que intúo que será porque existen aí intereses creados) Paréceme algo normal o da manifestación, que sei que non se debe a que non pertenza a Europa, senón ó xenocidio que este país está a cometer na Franxa de Gaza.


Que, falando claro, e aínda que a moitos lles custe entendelo, o que pasa aí é un xenocidio, ou sexa, unha exterminación metódica dun grupo social por motivos étnicos, relixiosos ou políticos. A mellor proba: a noite do mércores, por exemplo, 22 nenos mortos, asasinados. Así, a carga cerrada, dunha vez por todas, é dicir, dun bombardeo israelí sobre a Franxa.

Asasinados. E que non se escuden, que non se amparen en Hamás, na guerra nin en nada semellante. Os nenos non saben de guerras, nin de grupos terroristas, nin de trapalladas políticas. Eles non poden ser nunca danos colaterais. Eles, tan só son cativos que ansían xogar nas rúas das súas aldeas, das súas vilas ata que os conquistadores sen conciencia lles cortan, lles truncan, lles mutilan tal ansiedade cun par de bombas de destrución masiva. Asasinados.

Como asasinato é o que se está a producir coa lingua galega e, máis en concreto, no propio Día das Letras Galegas. Si, porque si, porque por ser precisamente ese día, a defensa da lingua galega lánzase a bado aberto, ós catro ventos durante... uns minutos, ou unhas páxinas nos xornais (poucas, por certo, xa que axiña a información volve a ser en castelán; non vai ser o demo que non entendamos o que lemos). Neste día, todos os colectivos, todos os políticos, todos os que presumen de, felicitan e saúdan con slogans realizados para esta ocasión. Só iso; a partir de aí... ata o ano que vén.


Os políticos son os peores, claro. Son os que deberían velar pola nosa lingua e si que o fan este día: prometendo, planeando, anunciando, presaxiando, falando de que todo vai cambiar. A mesma ladaíña que se soltou e se solta con respecto ó rural: que hai que botar mal del, que pouco a pouco vai a cambiar, etc, cando se ve que o rural xa está máis que rematado. O que lle pasará á nosa lingua. Asasinatos xenocidas e lingüísticos. Así de simple. Así de claro.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 17 de maio de 2025

O MÓBIL


Unha muller con gafas está mirando o móbil. Un neno co pelo algo rizado está xogando co móbil. Un home cun xesto atravesado está escribindo no móbil. Unha nena con pantalón claro escoita música polo móbil. Un home feito e dereito que presume de oficinista fala polo móbil. Nunha mesa na que están catro amigos tomando algo, dous teñen os móbiles nas mans e os outros dous sobre a propia mesa. De cando en vez tamén manipulan neles. Unha señora, xa maior, esborranchada, sorrí con vergonza ante un vídeo que ve no móbil.

O móbil. O obxecto imprescindible hoxe en día. Para ben e para mal. Hoxe, sen móbil, xa non sabemos vivir. Acabamos de comprobalo no apagamento: a xente, en vez de queixarse da falta de luz ou dos produtos culinarios que se escarallarían nas neveiras e conxeladores, botaban as mans á cabeza porque non funcionaban nin os móbiles. Hoxe, o uso do móbil é coma o respirar. Se non respiramos, afogamos. Se non temos o móbil, morremos de ansiedade.


Eu mesmo uso o móbil. Agora mesmo. Para buscar algunha palabra no dicionario da RAG. Polas noites, para enredar co trivial ou con algún outro xogo cultural, mesmo para facer encrucillados co fillo nos descansos dos partidos de fútbol. Incluso ó “saír de can” éme imprescindible o móbil: para a música, para abrir o Spotify e poñer os 12.408 temas musicais, entre bandas sonoras e cancións, dunha lista que creei.

O móbil é esa axenda de antano. Os móbiles son os berros da infancia, de cando había que chamar polos amigos e veciños a berros. O móbil é o mapa de estradas de tempos pretéritos. O móbil é ese aparato que latexa ó mesmo ritmo do noso corazón.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 14 de maio de 2025

jueves, 15 de mayo de 2025

UN FEIXE DE ESPERPENTOS


Meteu sete versos por unha canella e esperou acontecementos. Sentou á sombra dunha toxeira. Nada rimaba nesa espera. Ó pouco díxose que pintaba alí e marchou co rabo entre as pernas ou máis rápido que á présa. E sen completar o soneto. Hai poemas que son malos de recitar... por estar incompletos.

Buscou os outros sete versos por entre o val de dous peitos. Só se cruzaba co silencio. Só sentía o baleiro. O soneto era duro de roer. E ó poeta só lle saían títulos de desespero. Berrou por todas as alegorías do tempo.


Desesperado xa por non completar o poema ou o soneto iniciou un ruxerruxe de pensamentos para que acougasen, para que sosegasen sobre a almofada dos anhelos, dos devezos. Meteu nun nobelo contos con cancións, sorrisos con xestos, troitas coas ondas do mar, tatuaxes con acrílicos, balcóns coas esperas que desesperan, flegma con batallas, coraxe con covardía e paz republicana coa represión franquista. O nobelo xa non era nobelo; era un feixe de esperpentos.

O poeta volveu á canella. Por se atopaba a inspiración para o soneto. Seguía o baleiro xunguido ó silencio. Entre os dous non pariron nin un maldito verso. Quedou a velas vir e deixando que a toxeira lle fixese sombra, mentres polos auriculares lle saía un asubío de película.

Definitivamente aparcou o desexo de construír un poema. Dáselle mellor mesturar esperpentos: un sol que chora, un pardal que oulea, un lobo que pía, un espello que racha, un peixe que afoga, unha foto que marea, un encontro que remata, un silencio que berra e un berro que se emite en silencio.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 13 de maio de 2025


Foto: A Canella (Baños de Molgas - Ourense)

miércoles, 14 de mayo de 2025

O RECADEIRO


Flaminio Chaodarcas Suárez marchou correndo polo lugar abaixo na procura de Isidro Castiñeira Foncuberta, O Apartado, para darlle un recado de parte de Gervasio Meamán Ortigas, O Toxo. Flaminio Chaodarcas, O Recadeiro, non deixaba de repetir para si a encarga. Tiña `pouca memoria e sabía que, nun amén, podíaselle esquecer o que lle dixera O Toxo e non lle apetecía nada volver sobre os seus pasos. O Recadeiro, a maiores de ter pouca memoria, era nugallán como un sapoconcho co bandullo cara a arriba.

Chegou á casa do Apartado e, en vez de chamalo (por se ó falar se lle esquecía o mandado), petou con forza na porta. Esperou cos pés patexando a causa dos nervios. Tan axiña como Isidro abriu a porta, soltou as palabras como un fol: “Xurdín das cinsas do tempo”. E sorriu. Que dis, oh, preguntoulle O Apartado. Que me dixo Gervasio que che dixera iso. Xa non soubo dicirlle de novo o que lle dixera. Menos mal que Isidro acababa de entender.


Este, O Apartado, tamén sorriu e soubo que con esa frase a depresión de Gervasio Meamán rematara. O Toxo levaba tempo fundido por acontecementos que non veñen ó caso. Non veñen ó caso porque sucederan con tan só eles os dous de testemuñas e non tiñan porque facelos públicos. Adoita dicirse que o mellor segredo é o que non se conta nunca... aínda que xa o souberan tres.

O Recadeiro subiu correndo de novo polo lugar e quedou á espera dalgún recado máis. De algo lle tiña que valer o alias. Xa se pode dicir que era o recadeiro oficial da vila de Baños de Molgas.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 12 de maio de 2025


Foto: A Calle ou O Lugar (Baños de Molgas - Ourense)

martes, 13 de mayo de 2025

NON ERAN ATRACADORES


Lendo o libro, o moi interesante libro de Román Alonso Santos, “Saltando a Raia”, que versa sobre a guerrilla republicana no suroeste ourensán, no período da Guerra Civil e da posguerra, atopeime cun parágrafo encol dun interrogatorio que lle facían a un “atracador” sobre “que sabía dos atracos de Porto Quintela, Lobios e Baños de Molgas...”.

Ó ler o nome desta última, o nome da miña vila, busquei nun recanto da memoria e non tardei en atopar os comentarios que se facían sobre os “atracadores”, máis en concreto, sobre os “atracadores” de Almoite. Poño o substantivo entre comiñas porque, agora, sábese e intúese que moitas veces era a guerrilla e non simples atracadores.


Certo que, segundo conta o libro, aínda que fosen guerrilleiros, tiñan que roubar ou atracar ou asaltar para subsistir. Naqueles tempos, tanto uns coma outros, vivían en condicións moi precarias a causa das fuxidas que tiñan que levar a cabo da garda civil, do exército franquista e, o que era aínda peor, da maioría dos propios veciños. Aínda que había algúns que colaboraban e axudaban ós guerrilleiros, ós fuxitivos, ós republicanos, ós esquerdistas; moitos amigos, incluso familiares, aproveitaban a ocasión para vinganzas e xenreiras. Porén, a maioría das veces, as denuncias eran por medo.

Díxeno sempre: o peor dunha guerra é o que vén despois: as represalias, as persecucións, o poder dos gañadores, o poder das ditaduras. A represión franquista no noso país foi tan execrable que se sucederon as “leis de fugas” (deixaban que medio fuxisen para liquidalos ó momento a tiros), os mortos nas cunetas e os fusilamentos por calquera carallada.


Café Rooster. Ourense. Luns, 12 de maio de 2025

Finca Fierro. Barbadás. Martes, 13 de maio de 2025