miércoles, 18 de junio de 2025

MEMORIA PRODIXIOSA

 

Teño unha memoria prodixiosa. Memorizo de todo, pero son especialista nas matrículas dos coches. Iso si, só nos números. E non os memorizo en orde, non. Memorízoos segundo os vexo: 7058, 6507, 2118, 0701, 8369... e así. Desde que teño acordo, ou sexa, desde que asomaron os primeiros coches por Baños de Molgas. Cando estou en algunha cidade, aí xa son un máquina, unha fervura memorística que incluso me miro en algúns escaparates para ver, precisamente, se me fumega a cabeza. Hai veces nas que me nego a mirar para os coches. Pero, aínda así... 9474, 0008, 9015, 2182, 3481, 4612, 1649...

Cando notei que empezaba a memorizar tamén as matrículas das motos, aquí xa me neguei a tal envergadura. A mellor solución é non mirar para as motos. Cando sinto o seu ruído intento distraerme con outra cousa.


Como dicía, memorizo de todo. No monte coas vacas dábaseme por memorizar a cantidade de flores que tiñan os toxos. E como o monte Medo e o monte de Pinouzos estaban cheos de toxeiras, facede vós mesmos as multiplicacións. O asombroso era que ós sete días sabía cantas flores lle caeran a tal toxo.

Memoricei e aínda teño na memoria todos os marcos de todas as fincas de Baños de Molgas, que, sendo o noso país a biblia do minifundismo, aí deixo o posible número deles. Porén, e grazas a Deus, aínda non houbo ningunha morte polos marcos.

A miña memoria é tan prodixiosa que incluso teño memorizado o que aínda non existe.


Café Kibu. A Valenzá. Sábado, 14 de xuño de 2025

martes, 17 de junio de 2025

MEDIR AS PRÉSAS


Cheguei canso de non andar case nada. Ó mellor foi precisamente por vir avagariño. Cando ando amodiño cánsome moito. Se corro durante días tamén me canso. Non son un heroe. Entón, mellor un termo medio. O que ocorre é que ás veces non consigo medir ben as présas. Unhas veces adoito chegar con tanta antelación a onde vaia que... Que menos mal que sempre traio comigo un libro e aproveito a espera. Outras veces chego xusto de tempo ou mesmo pasando uns minutos. Poucos.


Poucos, porque son máis ben de chegar con moita antelación. Nos cines de Madrid, tanto os acomodadores como as vendedoras das entradas, xa me coñecían todos. Eu chamaba a atención. A causa precisamente de chegar con media hora ou máis de antelación ó correspondente pase da película. Collía o libro e, como prefiro ler paseando en vez de sentado, gastaba as baldosas dos vestíbulos con tanta ida e volta. A estampa era para chamar a atención. Realmente, cando saía a algún lugar con tanta antelación era porque xa estaba máis que aburrido na pensión.

Cando vexo que o tempo se me bota encima, é aí cando acelero o paso de tal forma que non me estraña que alguén me chame o rápido de Bouzas. Porén, xa digo, non é desta forma cando máis canso. Canso ó andar amodiño. Agora mesmo, como vin amodiño, cheguei canso.

Esta canseira tamén se debe un pouco á nugalla. Todo hai que dicilo. O tempo climatolóxico tampouco axuda. O aburrimento tamén bota para atrás as ansias. E todo mesturado é como unha potaxe de folganza, de galbana, de canseira.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Sábado, 14 de xuño de 2025

lunes, 16 de junio de 2025

CON RUMBO Ó EXILIO


Como se está poñendo o panorama político! Tanto o español coma o mundial. Tanto é así que non vou esperar a que me manden ó desterro ou a algún lugar peor. Voume exiliar eu mesmo. Sen falta.

Marcho correndo, definitivamente, ó faiado para descolgar o traxe de astronauta. Souben desde hai tempo que tiña que gardalo e telo en boas condicións. Non son político nin me gusta a política, pero hai cousas que se ven vir.

Como vía vir a historia, tamén hai tempo que lle roubara un mísil ós ianquis cando, por un casual, pasaron por Baños de Molgas. Co fouciño pincháralles as rodas dun dos camións do convoi e, mentres foron buscar outro, eu, peza a peza, roubeilles o mísil. Para que despois digan que os ianquis son listos, que son a máxima potencia en armamento. E un paspán labrego fódelles un mísil.


Escondino entre unhas toxeiras de Sudalomba e, agora, nun amén, xa o teño listo e disposto para que saia coma un foguete, coma os que se botan na procesión de san Salvador. Cun sedeño átome ó proxectil. Malo será que ó alcanzar certa altura ou segundos antes de que estrale o mísil, non sexa capaz de desatarme para flotar polo espazo sideral.

Nin realizo a conta atrás nin rabo de gaitas. Disparo o mísil e despídome da vila, do país, da Terra ó mesmo tempo que berro, que bramo: “agora bicádeme no cu que teño paxariños”, como me dicía miña nai cando corría detrás dela. Desde as alturas, a Terra é bonita e a política podre.


Café Brétema. A Valenzá. Venres, 13 de xuño de 2025

domingo, 15 de junio de 2025

IR E VOLVER


Fun e xa volvín. Moitas veces... minto, algunhas veces non quero volver, pero non queda outra. Fun polo aire e vin polo vento. Se cadra foi ó revés: fun polo vento e vin polo aire. Si sei que fun de présa e volvín correndiño. Ó mellor foi amodiño. Non sempre vou andar ó mesmo ritmo. E entre tanta ida e volta tamén se me poden cruzar os elementos.

Fun á biblioteca e volvín da biblioteca. Alí, nela, na biblioteca, boteille unha ollada ós libros e pasoume como a maioría das mulleres ante os escaparates: algo sempre gusta. E tendo tan só un libro na casa... E podendo ter tres... Que queredes que vos diga...

Fun a un supermercado e xa volvín do supermercado. Merquei catro cousas xustas. Pesábanme máis os dous libros —bastante voluminosos— que os produtos adquiridos.


Pola mañá tamén fun e volvín. Ó supermercado non, á aldea. Mentres non volvín fixen a tira de cousas e máis: desde pór uns pementos ata enramar unhas trinta vides, desde pór uns repolos ata sementar unhas cenorias, desde sulfatar esas trinta vides ata aproveitar o sulfato e ciscarllo tamén ás patacas. Reguei diversos produtos hortícolas. Fochiquei neses diversos produtos de horta ou de terreo (nós, realmente, dicimos tarreo). E rematei a mañá varrendo o patio da casa, que estaba cheo de follas dun laranxeiro que me toca o violo.

Tamén fun e volvín dos pensamentos ós soños, das covardías á heroicidades, dos sorrisos ás mágoas, da algarabía ó mutismo, da morriña á nostalxia, dunha cor do arco da vella ás seis cores restantes do mesmo arco da vella. Fun e volvín para non quedar quieto.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 12 de xuño de 2025

Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 14 de xuño de 2025

sábado, 14 de junio de 2025

O QUE ELA DIGA E NÓS QUEIRAMOS

 

Cando a semana pasada comentei algo de que a señora Ayuso non respectaba a Constitución, quedei sen espazo para desenvolver algo máis a completa e total desconexión que existe sobre ese conxunto de leis que determinan a forma de organización política dun estado, así como os dereitos e deberes dos seus cidadáns. Falando claro, a Constitución Española non a respecta ninguén. E os políticos menos; nin os de antes, nin os de agora e nin os que chegarán. Falando claro, as Constitucións de todos aqueles países que a teñen pásalles exactamente igual que á española; que tampouco as respectarán ninguén. Sempre foi así, é lei de vida; que cando hai normas, ou regras, segurísimo que non se respectan. Aqueles que non a teñen, non hai un embarullamento, non; que va. Os que non a teñen hai un señor que ordena e manda, e todos calados.


E quen di a Constitución, di, por exemplo, a Declaración Universal dos Dereitos das Persoas, elaborada pola Asamblea Xeral das Nacións Unidas o 10 de decembro de 1948, e asinada polos 193 estados membros, entre os que se atopan Irán e Israel, que están en guerra; Ucraína e Rusia, que están en guerra; China, Corea do Norte, Angola, Somalia, Cuba, Venezuela e así ata 53 países que son ditaduras ou réximes autoritarios. É dicir, que por unhas ou por outras cousas, a inmensa maioría dos países da Terra non cumpren con eses dereitos humanos. E si, deixei para o final, ex profeso, a Estados Unidos, que con todo o que pensamos que significa e que dignifica, quizais ou sen quizais sexa o que menos cumpre con normas, regras, constitucións e, por suposto, dereitos humanos.

Chega con dicir dereito á vida e á liberdade, dereito a non someterse á escravitude e á tortura, dereito á liberdade de opinión e expresión, e dereito ó traballo e á educación, para que o modelo desa Declaración faga auga por todas as partes. Principalmente en Estados Unidos, onde, precisamente, estes días, os dereitos dos cidadáns son desprezados, ignorados, vilipendiados, masacrados e mesmo matados. Así, como digo.


Todos nacemos libres e iguais en dignidade e dereitos. Mentira! Todos somos iguais ante a lei. Mentira! Toda persoa ten dereito a circular libremente e a elixir a súa residencia no territorio dun Estado. Mentira! Que llo pregunten ó Trump. Non se pode discriminar pola raza, a cor, o sexo, o idioma, a relixión, a opinión política... O que ela (a Constitución ou a Declaración) diga e nós queiramos.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 14 de xuño de 2025

SABEN ATOPARLLE O PÉ Ó COXO


Hai xente aproveitada. Hai xente egoísta. Hai xente abusona. Hai xente sen conciencia. Hai xente que promete e non cumpre, que pide e non dá. Hai xente que vai ó seu paso e obriga ós demais a ir ó seu lado, ou aínda peor, uns pasos máis atrás, non vaia ser que perda protagonismo.

Todos estamos para botar unha man. Ata certo punto. Cando o favor pasa a abuso, iso xa cansa, xa case doe. Cando o abuso medra coma un calo, co tempo, non queda outra que extirpalo. Certo, mentres non se extirpa, o abuso faise crónico. E segue. E segue. E segue.

Ante os aproveitados están os caritativos, os nobres, os bondadosos, os puntais que suxeitan a inconsciencia. Algunhas persoas teñen o ceo máis que ganado. Por aturar ó ineptos, ós ególatras. E seguen aguantando as acometidas dos que non teñen vergonza.


Hai xente que non se cansa de pedir. Hai xente mesquiña. Hai xente rañica. Hai xente que pide a calquera hora do día e que dorme despreocupada pola noite. Hai xente que aguanta, e moi ben, a lacha, a vergoña. Hai xente que asubía mentres alguén lle acomoda a vida. Hai xente que baila mentres outros lle axustan os erros, as comenencias.

O de favor por favor xa é historia. Agora, o favor devólvese cun deus cho pague e ata a próxima. Ata a próxima axuda. Ata a próxima petición. Que se fai sen vergonza, con moita cara, mesmo cun sorriso ladeado, cun perdoavidas, cun é a túa obriga... pola miña cara bonita, pola miña cara lavada. Ante tanto descaro, non queda outra que apandar e seguir facendo favores. Porque saben atoparlle o pé ó coxo.


Café Brétema. A Valenzá. Mércores, 11 de xuño de 2025

Finca Fierro. Barbadás. Venres, 13 de xuño de 2025

viernes, 13 de junio de 2025

MOITO BOCHORNO


Non se ve o sol, pero quenta de carallo. Abrasa. Bochorno. E Bruce Springsteen cantando. Levaba tempo sen escoitalo. O The Boss. Unha moto que mete ruído. Un silencio que deixou de ser silencio. Catro pingas de suor asoman polo antebrazo dereito. Deixade que os raios de sol, que agora mesmo non existen, me apicoen. Deixade que os nenos se acheguen a min. Non vexo ningún. Non hai ningún. Só hai bochorno.

Que os gatos pardos se volvan negros para que aparezan desgrazas de novela. Xa lle daremos un toque de canela. Aire inexistente. Follas quedas. Zeca Afonso con “Grândola Vila Morena”. Vaia tema! Que a flor de toxo lle diga adeus a esta primavera. Que polos grandes océanos navegue a Perla Negra. Nada se move. Nada boia. Bochorno.


Espello que reflicte as ansias e os desexos. Bafos nos que se debuxa un corpo nu. E que corra o aire. Agora mesmo non existe; auténtico bochorno. Todos os galimatías son mesturas de esperpentos que ocupan espazo pero non din nada. Ennio Morricone con “Amapola”. En todos os lugares, aldeas, vilas e cidades de Galicia creo que hai unha canella. Unhas cegas, outras abertas e todas pequenas. Nelas tamén hai bochorno. Moito bochorno.

Tatuaxes sobre pel branca. Sorrisos en labios vermellos. Acenos que se necesita un máster para entendelos. Paula Fernandes canta “Pra Você”. E un escornabois botándolle unha carreira a un sapoconcho polos outeiros dun peito. Agora, o que queira, que se poña á sombra duns amieiros. Á beira do río Arnoia, á altura da Pitediña, en Baños de Molgas, hai uns cantos. Porén, mesmo á súa sombra, hai bochorno. Moito bochorno.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 10 de xuño de 2025

Foto: A Pitediña (Baños de Molgas - Ourense)