domingo, 20 de julio de 2025

UN É COMO É


Son o home que me meto debaixo da ponte de Pinouzos para escoitar a música de Morricone. Cando canso marcho para Barricovos e, subido a un dos seus penedos, canto catro temas de Sabina. Vexo como os fentos bailan ó ritmo dos meus ergutíos. O can dálle ó rabo e, de cando en vez, unha nube negra cruza o ceo molgués.

Chámome Robustiano Suárez Currás. Todos me chaman O Caxato. Son delgado coma un caxato. O alcume non me molesta porque un é como é, ou como o botaron a este mundo. A min botáronme o ano en que a porca de Sergio, O Pardal, empreñou cun xabaril. Por certo, a porca pariría unha mestura de porquiños domésticos e porquiños bravos. O asunto seica trouxera o seu aquel. Incluso certas personalidades políticas e mesmo relixiosas se achegaron para ver o nacemento, aproveitando, iso si, a que estaban tomando as augas no balneario de Baños de Molgas. Diso xa choveu.


Porque paso dos 60 e dentro de catro chegarei ós 70. Non coñecín outra vida que a de xogar polas airas, cavar as fincas, rozar os toxos e andar no monte con tres vacas, un burro e lembro que, ó principio, cando aínda era un cativo, unha ovella. Tamén sempre tiven porcos e porcas, aínda que estas souberon comportarse e non se desmandaron buscando algún porco... bravo.

Deixo o eco de Sabina cruzando a Porfía e marcho para a casa escoitando a Manolo Escobar, que non todo vai ser xente de armas tomar. Cómpre algo de folclore nacional. Entro na vila, pola Cagalla, cantándolle un responso a un gato que se atopa morto debaixo do canastro de Ricardo, O Peregrino.


Café Brétema. A Valenzá. Xoves, 17 de xullo de 2025


Foto: Ponte de Pinouzos (Baños de Molgas - Ourense)

sábado, 19 de julio de 2025

FANFURRIÑADAS CHEAS DE LAMENTOS


Somos bastante (máis ben, moito) irresponsables. Por presumir, por darnos a ver, por chamar a atención, por facer alarde de, cometemos actos esperpénticos, irracionais, impulsivos que mesmo nos levan á morte. Autorretratos en sitios máis que perigosos. Mergullos ou baños nas praias máis alá dos límites debidos. Saltos ó mar ou a ríos desde alturas inmensas. O outro día, un rapaz de 14 anos choutou a un lago de Catoira cun fondo, seica, descoñecido, onde atopou a morte.

Furgando un pouquiño pola Internet asoma que entre 2008 e 2021 rexistráronse unhas 15 mortes en España relacionadas con autorretratos en lugares extremos. A última documentada ocorreu no setembro de 2021, cando unha moza ucraína de 26 anos perdeu a vida ó caer desde o miradoiro do Castell de Benidorm, a uns 30 metros de altura, por querer facerse unha foto.

Isto das mortes accidentais por facer gala de... virilidade, chulería, fanfurriña, bravata lémbrame a manía, a teima de verán na ponte vella de Baños de Molgas, desde na que, todos os anos, algúns mozos lánzase ó río Arnoia desde o peitoril da parte de arriba ou do leste. Aquí o problema quizais non estea na propia altura, senón máis ben na profundidade do río. Aínda que nesa zona da burga ten a súa profundidade, hai que lembrar que nos meses de xullo e agosto o caudal deixa moito que desexar. Certo que os mozos se tiran de pé, pero aquilo de que tanto vai o cántaro á fonte... non sería de estrañar que algún ano a algún “valente” se lle escangalle a columna vertebral. Despois será cando botemos as mans á cabeza. Agora que é certo, onde non hai cabeciña, pouco se pode botar. As fanfurriñadas están cheas de contrariedades e lamentos.


As mans á cabeza tamén as hai que botar estes días ante os procederes da Comunidade Europea. Por exemplo ante a resolución máis recente: que por sétima vez (creo) volveu aprazar a proposta do uso do galego, catalán e éuscaro. Unha das alegacións é, por suposto, a económica. Para a cultura, para a educación, para a lingua os cartos míranse con lupa, do dereito e do revés, mentres que para a Defensa, para armas hai que comprar e comprar; non vaia ser que nos ataquen os árabes, os rusos ou os extraterrestres. Os ianquis son amigos.

Tamén o sector primario se pode xunguir co cultural e co educativo, xa que a Comunidade Europea rebáixalle un 20% ós fondos da PAC (Política Agraria Común) do noso país. O dito: os sectores máis importantes da sociedade minguan ante o poder das armas, que son as que dan os cartos. Todo o demais é perda.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 19 de xullo de 2025


Foto: Ponte vella de Baños de Molgas (Ourense)

A NADO E EN PATINETE


Queimei as naves e botei a nadar. Se Juan Luis Guerra cruzou o Niágara en bicicleta, por que eu non podía cruzar o Atlántico a nado e, ós cachos, en patinete. Saín do pequeno porto de Lira, en Carnota, unha mañá, cedo, con néboa espesa. Non tardei en cruzarme coa Perla Negra. Ninguén me viu. Para min que Jack Sparrow estaba na bodega... durmindo a borracheira.

A non sei cantas millas náuticas (como son da Galicia profunda só sei contar en metros), vin un cacho bicho tiburón branco. Acordeime do Spielberg e da mala fama que lle deu ás quenllas. Esta, ó pasar á miña beira, ergueu unha aleta e chocouna coa palma da miña man dereita. Saúdo de amigos.


Pasaron outras tantas millas náuticas e a canseira asomaba xa por todo o meu corpo. Mais, contra o feito xa non hai remedio. Seguín cruzando o Atlántico intercalando as brazadas co patinete. Este useino pouco, pois as ondas eran grandes como a torre da igrexa de Baños de Molgas e, o movemento, polo tanto, moito.

Xusto nun momento no que soltei o patinete, vin ó lonxe un chorro de auga tan alto que, aínda que son da Galicia interior, souben que aquilo tiña que ser unha balea. Que carallo, non tardei en descubrir que era Moby Dick. Acordeime do Herman Melville, do John Huston e do Gregory Peck ou capitán Ahab. A balea era tan enorme que, medo non, pero respecto tívenlle un pouco. Porén, ó pasar á miña beira os dous nos miramos de esguello e ela soltou tal chorro que menos mal que xa ía mollado, senón púxame coma a un divino cristo. E, si, cheguei mollado a Nova York logo de non sei cantos días.


Café Brétema. A Valenzá. Mércores, 16 de xullo de 2025

viernes, 18 de julio de 2025

UNHA SIMPLE RAIA


Invertín moitas horas en contemplar un petróglifo que, ó final, non conseguín entender. Era unha simple raia. Partía desde o alto do penedo ó fondo do penedo. Duns catro ou cinco metros de longo. Tan só duns dous ou tres centímetros de profundidade. Sería un simple pasatempo dun cativo que andou no monte e quixo matar o tempo? Sería un reguiño para que correse a auga cando chovese? Unha liña secreta? Un risco que deixaron as formigas de tanto pasar?

Botei horas intentando descubrir se tal raia tiña relación co escudo do Real Madrid que un paspán gravou no xullo de 1976 cando, este si, andaba no monte coas vacas. Certo que o escudo esculpírase noutro penedo, pero era a continuación do da raia. Significaría a raia un camiño a seguir cara ó escudo, cara ó outro penedo?


Despois de varias horas déronme ganas de chamar a algún especialista en petróglifos, a algún arqueólogo. Mesmo pensei no Indiana Jones, máis axiña caín na conta de que era un personaxe de ficción; e Harrison Ford, por moito que estudase ou se metese na pel do personaxe, non o vía eu desprazándose a Barricovos, no monte de Pinouzos, en Baños de Molgas. Por vir podía vir, pois Baños de Molgas ten o seu encanto, mesmo para os ianquis, pero o actor... non sei eu.

Que estou a desviarme do asunto da raia. Por certo, está dereita como unha vela. O que a esculpiu tiña bo pulso. O significado xa é outro cantar, outra historia que non consigo descifrar. Éme máis fácil o escudo do Real Madrid, porque está moi claro e é moi actual. Pero unha simple raia...


Café Kibu. A Valenzá. Martes, 15 de xullo de 2025


Foto: Escudo do Real Madrid en Barricovos (Baños de Molgas)

jueves, 17 de julio de 2025

FASTOS VERGOÑENTOS


As estradas galegas, tanto as nacionais como as autonómicas (as locais... pobres), teñen tales fochancas que, en algunhas, se chove moito, ata dan ganas de mergullarse nelas. A sanidade galega, en cuestión das urxencias, é peor que a subida ó monte Calvario cunha cruz de ferro ás costas.

Pois ben, a Xunta de Galicia gasta a tira e máis de cartos nos actos que levou a cabo na concesión da medalla de Galicia a unha rapaza por ser princesa ou filla de rei. Tal medalla seica é a máxima distinción galega que se lle concede a certas personalidades por, se entende, méritos ó servizo de Galicia en calquera aspecto da realidade social, cultural ou económica.


O único mérito da Leonor esa creo que só foi que realizou parte do servizo militar en Marín e que o outro día soltou unhas palabriñas en galego coma quen que... Isto lémbrame a aqueles madrileños que cando descubrían a un galego... ah, eres galleguiño. E no seu sorriso aberto ía xunguido o sarcasmo, a burla, a mofa correspondente.

Que méritos acadou máis a princesa Leonor para que tal acto fose de tal fastosidade que, sinceramente, deu algo de vergonza. Xa sei que á maioría dos galegos fumegáronlles as mans ante tanto bater de palmas. Porén, esta maioría galega mañá irá dunha aldea a unha vila, dunha vila a unha cidade e cagarase nas estradas e nas putas fochancas das estradas. Ante as horas interminables en urxencias porá a parir ó conselleiro de Sanidade e a quen manda no conselleiro de Sanidade. Hoxe aplaude os fastos vergoñentos dunha medalla que non era merecente para...


    Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 15 de xullo de 2025

miércoles, 16 de julio de 2025

NON É LISTA ELA!


Solicitei unha autorización para instalar unha antena de telefonía móbil no corno dunha vaca. En concreto, na Turina. Como esta foi e aínda é de armas tomar, estou acumulando uns carrouchos de millo para, cando chegue a ocasión, pillala a man. Coller a Turina para xunguila sempre tivo o seu aquel. Menos mal que como as cousas da administración van como van, é dicir, peor aínda que unha andaina ó ralentí dun sapoconcho. Mentres espero pola autorización paso cos aparellos por diante dos ollos da vaca para que se vaia acostumando.


A Turina é desas vacas que, ó intuír que andamos detrás dela para xunguila, levanta o rabo e non tarda en abeirar; coma quen que lle escapa ós tabáns. Non é lista ela! Na casa xúnguese ben porque a collemos na propia corte e non ten para onde escapar, pero cando imos ós toxos a Sudalomba, alá no monte Medo e moi cerquiña d´Os Milagres, ergue o rabo e... patas para que vos quero. Por veces houbo que ir por ela á casa, é dicir, a tres quilómetros do carro. Aclarar que, cando chegabamos co carro a onde estaban as gavelas dos toxos, soltabamos a xunta para que pacesen algo mentres cargabamos ou mentres aínda rematabamos de rozar as 90 ou 100 gavelas que levaría a carrada. Levabamos carrouchos de millo nos petos do pantalón ou da gabardina para ensinarllos e que se deixase coller. Non era lista o carallo da vaca: botábase a abeirar nun amén.

Agora mesmo estou a ensinarlle o medio caldeiro de carrouchos que xuntei, a ver se se decide a comelos. Estase achegando, pero o rabo tamén o está levantando xa. Non sei eu...


Café Kibu. A Valenzá. Luns, 14 de xullo de 2025

martes, 15 de julio de 2025

DISONANCIA COGNITIVA


A pinga de suor baixa polo brazo esquerdo con certa parsimonia ou pachorra. Ó mellor é polo dereito. Moitas veces non sei distinguir os extremos. Nin tan sequera o centro. Como son nacionalista...

Non só os extremos ou as beiras. Ás veces non sei diferenciar os pros dos contras, as preguntas das respostas, o de correr ou andar, o de gordo ou fraco, o toxo da silva, o home da muller. Aínda que, nestes últimos, a diferenza é palpable. Como en todos os demais. O que pasa é que quero ir de entendido falando sobre a perspectiva humana de verse sobre un buraco escuro ou á claridade dun día con moito sol. Hoxe hai moito sol e por iso notei a pinga. Máis ben a humidade. Non souben distinguir por onde baixaba. Si, mellor usar o de humidade.


Cando me din que saia, penso que xa cheguei. E cando me din que cheguei, boto a correr cara á saída. Son algo así coma torto, coma un espírito contraditorio, pero sen querer. Fago as cousas ó revés sen intención. Ó mellor é a miña mente a que non asimila os mandados, as opcións. Igual padezo un trastorno de control de impulsos, ou unha reacción paradoxal, ou unha disonancia cognitiva, ou unha conduta contrafóbica. Si, quizais leve as de ganar o de ser torto.

Torto sempre fun un pouco. Torto nos estudos. Torto nos pensamentos. Mesmo torto nos soños. Ninguén me cre cando digo que soñar esperto é bonito. A xente pensa que só se soña durmidos. Por último, politicamente, o meu xa pasa de torcedura, de distorsión.


Café Rooster. Ourense. Luns, 14 de xullo de 2025