martes, 9 de septiembre de 2025

A NOSTALXIA


Quere a nostalxia facerse dona e señora dos meus sentidos, do meu xuízo ás tres e pico da tarde. Di un tal George Ball que a nostalxia é unha sedutora mentirana, e o cantante e compositor Robert Wyatt prefire as nubes místicas da nostalxia antes que o real. O dicionario da RAG define a nostalxia como un sentimento de tristeza que produce o afastamento da patria, a lembranza dun tempo pasado ou de algo querido que se perdeu ou do que se está lonxe.

Aínda que teña ou sinta nostalxia, non estou triste. Non estou afastado da patria porque esta patria é miña; a galega, ningunha outra. Somos moi propensos a lembrar tempos pasados; eu, dos que máis. Porque aínda que os houbo calamitosos, funestos, desastrosos, en xeral, foron bonitos. Chega a simple infancia para que a nostalxia reine no meu vivir.


Nostalxia do que se perdeu. Eu só perdía as vacas e o burro. Perder as vacas era recibir unha tunda da nai. Perder o burro era marchar ó muíño do Dositeo rapidiño e correndo. Este tiña unha burra e, como se ve, os burros non son tan burros. Desas accións tamén aínda teño nostalxia.

Nostalxia de estar lonxe. Tívena pero xa non a teño. Porque estiven lonxe e a patria tira, vaia se tira. Agora vivo onde quixen vivir sempre.

Din que a nostalxia adoza, dulcifica, alivia os recordos. Penso que si. Tamén din que o abrigo da nostalxia protéxenos do frío da melancolía. A esta non a vexo tan fría. Creo que a melancolía, a maioría das veces, é bonita. A nostalxia é como esa morriña (bonita) que se ceba nun ás tres e pico da tarde.


Café Rooster. Ourense. Luns, 8 de setembro de 2025

lunes, 8 de septiembre de 2025

A SOMBRA DO TOUPEIRO


Tiven un presentimento cando vin asomar unha sombra por detrás dunha casa. Era unha sombra longa e escangallada. Non era a sombra que me asombra de Rosalía de Castro. Seguro que era a sombra de Lorenzo Xestas, O Toupeiro. Atinei ó momento. Porque detrás da sombra apareceu o devandito.

Lorenzo Xestas, O Toupeiro, era tal como a súa sombra: alto, descarnado, mal feito. Pero era un bo home. Non se metía con ninguén e axudaba en todo o que podía. Ás veces era un pobre inocente que mesmo abusaban del. Sen mala intención, pero algúns veciños ben que o utilizaban, ben que se aproveitaban.


Nacera a destempo nun simple xergón de millo que os seus pais tiñan tirado na única habitación existente da súa casa. Se é que se lle podía chamar casa a aquela chabola que había ó final da canella. O sitio, o único que tiña de bonito, era unha roda de carro, xa vella, apoiada sobre a parede na que remataba a canella.

O Toupeiro era fillo de Isolina Laverca e Eduardo Xestas, Os Cubanos. O alias xa o aclara todo: emigraran para Cuba buscando a terra prometida, o maná prometido e volveron aínda máis pobres do que foran, completamente derrotados e con catro farrapos sobre os seus lombos. Nin tan sequera unha maleta traían consigo.

Foi outro veciño, O Severino, o que lles emprestou esa casoupa na que vivían como vivían. Regaláronlles dous pares de pitas e pódese dicir que vivían a base de ovos.

A sombra do Toupeiro fíxose aínda máis longa cando pasou polo meu lado. Mirámonos e nada máis.


Café Alumbre. A Valenzá. Domingo, 7 de setembro de 2025


Foto: Baños de Molgas (Ourense)

sábado, 6 de septiembre de 2025

O DÍA 8 É O DÍA 8


Día 8. Hai doce días 8 en todo o ano. Para Baños de Molgas e para toda a súa contorna tan só conta o día 8 de setembro. Este día, para os medios de comunicación e para a xente de fóra, poida que sexa coñecido como o día grande das novenas de Os Milagres, como o día da Virxe de Os Milagres, como o día solemne de Os Milagres, como o día da Natividade de Virxe María e como o día que vós lle queirades chamar. Porén, para Baños de Molgas e a súa bisbarra é simplemente O Día 8. Cando dicimos o día 8 estamos a dicir todo iso que dixen. Imos á misa o día 8. Vai chover o día 8. Vémonos o día 8. Iremos andando o día 8... E xa todos sabemos que é o día 8 de setembro, o día máis importante do ano no santuario de Os Milagres.

O Día 8 xa non é como era. Dicir Día 8 antigamente era dicir, máis que a propia misa, a romaría; máis que a romaría, a comida. A comida do día 8 desenvolvíase sempre pola redonda do santuario, xeralmente entre os piñeiros e con ducias de burros atados a aqueles. A comida do día 8 empezaba xa un ou dous días antes. Como era unha comida especial había que acender o forno comunal para facer as empanadas e o roscón. O roscón quizais fose ó mellor a única vez que se comía en todo o ano, xa que os ovos vendíanse, o azucre estaba prohibitivo e non estaban os tempos para festas cada dous por tres, nin tan sequera para de cando en cando.


Co manxar xa preparado, cargabamos este nas alforxas do burro e, ale, camiño a Os Milagres por unha estrada chea de terra que, cada vez que pasaba un coche dos poucos que había naqueles anos 60, a poeira era tan grande que chegabamos ó santuario coma se andásemos na seitura. Colliamos posesión do sitio, do recuncho e, ou ben quedaba un da familia de garda (o que o libraba de ir á misa e á procesión), ou, maioritariamente, se lle dicía a algún veciño deses que se sabía de antemán que, para eles, a misa nin arre nin xo.

Rematados os actos relixiosos, comezaba o celme do día 8, o xantar ó aire libre en compaña de familiares, de achegados e mesmo de veciños. Os adultos, ó rematar, daban unhas cabezadas sobre as mantas tendidas no chan e, os nenos, marchabamos ás poucas atraccións que había para, iso si, estar a velas vir, pois non había con que pagar tales pasatempos. Como moito, nas barcas, se fallaba algún ou se había moito peso nun lado, entón chamaban a algún dos que estabamos a velas vir para facer contrapeso. Eran outros tempos. Aínda así, O Día 8 segue a ser O Día 8.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 6 de setembro de 2025

SILENCIO E RUÍDO


O silencio é bonito cando hai silencio. Ou cando se demanda silencio. O ruído é agradable cando a soidade cansa. Ruído e silencio. Soidade e barullo. Os dous xuntos, xunguidos, unidos. En cada instante, en cada momento deixarei que os dous se mesturen nos soños, nos desexos. Na realidade, xa digo, asociados, axugados.

O silencio é bonito cando o pensamento o necesita. Cando o entendemento está de canga baixa, de capa caída, a barafunda cabalga sobre a almofada mental dos anhelos. As noites son propensas ó silencio. Os días, ó ruído. Entre luscofusco andan os dous á xaneira, en celo para, ó amencer, parir palabras de orballo sobre o intelecto apaixonado.


O silencio é bonito cando os versos saen cachazudos e acompasados. Cando se recitan, o ruído anega o poema con esa conciencia escura, tirando a negra. Os versos forman a estrofa que alenta a esperanza. O poema énchese de realidades que poden ser certas ou non, que poden quedar estancadas ou non, que poden ser fermosas e eternas ou non.

Silencio e ruído. Barullo e soidade. Xuntos. Vivindo e facendo vivir. Xunguidos como almas xemelgas que se abrazan nos sonos do tempo, nos espertares da existencia. Agora todo flúe en silencio e todo racha, esgaza co algareo da incerteza, da inseguridade. Señardade e rebuldaina. Rebumbio e saudade. As palabra de orballo enchen o poema en silencio que, ó lelo, produce ruído. Ás veces... moito ruído.


Café Brétema. A Valenzá. Venres, 5 de setembro de 2025


Foto: A Cidade Encantada (Cuenca)

viernes, 5 de septiembre de 2025

POR ALZAR A VOZ


Estou metido entre os cascallos da casa do Dositeo. Un bomba medio a rebentou. A min colleume camiño da fonte da Lameira e non me matou de milagre. Non creo nestes; simplemente pasaba por alí, nin antes nin despois; foi naquel momento e xa está. Porén, con milagres ou sen milagres, cagadiño de medo estou. Non sinto nada. Nin os meus propios latexos acelerados. Sei que son acelerados porque non poden ser doutra maneira.

Levabamos uns días xa de, chamémoslle, guerra. A vila de Baños de Molgas erguera a voz contra certos acordos administrativos e territoriais. Axiña acordaron de que o tiñamos que pagar. Un avión do territorio inimigo non tardou en facer das súas. Esta non era a primeira bomba que caía. Se non contei mal, xa levabamos sete. Por sorte, sen vítimas. Porque os molgueses non somos parvos e tan axiña como escoitamos o zunido do primeiro avión, todos os veciños marchamos correndo para o cemiterio e cada un meteuse no seu propio nicho. Por previsión xa estaban todos abertos. E, de morrer, pois aforrar polo menos o enterro.


A sétima bomba pilloume indo á fonte da Lameira. Alguén tiña que abastecer con auga ós “enterrados”. Librei da morte e tan só unha poeira tremenda era quen de afogarme os pulmóns. Conseguín, pouco a pouco, adaptar estes ó meu respirar... algo afogado, pero, si, respiraba.

Pasado o perigo, fun á fonte e cando volvín co caldeiro da auga, os veciños aclamáronme e intentaron disimular con sorrisos o meu pantalón mollado e cagado. O medo é libre. E ante unha bomba, este, tamén rebentou. Pero sigo vivo.


Café Brétema. A Valenzá. Xoves, 4 de setembro de 2025


Foto: Fonte da Lameira (Baños de Molgas - Ourense)

jueves, 4 de septiembre de 2025

EN CADA ACTO, UN CREDO ESTRAGADO


Quixen multiplicar os pans e os peixes e nen tan sequera souben multiplicar as patacas. Non son Xesucristo. Patacas houbo menos que nunca. Oracións, ningunha. Traballo, moito. Que todo sexa pola realidade dunha miseria. Agora cada quen que espalle ou semente os seus pensamentos como queira.

Quixen permanecer no deserto durante corenta días e corenta noites, e case morro de sede ás primeiras de cambio. Certo que, mentres, as miñas tentacións foron moitas e inmensas. Mellor non contalas para non tentar ó demo. Tamén tentei predicarlle a algún lagarto. Lagarto!, lagarto!; non sei quen me berrou. Sería algunha alucinación con cara de beduíno. Agora cada quen que busque oasis nos océanos de area.


Quixen andar sobre as augas da presa do Muíño e púxenme coma un divino cristo. A min isto das accións milagreiras de Xesucristo non me coinciden moi ben na realidade da vida. Din que os milagres hai que merecelos. Levo toda a vida buscándoos e só atopo palabras de orballo que me din que en cada acto hai un credo esmagado, estragado, degradado. Agora cada quen que intente cruzar o río Arnoia a nado.

Quixen tirar a primeira pedra porque estaba libre de pecado. Imposible! En ningún confesionario collerían todas as miñas faltas, infraccións, culpas, transgresións... Dediqueime, entón, a xuntar pedras e penedos para formar unha presa, unha vaira para que, nesta, arremuiñasen os peixes. Agora cada quen que pesque os meus pecados ou que se libere dos seus.


Café Alumbre. A Valenzá. Mércores, 3 de setembro de 2025

Finca Fierro. Barbadás. Xoves, 4 de setembro de 2025


Foto: Presa do Muíño (Baños de Molgas - Ourense)

miércoles, 3 de septiembre de 2025

O MANIFESTO MADELMAN


Hai uns días, cando entraba coa muller no portal do edificio no que vivimos, tamén o facía ó mesmo tempo un home que non tardou en darnos un pequeno paquete. A miña cabeza fóiseme a un dos fillos que pide bastante a miúdo cousas por Amazon. Deseguido, a muller xa mo estaba ensinando e axiña vin que viña ó meu nome. Foi instantánea a miña exclamación: “O libro de Eloy Gayán!”. Tan instantánea que nin tan sequera mirara o remite. Máis non errara na miña intuición. Á esquerda constaba o seu remite.

Por medio das redes sociais sabía que presentara o seu novo libro na Coruña e como xa anteriormente me agasallara cos dous últimos (“Unha ponte a Peulla” e “A extremo!”), a dedución, a exclamación era lóxica. Ó entrar no piso, incluso antes de cambiar de calzado, abrín o paquete e alí estaba: “O Manifesto Madelman”. Por certo, os tres con dedicatoria incluída.


Acabo de lelo e, aínda que semelle que farei moito conto, moita loa polo agasallo, teño que confesar que se me tome de veras. Con total imparcialidade, direi que “O Manifesto Madelman” é unha bonita forma de contar o inicio da democracia española baixo o prisma dun neno de 12 anos. Eloy Gayán fai así a política amena e entendible, cun final moi emotivo.

A novela percorre todo o ano 1976 e medio do 1977, xusto para contar as primeiras eleccións xerais democráticas logo da morte do ditador Francisco Franco, que se levaron a cabo o 15 de xuño. E aínda que todo o enfoque do libro está na política e no catolicismo daquela época, de cando en vez, asomaron asuntos que me devolveron á infancia. Fermoso libro.


Finca Fierro. Barbadás. Mércores, 3 de setembro de 2025