jueves, 20 de marzo de 2025

A CULPA MORREU SOLTEIRA


Nas típicas conversas de bar, non sei quen se estrañou de que eu non coñecese a expresión “a culpa morreu solteira”. A verdade é que era a primeira vez que a oía, e se algunha vez ma dixeron, non me quedei coa copla.

Segundo creo que son bo con respecto a reter as matrículas dos coches ou os nomes de xente cinematográfica e do mundo deportivo, en xeral, e futbolístico, en particular, confeso que son moi malo para as expresións, adaxios, ditos, proverbios, refráns, etcétera. E iso que durante un tempo subía todos os días a unha rede social refráns, pero que eu sacaba dun listado que imprimira hai moitos anos.


Hai xente que cospe expresións ou refráns a velocidades de vertixe e, o mellor, xusto cando corresponden, xusto nesa cuña que lle queda como anel ó dedo. Eu, confeso que, fóra dos máis sinxelos (en abril, augas mil; lembramos a santa Bárbara cando trona; a todo porco lle chega o seu san Martiño; mexan por nós e hai que dicir que trona; e xa non consigo ir máis alá), a miña ignorancia é total. Si, recoñezo que parece mentira nesta terra nosa que os refráns están á orde do día, pero, xa digo, descoñecemento total.

A culpa morreu solteira. E tanto. Ninguén quere cargar con ela. Somos os tales para recoñecer que todo é por nosa culpa. Antes culpamos ó veciño, que se nos dá ben; ou ó propio familiar; ou mesmo admitíndoo non somos quen de pedir perdón. A culpa é como a mala conciencia... mala de levar, de cargar, de aguantar. Mellor lavarnos as mans.

A culpa morreu solteira. Entendo que xa non se me esquecerá máis. Se asoma, haberá que cargar con ela. En silencio, claro. Se hai que admitila, mellor que sexa a culpa doutro.


Finca Fierro. Barbadás. Xoves, 20 de marzo de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario