Case botei os fígados intentando trasladar, traspasar unha páxina escrita dun caderno ó ordenador. Aí caín na conta do que pesan as palabras. Polo menos algunhas. Non é tan sinxelo cargar con elas; sobre a pluma, o bolígrafo, o lombo, a conciencia. Certo que tamén hai outras que flotan, que aboian ó compás dos sentimentos.
Hai palabras que, a maiores de pesar, mancan, doen, fan dano. Como as hai que te elevan ó sétimo ceo. Hai palabras indiferentes, baleiras, que non din nada. Hainas moribundas e en auxe, novas e vellas. Hai palabras que proclaman sentenzas, que critican, que aconsellan, que animan, que condenan. Hai palabras mentireiras, verdadeiras, dubidosas, vingativas, criminais, mortais.
As que estaban na páxina do caderno debían ser de armas tomar, porque, xa digo, case botei os fígados. Eu mesmo notaba que debían ter o seu aquel; atopábame a desgusto, con mal sabor de boca pasándoas ó ordenador. Si, definitivamente, eran de rapar e peitear. Entre frase e frase tiña que coller folgos e entre parágrafo e parágrafo notaba como se me estremecían, como se me arreguizaban os pensamentos. Segundo escribía, eu mesmo notaba e vía que me pasara, que me excedera con tal asunto, con tal dicir.
Iso si, no último parágrafo non sei que acontecera cando as escribira, que xa eran outras, máis suaves, máis poéticas, máis sentimentais, simplemente, máis bonitas. Mesmo acabei tecleando con máis ansia, con máis alegría e cun sorriso nos beizos. A verdade é que, con catro palabras, pódense dicir tantas cousas... para ben e para mal.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 3 de marzo de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario