domingo, 9 de marzo de 2025

... É MOITO MAZADOIRO


Demo de home, mira que facerme baixar a estas horas. A estas horas son as oito da noite e quen fala é Argimiro Repolo Suárez, O Cañoto, que se refire a seu pai, que o acaba de mandar á burga para que traia dous caldeiros de auga quente para darlle de beber ás vacas. O Cañoto quéixase porque a estas horas é cando adoita cear para poder ver a serie do Fuxitivo. Canto lle gusta esa serie!

Porén, como sabe que non hai volta de folla ante un mandado de seu pai, colle os caldeiros e marcha correndo pola rúa abaixo con dirección á burga. Nin tan sequera se para a falar cos veciños, máis alá dos típicos saúdos.


Uns metros antes de chegar, e tan axiña como ve o ambiente ante a caseta da burga, ante o mazadoiro, empeza a torcer o xesto. Dálle na espiña que se pode torcer a noite. Alí están varios dos seus amigos e, aínda que só estea un veciño dos chamados “mal reconciliados”, o mazadoiro da burga é moito mazadoiro. É algo así como a almofada, como o baúl dos recordos e dos segredos de toda a vila de Baños de Molgas. Non lle queda outra que asentar un pouco alí.

O de un pouco foi un dicir. Cando chegou á casa cos caldeiros da auga, o Fuxitivo xa ía no carallo e seu pai botaba pestes con tal intensidade que, O Cañoto, por unha vez, pensou que lle zouparía. Non o fixo, pero as pestes seguiron saíndo mentres, os dous, lles daban de beber ás vacas, logo de botar nos caldeiros un pouco de fariña milla.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 7 de marzo de 2025


Foto: Caseta e mazadoiro da burga (Baños de Molgas - Ourense)

No hay comentarios:

Publicar un comentario