Móvense as follas das árbores. E as plumas dunha pomba. E o vento que asubía. Entre unhas cousas e outras armamos un mundo na cabeza, ou facemos dunha palla un palleiro. Que se si, que se non, que se verdade, que se mentira, que se ruído, que se silencio... e todo por facer. Mesturamos ideas, soltamos esperpentos, deixamos escapar pestes, tirámonos ó baleiro, argallamos unha historia... posible ou non, incerta ou non, real ou non. Formamos un mundo na cabeza. Case sería mellor formar ou amoblar ben a cabeza e despois Deus dirá.
Ameaza chuvia. Nubes negras. Ceo negro. Alma negra. Conciencia negra, errática, pobre, triste, algo noxenta. Que se lle vai facer. Ás veces a vida é un bambán, un acaneadoiro que marea. É igual; a min chégame con que sexa unha carreira cun só atleta. E sen obstáculos. Por veces custa arrodealos, saltalos, mesmo quitalos.
Ollada perdida. Señardade na tarde. Berro silencioso que sae das entrañas. Futura noite de morcegos, de vampiros. Actualidade e realidade tristeira. Tema musical que rebenta as asaduras da conciencia. Agora, cada quen que intente poñerlle o rabo ás cereixas ou que cruce a nado o río Arnoia ó seu paso por Baños de Molgas. Agora, cada quen que asubíe un tema de Morricone ou que cante unha canción de Arjona.
Instantes que pasan. Silencio no momento. Por pouco tempo; ruído repentino, instantáneo, súbito. Susto no corpo. Silencio roto. Berro seco. Quizais todo sexa verdade e o mundo que armamos na cabeza sexa unha trapallada. Quizais.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 7 de marzo de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario