Ó ler certos libros, ás veces, un atópase con sorpresas que che fan lembrar épocas da vida. Foi o que me pasou cando lin o libro “No tocarás”, da galega Nuria Pérez, que na páxina 126 un personaxe “quedábase ata as tantas escoitando a Pumares ou a Gomaespuma e sempre tiña unha casete preparada”. Foi exactamente o que me pasou a min nos anos 80 do século pasado.
Se hoxe sei algo de cine e coñezo algo de música foi grazas a Carlos Pumares co seu programa radiofónico “Polvo de estrellas”. Tamén é verdade que por culpa del, de Pumares e do programa, é polo que me custa tanto quedarme durmido. O seu programa remataba ás tres da madrugada e un servidor tiña que erguer ás sete ou sete e pico para ir traballar. Entre isto e a pequena sesta que tiña que botar á forza, pois case é normal que escarallase a rutina e normalidade do sono.
O cine sempre me gustou moito, incluso antes de escoitar ese programa (vin moito cine no colexio dos Milagres e en Madrid, na época dese programa, saíame unha media de 20 películas ó mes), pero foi Pumares o que me fixo amalo e coñecelo algo máis. Ese home era unha auténtica enciclopedia cinematográfica. Era raro que lle quedase unha pregunta —da xente que chamaba por teléfono— sen contestar. E naqueles anos aínda non existía a Internet.
Con respecto á música podo dicir que, fóra de Camilo Sesto, Víctor Manuel, Juan Pardo e o típico éxito de ventas existente en certas datas, eu nin coñecía nin sabía nada de nada. Foi Pumares o que me descubriu todo un mundo marabilloso coa música que puña, desde bandas sonoras ata jazz, desde programas especiais sobre algún cantante ou grupo ata o blues. De todo iso foi polo que eu tamén botei man das casetes e, agora mesmo, haberá unhas centenas delas collendo po no faiado.
Dos seus especiais lembro dous en concreto marabillosos; un sobre Barbra Streisand, que me descubriu que, coa súa voz, soubo acompañar o ruídos de certos instrumentos domésticos; e o outro sobre aqueles actores famosos que nunca imaxinamos que cantarían —e si o fixeron—, desde John Wayne ata James Stewart, desde Lee Marvin ata Gregory Peck, e uns cantos máis que, pasados corenta anos, é normal que non recorde xa.
Impresionoume tanto aquel programa que intentei imitalo en Radio Maceda —sen as chamadas telefónicas—; só falando de xente de cine e poñendo música.
Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 15 de marzo de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario