viernes, 23 de mayo de 2025

AUGA DE CARABAÑA


O outro día atopeime cunha das mostras máis importantes para saber o auténtico significado dunha guerra, máis en concreto, a nosa, a Guerra Civil e coa súa correspondente posguerra. O atraso que supón, a miseria que leva consigo. Foi lendo o libro “O río do Esquecemento”, de Alba Paz Framil, e no que se contan as memorias dunha nena, da autora, neses anos, ou sexa, finais da década de 1930 e principios da seguinte.

Todo o que acontecía aí, pasoume practicamente o mesmo na década de 1960 e, pódese dicir, principios de 1970, É dicir, con 30 anos de diferenza, nada ou case nada mellorou. A miseria era a mesma e o medo era o mesmo, ou peor. E digo medo político, medo ó réxime. Acabei lendo ese libro como un retrato meu, da miña infancia.

Porén, deixando atrás tanta miseria e tanto medo, atopeime, na páxina 224, cun nome que me fixo sorrir. O nome dunha auga. Auga de Carabaña. Que, segundo a autora, é auga salgada con moi mal sabor. Cientificamente, seica é auga sulfatada sódica, lixeiramente clorurada, de sabor amargo e cheiro a ovo podrecido debido á presenza de xofre. Ou sexa, como a auga da burga de Baños de Molgas. A autora di que lla daban ós nenos para purgalos.


Nos anos 80, e non era xa neno, vivía nunha pensión en Madrid e tiña un acne descomunal. A patroa da pensión, unha señoriña xa moi maior, díxome que tomase auga de Carabaña, que viña nunhas botellas pequenas. Fíxenlle caso e tomei creo que moitas. O seu sabor era o descrito, pero a todo se acostuma un. Tamén me acostumei á auga da burga molguesa. Iso si, a de Carabaña non me solucionou o do acne. Pero foi ver o nome no libro, sorrir e recordar.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Sábado, 17 de maio de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario