Un ritmo musical compasado. Un latexo que chouta para que se escoite na distancia. Un berro que racha o luscofusco primaveral. Todas as figuras xeométricas forman un algo que non sei concretar. Todos os soños se abanean sobre as almofadas da memoria. Ou da nostalxia.
Un silencio dentro do barullo. Un espello no que se ve todo un mundo. Un nobelo que envolve pensamentos, entendementos e intelectos. Un peito que sobe e baixa ó ritmo do desexo. Todas as operacións matemáticas dan un resultado que, ás veces, é o apropiado e, outras, quero que sexa falso. Todas as fantasías caen sobre un papel branco. Ou a medio escribir.
Unha distancia que é moita distancia. Un tempo que pasa... amodiño, demasiado amodiño. Un ir e vir de sensacións que están aí, esperando, cheas de esperanza. Un ouleo que se espalla polo universo. Todos os versos dan un poema que se sente, ou non; que riman, ou non. Porén, todos os poemas forman unha conxugación de sentimentos.
Unha película de situacións. Unhas imaxes cheas de ambición. Unha aventura na que todo pode acontecer. Todas as fotos que se amosan son coma o rexurdimento da memoria perdida. Ou durmida. Ou escondida. Agora, ó contemplalas, os recordos empreñan cos instantes que foron. Ou que volven ser.
Unha tardiña que acaba. Un sol que se bota a durmir. Un silencio que se apropia do barullo. Un momento no que a música segue compasada, no que os latexos se adaptan, se axustan á distancia e no que o berro ou o ouleo se difunde, se estende por todo o firmamento.
Finca Fierro. Barbadás. Domingo, 11 de maio de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario