lunes, 26 de mayo de 2025

POLAS CALDEIRAS DO TEMPO


Fun correndo a un sitio. Acelerei para ir a outro. Mirei alí. Busquei alá. Parei e sentei entre os dous. Esperei. E notei o silencio preñado de melancolía. A melancolía pariu momentos nos que a felicidade ía e viña por todas as cores do arco da vella. E sentín a calma que chega tras a treboada. A treboada, desgraza; mentres que a calma... a calma, sosega, serena, acouga. E reparei nese instante que acaece inmediatamente despois do berro. O berro rebentara logo de que a quietude, a placidez deixou de ser asimétrica.

Na algarabía bailei unha mazurca para espantar os medos e, ó mesmo tempo, espallar os pensamentos. Esparexinos, cisqueinos, estreinos por cada recanto do meu lameiro; ese no que a herba crece e os desexos se regan. Lameiro de herba verde. Lameiro de herba seca. Vida que vai e ben polas caldeiras do tempo... as que regan o lameiro, o meu lameiro.


Tras o medo, asomou a valentía, a bravura, a afouteza, a velocidade das ansias, a explosión da luz e os impulsos afectivos. Todo ten o seu principio. Todo ten a súa fin. E en cada flor do toxo houbo un instante supremo, sublime, culminante, extraordinario. En cada cor do arco da vella houbo unha feliz espera. Tamén un ouleo longo, profundo baixo a lúa vella.

Logo de correr, de ir e vir, de esperar, de berrar, de bailar, de segar, de espallar, de regar, do medo, da explosión, dos impulsos... todo quedou en silencio. E no silencio residiu, habitou, morou o baleiro.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 19 de maio de 2025

Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 21 de maio de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario