Podo escribir os versos máis tristes esta noite. Pero iso xa o fixo, e moi ben, Pablo Neruda. Para que escribir tristuras? O outro día escribín que estaba esperando a apocalipse no alto da torre da igrexa de Baños de Molgas e xa me dixeron que me puxera en plan tráxico. É certo que a tristeza é un estado de ánimo que non lle desexamos a ninguén.
Ás veces tamén é verdade que confundimos melancolía con tristeza. E por moito que Víctor Hugo dixera que a melancolía é o pracer de estar triste, penso que hai algo ou bastante de diferenza. Aínda que o dicionario da RAG xungue ó carro da sabedoría dúas definicións bastante semellantes. Melancolía: estado de ánimo caracterizado por unha tristeza fonda e permanente. Tristeza: estado de ánimo que se caracteriza polas ganas de chorar ou mesmo pola falta de interese pola vida, normalmente pasaxeiro e orixinado por un suceso desgraciado.
Melancolía e tristeza; moi semellante, pero eu prefiro a melancolía antes que a tristeza. Dáme que a melancolía é máis pasaxeira, máis do momento, mentres que a tristeza paréceme máis... máis triste, máis de pena, de abatemento, de pesar.
Claro que a mellor solución sempre está en deixar de lado as penas e pesares e, como se adoita dicir, a vivir a vida que son dous días. En vez de reproducir, de copiar e, por suposto, de escarallar os fermosos versos de Neruda e tamén para que ninguén diga que estou en plan tráxico, toca alegrar ó persoal cun remate algo máis alegre, máis feliz: que a melancolía e a tristeza se poñan á sombra dunha toxeira para que lles cause envexa a súa flor amarela. E xa está.
Finca Fierro. Barbadás. Xoves, 8 de maio de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario