Sento despois de botarlle peito ó asunto. Desde as dúas e media do mediodía, que foi cando marchei. Baixo un sol de... de xustiza poida que non, pero case case. Ou de xustiza si, no momento de meterme no coche. Un coche ó sol é abondo criminal. Como para suar. Non son dos que súo moito.
Cheguei á aldea sobre unha media hora máis tarde... co mesmo sol, máis ou menos. Quiteime de roupa nova ou roupa posta para vestir a vella, a usada unha e máis veces, a que está para fochicar na finca. Nun amén collín o sachiño e púxenme co asunto. Como o sol seguía de case xustiza, saqueime de camisa para botarlle peito ó asunto.
Empecei a cavar ou sachar as patacas. A parte de arriba da finca xa as tiña bastante grandes, o que me fixo exclamar de que tivera que resolver ese asunto xa o sábado pasado. Como xa non había volta atrás, seguín. Empecei a cavar ou sachar coa intención de facer só esa parte. Porque a parte de abaixo aínda eran algo pequenas (sementáraas por quendas e pasara tempo dunhas a outras a causa da climatoloxía, das chuvias). Temendo que dentro de dous días non puidese e que medrasen nun alustro como as de arriba, foi polo que decidín seguir botándolle peito ó asunto.
E fun, e deille, e sen descansar seguinlle dando. Xa se me metera na cabeza que tiña que rematar para poder quedar un pouco na Valenzá e non ir dereito para a casa, é dicir, quedar de can.
Cando rematei había que sulfatalas. A intención era só tamén as de arriba. Acabei sulfatándoas todas. Así mataba dous paxaros dun tiro. E todo o asunto resolvérao en menos de dúas horas. Baixo un sol de case xustiza. Un heroe labrego! E escravo. Pero heroe.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 22 de maio de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario