Case é noite, pero aínda estamos no luscofusco. Fóra chove. A banda sonora de “O quinto elemento” asoma polos auriculares. Todo o demais é silencio. Hai aros metálicos das cubas dos viños que rodan polas rúas da aldea e hai avións que voan por entre as nubes negras. A Perla Negra navega polos mares e océanos de toda a Terra. Hai naves espaciais que van máis alá das estrelas.
Case é noite, pero aínda estamos na tardiña. A luz do día esfúmase ó ralentí, a cámara lenta por entre os outeiros da Portela, alá polo monte Medo de Baños de Molgas. Unha pinga de orballo cae pola memoria daquel tempo que foi e que xa non volve, naquel momento no que a algarabía sempre vencía ó silencio. Sempre. Agora, na Portela, practicamente nin hai silencio. Non hai nada; nin tan sequera a fonte de auga que manaba por entre o sábrego da nostalxia.
Case é noite, pero aínda lle queda por facerse pecha. Cando a noite é pecha xa se di que todos os gatos son pardos. Agora mesmo aínda teñen as cores habituais de andar á xaneira. Porque aínda non é noite pecha, aínda estamos na atardecida, no tempo ese no que a luz desaparece case por completo e as cousas se perciben como sombras.
Case é noite, pero aínda queda para a noitiña. Porque, ó chover, o ceo está máis que nubrado. E, así, semella que se fai máis pronto noite. Faise máis pronto noite. É igual; como non teño gatos, xa poden empreñar as alucinacións para que, na noite pecha, os soños poidan parir realidades que se cumprirán, ou non; fantasías que se realizarán, ou non; aventuras que se desenvolverán, ou non; e viaxes que se efectuarán, ou non. Case é noite.
Finca Fierro. Barbadás. Venres, 9 de maio de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario