jueves, 9 de mayo de 2019

O AVOGADO DAS SILVEIRAS

Xacobe Hebraico Segundo era avogado. Pero tiña fama de avogado da lareira ou avogado de cagar entre o millo. Porque dicía que defendía ós pobre, e non sabía distinguir entre pobres e ricos. Xacobe Hebraico era fillo dunha humilde familia de labregos que tan axiña como chegou á universidade esqueceuse de onde procedía. Non fora o demo que... Así é que se deu unha certa importancia entre os círculos do seu barrio, que non eran outros que catro poetas, seis pedichóns e unha ducia de señoritos. El pensaba que eran señoritos. Pero a verdade era que simplemente se tiraban o día sentados ó sol e estaban a velas vir. Estes señoritos coñecían a Xacobe polo alcume de O Avogado das Silveiras. E creo que foi porque unha vez, ante catro cafés e media ducia de cervexas, confesoulle ós presentes que había no gran café do barrio, non sei que do marco que había entre unha silveira. Fíxoselles un chisco de historia sobre a simboloxía dos marcos nas divisións das leiras, que non era trompo na uña, ou sexa, moco de pavo; ata tal punto de asistir á xuízos por leas ou incluso asasinatos por un puto marco. Por certo, isto non lo confesou ós oínte, pero en todos os xuízos nos que participou sobre asuntos de marcos, perdeunos todos. Non obstante, el sempre tiraba para adiante.

Finca Fierro. Mércores, 8 de maio de 2019

miércoles, 8 de mayo de 2019

BONITO MENTRES DUROU

Acabouse o que se daba. E non me refiro ó Barcelona na Liga de Campións (só que fose polo cuarto gol, xa merecía caer eliminado), senón que vou falar do pobre Huesca. Creo que se fixo querer en toda España. Eu, por partida dobre: por ser un equipo tan modesto e por David Ferreiro, por suposto. Rematou a aventura na primeira división daquel e deste. A alegría na casa do pobre sempre durou pouco, moi pouco. Pero tamén como se adoita dicir: foi bonito mentres durou. Moi bonito. E para un servidor, marabillosamente fermoso. Ver a un molgués traendo tolos ás mellores defensas de España (e se non que llo pregunten á do Real Madrid) é algo que, á forza, enche de orgullo.
Agora o seu descenso recoñezo que me dá pena. Non polo club (porque máis ou menos xa se intuía), senón polo meu veciño. Creo e estou seguro que ten a suficiente categoría para seguir en primeira división. Máis ou menos seguín as críticas, as estrelas, os corazóns e comentarios que se fixeron ó longo de toda a temporada e a maioría estiveron de acordo en que David Ferreiro era sempre un dos destacados do Huesca. E naqueles partidos que entraba de suplente, revolucionaba sempre o encontro. Sei que renovou polo Huesca, pero, a ver se... Oxalá!

Finca Fierro. Martes, 7 de maio de 2019

lunes, 6 de mayo de 2019

TEÑO A CONCIENCIA TRANQUILA

Teño a conciencia que se me quere lanzar contra un penedo. Non a deixo, claro; que se me esnafra. E eu mesmo recoñezo que a teño limpa, clara e dando esplendor. Teño a conciencia moi tranquila. Viaxa polas agullas do tempo e todos os segundos son inmaculados, impolutos. Baila sobre os nichos dos espíritos malignos e ó momento achéganse polas noites todos os gatos que son pardos. Deita na almofada do meu soño e vexo como se esconde no intelecto dun merlo ou no son dun asubío.
Logo de frear o desexo da conciencia, sentamos os dous ante o penedo e falamos dos pros e contras daquelas bondades que se volveron perversas e daquelas maldades que xiraron cara á benevolencia. Admito que estamos os dous un chisco filosóficos. Quizais influídos pola miña actitude ante o seu anhelo ou por notar que ela, a conciencia, estivo nun tris de malgastar a existencia. Hai conciencias que teñen conciencia, e a miña quixo rematar no recanto dun penedo calquera. Non a deixei, claro. E sentinme coma heroe que vixío por min mesmo. A ver!, se non miro eu por min... quen o vai facer? O meu raciocinio é capital para que a miña conciencia brille limpa, clara e dando tal resplandor que o Plus Ultra dos tempos lide co infinito e máis alá. Teño a conciencia tranquila. E limpa.

Finca Fierro. Luns, 6 de maio de 2019

domingo, 5 de mayo de 2019

FORON COMA UN CONSOLO

Aínda que as ganas non eran moitas (porque practicamente botara todo o día picando na leña), achegueime de todas as maneiras á Casa da Cultura da Valenzá para ver a obra da produtora teatral De Ste Xeito “Loló e Mamá”, interpretada pola carballiñesa Josi Lage e a madrileña Stephy Llaryora. E elas as dúas, ó instante, foron coma un bálsamo, coma unha pomada, coma un relax, coma un consolo para o meu cansazo, para a miña dor de costas e brazos. Porque a nai (Josi Lage) e a filla (Stephy Llaryora), a filla (Loló) e a nai (Margot), en momentos emocionáronme, en momentos fixéronme rir e en momentos fixéronme pensar moito máis alá dos meus propios pensamentos e sentimentos.
Obra de relacións, de reproches, de xogos, de recordos, de xenreiras; pero tamén de amor, de moito amor. A ver, quen non lle quere a unha nai! Que nai non lle quere a unha filla! Se todo amor de nai vai nun simple ovo fritido. Se todo amor de filla está na simple presenza da nai. Unha nai que quere cambiar o mundo e unha nena que quere ir a Madagascar. Dous seres do mesmo sangue que sofren e se aman. Claro que, xa se sabe, o amor é unha arma de dous fíos, pois canto máis se ama, máis se sofre. Ó final, o cansazo deixoulle sitio ós sentimentos por dúas actrices que só coa súa presenza encheron a miña vida. Graciñas.

Finca Fierro. Domingo, 5 de maio de 2019

POR UN BICO DO PEITO

 

(NOTA ACLARATORIA: A foto que adxunto non corresponde coa que me censuraron, xa que se a puxera, ó compartir o relato no feisbuq, volverían a censurarme. Se queredes ver a foto, vale con que poñades nas Imaxes do Guguel "Gil Evans Orchestra Plays Jimi Hendrix" e axiña a veredes)


 
Xa era hora de que alguén vixiase pola moral do paisano de a pé. O feisbuq castigoume hoxe, e creo que durante 24 horas, porque “esta publicación infrinxe as nosas Normas comunitarias”. A miña ousadía foi o querer compartir o álbum de jazz de Gil Evans Orchestra Plays Jimi Hendrix. Resulta que ó darlle, no youtube, a compartir, asomou a portada na que se amosan, entre outros personaxes (entre eles, Jimi Hendrix) os peitos de dúas mulleres. A unha apréciaselle ben o bico do peito esquerdo e á outra intúese o dereito. Imaxino que me castigarían por iso. Pola pornografía. Pola pornografía nun álbum de música, que é unha arte, e para máis aquel de jazz. Pola pornografía dunha fotografía, que é outra arte. E pola pornografía nunha pintura (a portada non sei se está pintada ou fotografada), que é aínda máis arte.
O marabilloso feisbuq vixiando a nosa moralidade. Non vaia ser o demo... Non vaia ser o demo que un bico do peito, unha mamila tan só nos empalme ós saídos que pululamos polas redes sociais. É mellor ver a nenos africanos mortos de fame ou a touros ensanguentados e exhalando o derradeiro suspiro nas prazas de España, ou deixando colgar vídeos de malleiras a persoas ou de acosos ós nenos ou de maltrato ós vellos. Por esa pornografía cumprirei a sentenza.

Finca Fierro. Venres, 3 de maio de 2019

ESTRELA QUE BRILLA, ESTRELA APAGADA

Rematada xa toda a chafallada política das eleccións (os pactos para formar goberno seguro que esperarán a que finalicen as municipais) e mentres uns lamben as feridas e os outros bailan sobre as tumbas daqueles, un servidor desconecta duns e doutros para falar de fútbol e do que cadre. Sen se queixar, por favor, que xa levaba moito tempo sen falar sobre o deporte das masas. É que rematadas as eleccións, asomou polas pantallas televisivas a Liga de Campións. A Liga de Campións que, en semifinais, xa son palabras maiores. A pesar de que haxa un equipo que xogue practicamente con menores, con nenos, que semellan máis unha gardaría que un gran equipo europeo. Pero non queda outra que asimilar que o Ajax, hoxe en día, é un xardín de infancia. Hai que ter perendengues que en plena semifinal do mellor trofeo das ligas europeas asome polos campos de fútbol un capitán de equipo con tan só 19 anos. Ata case me dan ganas de dicir que oxalá ergan o trofeo aínda que sexa en detrimento do Barcelona. Digo eu que será o Barcelona porque, grazas a un deus terreal, o máis seguro é que consiga chegar á final. E se non consegue pasar cun 3-0 a favor, será porque entón non merecerá tal mérito. Pero si sería bonito contemplar un partido, o partido da final, entre uns meniños e un deus. Por certo, non será necesario dicir o nome dese deus, ou desa estrela que brilla máis alá do propio firmamento.
E cambiando de terzo, comentarei que, aínda que el o levaba ben, ten que ser algo triste ser todo un personaxe e que ninguén te coñeza. Á estrela futbolística coñéceo todo o mundo, a esta cinematográfica case non o coñecía ninguén. Estou a falar de Peter Mayhew. De quen? De Chewbacca, o querido e entrañable peludo acompañante de Han Solo nesa serie galáctica. Peter Mayhew morreu o pasado martes na súa casa de Texas ós 74 anos de idade. Aínda que el era británico, nado en Barnes, Londres. Medía sobre 2.20 e empezara no mundo do cine como o Minotauro de “Simbad e o ollo do tigre” (1977). Ó rematar volveu ó seu traballo nun hospital, pero un dos produtores deste filme quedouse cos seus datos, que axiña pasaron a pertencer a todo unha icona galáctica: a Chewbacca.

Finca Fierro. Sábado, 4 de maio de 2019

jueves, 2 de mayo de 2019

NON SOMOS PERSOAS CIVILIZADAS

O ser humano é torto. É torto por natureza. E porco. E nugallán. E desinteresado. Levo uns días fixándome no aparcadoiro do Mercadona de A Valenzá e a xente deixa os carriños que usou para apañar a compra como lles dá a gana. Si, porque agora temos a vantaxe de que non lles puxeron as famosas cadeas de enganche e que tiñamos que desenganchalos metendo unha moeda, ou ben de 0,50 euros ou ben de 1 euro. Digo que temos a vantaxe porque, ás veces, non tiñas ningunha desas moedas e había que perder tempo cambiando billetes nas caixas. Non obstante, creo que esa vantaxe vai ser por pouco tempo; a non ser que nos portemos como persoas civilizadas. Como non nos portaremos como persoas civilizadas (porque non somos persoas civilizadas), os do Mercadona terán que retroceder de novo no tempo para engancharnos os carros. Pois se non o fan, os tortos, porcos, nugalláns e desinteresados deixaremos os carros polo aparcadoiro adiante, sen importarnos para nada que ocupen prazas nas que poderían meterse os coches. Imaxino a situación: “eu xa fixen a compra... o que chegue que se busque a vida”. Porque custa horrores, logo de meter as bolsas no maleteiro do coche, de levar os carriños ós lugares dispostos para a súa situación.

Finca Fierro. Xoves, 2 de maio de 2019