miércoles, 8 de abril de 2020

HAI QUE DARLLE A VOLTA

Imos alá. Cinco menos cuarto da tarde. Vai sol. Pero hai que estar pechados. Toda unha primavera perdida. Aínda así; ninguén nos roubará o mes de abril! Radio Futura cantando “A cara ou cruz”. A cruz será o noso confinamento, pero a cara... a ese bicho, vencerémolo! Os raios de sol penetran ata o mesmo sitio de onde escribo. Algo de envexa dan, claro que dan; pero que todo sexa pola causa. Por esa causa que non imos perder. Agora é Buika quen canta “Mentirosa”. Estes días méntese moito; uns e outros. Pero hai que pechar os ollos e tapar os oídos para seguir cara á adiante. Sempre haberá catro paspáns que se saian do rego. O reloxo avanza e pasa xa das cinco menos dez. O silencio viaxa no autobús da doenza.
O ruído espera á volta dun recanto; ó que chegaremos, vaia se chegaremos. E díxolle a babosa ó sapoconcho: corre, corre, que te pillo. Ningún dos dous correu nada, pois quedaron a contemplar esta primavera que, para eles, si está, si a senten, si a gozan. Cinco e tres minutos da tarde. Dedos que percorren o teclado dun ordenador e música que alegra un tempo que quere ser triste pero tan só é silencioso. Quen dixo que a melancolía é o pracer de estar triste? Estes días poida que haxa moita melancolía, pero a tristeza é coma esa graxa que apartamos do caldo, coma ese lardo que lle quitamos á febra. Agora máis que nunca non deberiamos estar tristes. Hai que vencer esas ansiedades a base de música, lectura, actividades e mofa, moita mofa. Temos dereito a rirnos de calquera revés! Aquí estamos para darlle a volta.

Finca Fierro. Mércores, 8 de abril de 2020

lunes, 6 de abril de 2020

POR ESA TRISTURA DA CONVIVENCIA

Armando Manzanero dime que “contigo aprendín”, aínda que nunca acaba de dicirme o que. Eu si que aprendín hoxe e estes días a tristura na que nos está envolvendo o carallo do coronavirus. Hoxe mesmo, cando fun buscar a prensa (a tan só uns 300 metros da miña casa), e ó pasar por un pequeno atallo de pouco máis dun metro de ancho que hai entre a Finca Fierro e A Valenzá, cruceime cunha señora, a cal xa viña de mercar as súas cousas. A tristura asomoume á alma ó ver como a señora se paraba nun pequeno claro que un dos valados do atallo tiña sen as típicas herbas que empezan a achicar, a minguar o camiño. E aínda así arrimouse ás pequenas herbas que saín daquel. Eu tamén tiven que arrimarme todo o que puiden ó valado do lado dereito. E todo para intentar deixar o máximo de distancia entre a señora e un servidor.
Antes de cruzarnos, o meu pensamento xa fervía: saúdoa cun bo día ou paso de largo? Se a saúdo, vai ti saber, ó mellor choutan os bichos que podo levar dentro, se é que os levo. Se non a saúdo, que mala educación. Eu, precisamente, que non lle nego un saúdo a ninguén. Sempre intentei facer bromas ou burlarme un chisco do Covid-19, pero son o primeiro que recoñezo que o asunto xa é máis que serio. Por esa tristura da convivencia, do ambiente. Por eses nenos que non poden saír. Por eses sanitarios que non acougan. Por eses... Crúzaste cun amigo e tan só lle podes dicir ola coa man ou moneando a cabeza. Maldito bicho do carallo! Pero habémoste de esmagar ben esmagado. E o que ri o último ri mellor.

Finca Fierro. Luns, 6 de abril de 2020

domingo, 5 de abril de 2020

DESDE O CAMPANARIO

Odón Pasadena Rizo contemplaba o horizonte desde o campanario da igrexa de Baños de Molgas. A súa ollada estaba fixa, coma perdida e tan só de cando en vez a dirixía cara ó abismo. Porque o fillo de Fabiola, A Rañada, estaba a case 30 metros de altura. Así, de súpeto, hai que dicir que Odón tiña mal de amores. Hai moita xente que ten mal de amores. Uns lévano mellor ca outros. O fillo de Palmiro, O Rañado, estaba a levalo mal, moi mal. Non había nin media hora que tivera as súas rexoubas, ou seus truques e retruques con Gala, a súa presunta noiva. Presunta porque o asunto ía mal, quizais demasiado mal.
Por iso o fillo do Rañado estaba estudando a posibilidade de seguir ou non seguir. Mentres planificaba o seu futuro ollou cara á Chaira e pensou nos días nos que andaba por alí asubiando cara á Barricobos. O fillo da Rañada non aguantaba moito con eses pensamentos; todo, absolutamente todo se lle ía cara á filla de Quirico, O Sabugueiro, da que levaba uns dez anos detrás dela. Aínda que, a verdade é que a filla de Helena, A Gaiteira, ás veces aceptaba ese seguimento e outras eludíao. Cousas de xuventude. Odón Pasadena asomou a unha das varandas do campanario e observou a Carballeira, onde xogaba de rapaciño ó fútbol. Ó asomar, a tentación de algo, dun algo fíxolle tremer o corpo enteiro. Botouse para atrás asustado. Non o pensou dúas veces, empezou a baixar os 103 chanzos da torre da igrexa de Baños de Molgas a tal velocidade que máis dunha vez estivo a piques de esnafrarse escaleiras abaixo. Aí morreu o conto.

Finca Fierro. Domingo, 5 de abril de 2020

A SALVAR O MUNDO

Vendo que o asunto do coronavirus se pon demasiado serio, tanto que nos obriga a quince días máis de encerro, non me queda outra que tomar as miñas propias medidas, actuar por miña conta. Así é que, sen pensalo máis, despídome da familia con un “vou a polo xornal” (porque non fumo e ó mellor non volvo), ó chegar ó coche comprobo que no maleteiro vai o traxe de astronauta e collo camiño de Baños de Molgas. Se me paran os de Tráfico, direi que vou a salvar o mundo. Non me pararon e eu tampouco me detiven na propia vila molguesa. Fun directamente ata Barricobos, onde me estaba esperando o meu amigo alieníxena. Hai uns días que chegara e tiven que dicirlle que non saíra para nada da nave, aínda que non creo que el se infectara, pero... mellor previr que curar.
Entre os dous retiramos os fentos que cubrían a nave (para que ninguén a descubrise) e sen máis trapalladas largamos a fume de carozo para o seu planeta; que está a anos luz, pero a velocidade da nave do meu amigo non ten explicación; vai moito máis alá do explicable. Baste dicir que chegamos en tres chiscares de ollo. Collemos dous feixes de herbas dunha cor así coma vermella e un deles xa o trituramos alí para convertelo en po. Subimos de novo á nave para volver á Terra, a este noso planeta infectado. Cando viñamos á altura do segundo chiscar de ollo ciscamos as cinsas do feixe triturado. Despois xa o vento se encargará de distribuílo pola atmosfera terrícola. Aterramos outra vez en Barricobos e co segundo feixe fixemos o mesmo: trituralo para esparexer as herbas polo río Arnoia, que as levará ata o Miño, este ata o océano Atlántico que bicará o Mediterráneo e o Pacífico. O Pacífico xúntase co Índico e... así, como unha cadea. Polo que, entre a cinsa do primeiro feixe, que non tardará en caer sobre a cidadanía, e a auga penso que é cuestión de días para vencer a ese bicho malnacido que nos está comendo a moral. Xentiña, resistiremos; tan só é cuestión de días. Antes de que o antídoto desas herbas milagreiras extraplanetarias faga o seu efecto seguide coa mellor norma de todas, coa mellor cura: queda na casa! E que non morra a esperanza. Desta saímos. Vaia se saímos!

Finca Fierro. Sábado, 4 de abril de 2020

viernes, 3 de abril de 2020

ANALIZANDO O VIVIR

Suspiro porque recordo. Xemo porque me angustio. Asubío porque me alegro. Chouto porque non estou quieto. Bailo porque escoito música. Impo porque collo o frío. Todo pasa, todo ocorre. A nube branca avanza. A lúa vella sorrí e chíscame o ollo esquerdo. Moitas veces é complicado analizar a memoria que aniña na subconsciencia. Os que temos conciencia. Porque hai moitos que non teñen ningún raciocinio. Pecho os ollos porque durmo ou porque penso, vexo, debuxo, imaxino ou soño mellor. A vida é un asunto moi serio, tanto no plan nocturno coma no diúrno, ou sexa, durmidos ou espertos. A vida pode ser un cero á esquerda coma unha barra de pantrigo. A vida é ese suspiro que lanzamos cando o guión nos leva polo camiño recto.
Despois, sempre hai xente que di que chove onde hai sol, ou que hai sol onde non se ve un burro a tres pasos por culpa da néboa. Din que de todo hai na viña do Señor. Malnacidos tamén. E moitos. Patexo porque sigo o ritmo da música e moneo a cabeza para así soñar cun verme luceiro. Ese vagalume que me ensina o camiño para que evite a eses malnacidos que tan só saben poñer atrancos. Xemo neste momento dado, neste no que a noite asoma pola fiestra da esperanza. Asubío para afogar as penas e chouto do río para que non aprendan a nadar. Bailo para anunciar que ningún impo será quen de que freemos a esperanza dun mañá. Agora, con máis calma, analizo o vivir dun degoiro, dunha ilusión. Porque a vida é un suspiro.

Finca Fierro. Venres, 3 de abril de 2020

jueves, 2 de abril de 2020

RADIO MACEDA

Cando estaba lendo na cama, un chisco antes de xantar, chamoume por teléfono ou meu amigo Xavier Oviedo para facerme unha pequena entrevista para a emisora de Radio Maceda, que está máis operativa que nunca para facerlle a vida un pouco máis agradable a todos os veciños da contorna neste tempo tan crítico que estamos a vivir. A verdade é que me fixo ilusión, e non pola entrevista en si, que, a pobre, pilloume tan desprevido... Fíxome ilusión porque os recordos acumuláronseme tan axiña como vin e oín o nome de Radio Maceda. Foi o 24 de febreiro de 1992 cando lle mandei a esa emisora, por teléfono, a primeira crónica sobre Baños de Molgas. Fíxeno lendo, claro, pois os nervios facíanme tremer todo o corpo. Despois, pouco a pouco, o que se adoita dicir: a experiencia; a experiencia calmou eses nervios e collinlle gusto.
Tanto lle collín que lle propuxen ós da emisora facer un programa cinematográfico. Gravei o primeiro programa de Fábrica de Soños (nunha casete, creo) o 3 de abril dese mesmo 1992, que se emitiría ós seis día, o día 9. Foi a partir de aí cando empezaba a miña colaboración semanal con esa radio á que lle quero un montón. Tamén os primeiros programas eran gravados, porque aquilo de que en directo, uff, xa eran palabras maiores. Pero o que dicía antes... que a experiencia pon a cada un no seu sitio. Empecei co directo e aí caín na conta de que era verdade o que dicían sobre a radio: que engancha. Vaia se engancha! Cada vez me gustaba máis. E o directo aínda máis. Estabas en tensión por aquilo dos erros. Pero é bonito, moi bonito.

Finca Fierro. Xoves, 2 de abril de 2020

miércoles, 1 de abril de 2020

O BATMAN DESTE TEMPO ESCURO

Vou loitar contra as adversidades dun tempo que non remata, pero ó que vencerei. Vístome co traxe de Batman e voo polas noites escuras na procura dese inimigo invisible que nos está matando. De tellado en tellado chouto con xenreira e, ó mesmo tempo, cun sorriso nos beizos. Porque sei que como atope esa adversidade que nos amola penso rillarlle a alma. Son o Batman das noites sen ninguén polas rúas. É complicado atopar o mal. Pero buscareino por entre as antenas da capital. Acougarei nos balcóns para berrar, para cantar e para pensar nesa adversidade á que quero matar. Matarei por ti, por aquela e polo outro. Matarei porque teño armas sofisticadas. Porque son o Batman deste tempo escuro, deste tempo turbio, deste tempo que nin corre nin voa, deste tempo que non se move. Xa farei eu que se mova. Que se mova por entre as rúas do silencio, por entre os balcóns dos aplausos e por entre as tristes caras da ansiedade.
Vou loitar con forza e moita bravura porque todos temos dereito a un mañá, a un futuro sen practicamente adversidades. Subo ó batmóbil para percorrer as distancias entre o ben e o mal. Furgo en cada recanto para facer luz na escuridade e aproveitar para deixar un recordo en cada curruncho. No día de mañá, os recordos escribirán a historia dunha loita sen cuartel contra unha adversidade que nos pillou un pouco desprecavidos. Pero vencerémola, vencereina, que para iso son o Batman deste tempo escuro, deste tempo que, o maldito, non quere rematar. Rematará.

Finca Fierro. Mércores, 1 de abril de 2020