Estou esperando a ver se caen os pans cocidos do ceo. Aquí non cae nada. Empeza a caer unha xeada que te cagas, iso si. Engánannos como queren ou cómennos a boroa. Do ceo non caen nin cocidos nin en palla. Por non caer, nin caen as estrelas; como para caer pans, que pensan moito menos.
Cando cansei de esperar e mirar, marchei. Marchei correndo. Para non perder tempo. Se marcho amodiño, a maiores de non chegar nunca, abúrrome. Correndo tamén canso, pero como fixo, como determino metas pequenas, sempre chego. Ás veces é certo que botando os bofes, pero chego. E, se algunha vez descanso, é tan só durante un suspiro; para que o tempo non se me bote encima.
Mentres corría pensaba en que algún día predicaría no deserto. Tal pensamento foi moi curto. Que pinto eu no deserto? É máis, a quen lle predico no deserto? Neste nin tan sequera hai bichos que me tomen en serio. Ante isto, seguen a enganarnos como lles dá a gana ou coma parvos. Predicar no deserto... O mesmo que andar sobre as augas. Menos mal que hai pontes e barcas.
Como remataba o día, deixei de correr e de mirar. Deitei. E fóiseme a cabeza a que alguén me dixo que os do signo do zodíaco xémini teñen aceleración mental. Menos mal que eu son aries. Aínda que case me gustaría ser tamén xémini, a ver se así se me aceleraba algo o entendemento. Pois non consigo entender o dos pans cocidos, nin o de predicar no deserto e, moito menos, andar sobre as augas. Ó mellor son curto de intelecto.
Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Venres, 27 de decembro de 2024
No hay comentarios:
Publicar un comentario