sábado, 21 de diciembre de 2024

NO TREN DO IGNOTO


Collo o tren na estación de Baños de Molgas con destino a ningunha parte, ou con destino a non sei onde. É igual; o caso é marchar. Marcho. Nin tan sequera miro pola ventá os nomes das estacións polas que paso. Oxalá me levara deica o infinito e máis alá. Nun longo túnel a escuridade fíxome soñar esperto. Ó cruzar o mesmo pechei os ollos e seguín soñando: nun peixe que voa, nun salgueiro que enraíza, nunha lagoa que afoga, nun suspiro que latexa, nun espello que reflicte un peito, nunha tatuaxe que se amosa, nun silencio que se escoita e nun berro que estoupa.


No quilómetro non sei cantos pensei que a vida era un ir e vir cargado de esperanza, aínda que a realidade era un ruxerruxe cheo de congoxa, de angustia, de ansiedade e de medo, de moito medo. A vida, ás veces, dá paus de cego. A esperanza é unha quimera e o desexo un esperpento.

“Viaxeiros ó tren”, berraron nunha estación. Eu xa facía tempo que subira coa realidade dando patadas, ou mellor aínda, puñadas de indiferenza. Porén, seguía pasando estación tras estación por unha vía que me levaba ó país de nunca xamais. Máis seguro que fose ó país das almas perdidas, ou da inocencia rota, ou da confianza estragada ou do desdén programado.

Alguén me preguntou se me baixaba na próxima estación. Díxenlle que non. Para que ía baixar? Non hai como non saber a onde me leva a ansia, a pesadume, a tristura, a aflición, a incógnita, o enigma, o misterio. Seguín no tren do ignoto, do descoñecido.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Venres, 20 de decembro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario