lunes, 23 de diciembre de 2024

NA CORTA DE LEÑA


Collín a motoserra e marchei ó monte a cortar acacias, carballos e todo o que se me puxera por diante. Mesmo cabezas. A idea orixinal era esa. Non sei, por unha vez quería ser Leatherface ou Cara de Coiro na “Matanza de Texas”. Xa algunha vez saín co fouciño polas rúas de Baños de Molgas. Así é que teño experiencia en cortar cabezas. O día que saia coa gadaña, ségoas.

Na primeira acacia que atopei non puiden facer uso da motoserra porque había un niño de rula e, para un servidor, as rulas son sagradas. A segunda acacia deixeina porque se me deu por gravar un vídeo. Así de sinxelo, de simple e de raro. Ás veces cometo actos que non cadran. É igual, sempre lle busco tres pés ó gato, que me é moi fácil de atopalos porque teñen catro.


En vez de cortar a terceira mimosa, e como era moi grande, subín a ela e canteille un responso ós carballos, que eran os que realmente pensaba cortar. A corta das mimosas era para facer sendeiro, para librar camiño. O kyrie saía potente da miña voz e, si, con ton morriñento. Son un fanático dos carballos e dáme pena cortalos, pero, por veces, non queda outra.

Na cuarta acacia apaguei a máquina para que o silencio se impuxese sobre o ruído. No silencio a ansia de cortar cabezas converteume de novo en Cara de Coiro; coa limitación, co inconveniente de que, en vez de estar en Texas, atopábame nos montes de Baños de Molgas.

Cando cheguei ós carballos unhas bágoas baixaron polas meixelas, ó mesmo tempo que acendía de novo a motoserra.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 23 de decembro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario