Teño que pescudar, investigar por canto podo vender unha pinga de orballo no deserto do Sáhara. Unha pinga de orballo, aí, non é moco de pavo nin cousa de rir. E sabendo que pode ser a resurrección dun algo enterrado na area. Que unha area do Sáhara non é o mesmo que, por exemplo, da Tapada dos Ferreiros, alá por Baños de Molgas.
Quixen preguntarlle a un entendido deses, un sedimentólogo ou como carallo se chame, e lanzoume un pobre discurso dicíndome que non mesturase o cu coas calzas ou os allos cos bugallos, é dicir, a pinga de orballo coa area, ou o que é o mesmo, a auga coa seca. Recoñezo que o mirei de esguello e que non o insultei porque, no fondo, son un anaco de pan, un toleirán bondadoso. O sedimentólogo deuse conta do meu anoxo e acabou recomendándome que falase, en tal caso, cun bereber.
Disimulei ben, deime de entendido e sabichón, pero a realidade era que non sabía que era iso de bereber. Era a primeira vez que oía esa palabra. Emporiso, deille as grazas ó especialista de nada e marchei, recoñezo, co rabo entre as pernas. Para máis aquel, non había nin un puto lagarto ó sol para preguntarlle.
Seguín camiño polo deserto do Sáhara. Non tardei en atopar a dous homes que levaban unhas túnicas longas con capucha que, máis tarde, me dirían que se chamaban xilabas e que intuín ó momento que tiñan que ser eses bereberes mencionados polo paspán aquel que non me soubo dicir nada. Un dos homes non tardou en dicirme que unha pinga de orballo no medio do Sáhara era máis que ouro. Sorrín. Non quixen saber máis.
Café Kibu. A Valenzá. Venres, 8 de agosto de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario