martes, 5 de agosto de 2025

SAN SALVADOR DE BAÑOS DE MOLGAS


As relixións sempre foron o mal, aínda son o mal de moitas contendas e cada vez creo menos nelas. En realidade, xa non creo nada. Pero a virxe d´Os Milagres e san Salvador de Baños de Molgas van moito máis alá do meu agnosticismo. Teñen outro significado que pouco ten que ver coa relixión. O que menos, o san Salvador. Porén, para min, está por enriba da propia santiña do Medo. Porque é o patrón de Baños de Molgas, o meu lugar de nacemento, o meu todo, e aínda que leve xa case media vida sen vivir nel.


A virxe d´Os Milagres representa todo o que se queira en toda a contorna molguesa e, o día 8 de setembro, para a maioría, é sagrado, como sagrados foron os oito anos que me tirei nese colexio. Pero o san Salvador de Baños de Molgas é o meu patrón, o santo que conviviu a pouco menos de dous metros da miña casa, o santo ó que non lle perdoo a procesión, aínda que, despois, a misa quede tan só no recordo daquela infancia na que a nai, iso si, me facía cumprir co deber de escoitala, ou polo menos de asistir a ela.

Fixádevos que digo sempre san Salvador de Baños de Molgas. Sei que hai moitas parroquias que teñen de patrón a ese santo, pero a min só me interesa o da miña vila, o meu, o dos molgueses. É o noso día.

Ver como sae a percorrer as rúas de Baños de Molgas, co seu acio de uvas colgado e bambeando da súa man dereita, e acompañalo durante todo o traxecto baixo o repenicar (a man) das campás, é a miña relixión anual. Por moito que xa non crea nela, nelas. Poida que non me lembre máis do san Salvador durante todo o resto do ano, pero o próximo 6 de agosto, todos os 6 de agosto, son o Día de Baños de Molgas, a miña vila.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 4 de agosto de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario