Ás veces peco de entendido cando, realmente, non entendo nada. E esbardallo trapalladas sobre a cuadratura do círculo ou sobre o niño de cegoña no campanario da igrexa de Baños de Molgas. A estes cicónidos puxéronselles niños noutros lugares e... non, tivo que ser esa a que o construíse onde lle deu a gana. Certo, ela, a cegoña, entende máis ca min.
Vou de tan entendido que solto ladaíñas como esta: “A seriedade é a máscara que se pon o corpo para ocultar a putrefacción do espírito”. Que si, que vale, a ladaíña solteina eu aquí, pero é do escritor francés Francisco de La Rochefoucauld. Gústame o da putrefacción e o espírito porque, aínda hai poucos días, falaba eu algo sobre o espírito maligno. Dicir espírito maligno é como dicir conciencia ruín. Máis ou menos.
Pecar de entendido é a acción de excederse na demostración de coñecemento ou intelixencia, a miúdo de maneira pretensiosa ou pedante, con chulería. Menos mal que é todo un dicir. Porque, eu, coñecemento, pouco e, intelixencia, ningunha. Aínda que, como se ve, sigo que dálle coas chafalladas que me saen de camiño, no momento ese en que si pero non, ou viceversa.
Pecar de entendido é presumir do que non hai, do que non se pode, aínda que se opte por unha presunta botaporela ou fanfurriñada que, cando deixa de ser presunta, queda en nada. Porque non hai intelixencia e moito menos coñecemento. Pecar de entendido é deixar caer catro palabras de orballo sobre o asunto e quedar tan pancho.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 5 de agosto de 2025
Foto: Igrexa de Baños de Molgas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario