miércoles, 6 de agosto de 2025

ÁS DEZ E...


Ás dez e media da mañá é unha boa hora para recibir un xiro. Iso dicían antes. Tamén é unha boa hora para contemplar o universo e pensar nos biosbardos. Calquera hora é boa para darlle ós esperpentos. Eses nos que o tempo pasa, e así e todo, nada cambia. Hai esperpentos que furgan nas conciencias nocturnas. Polo día as conciencias, os sentidos non se alteran.

Ás dez e trinta e seis minutos a música de Vangelis lévame pola beira esquerda do río Arnoia ó seu paso pola Pitediña. O Arnoia, por aí, vai bastante calmo e a paisaxe é propensa a soñar esperto. Soñar esperto é bonito.


Ás dez e trinta e oito minutos contemplo o bambán das follas dos amieiros e sei que, algunha delas, voará pola atmosfera da memoria, aquela na que todo está para que o tempo se volva pasado, para que do pasado aboien os recordos e para que os recordos gocen o momento. Dicía Einstein que os recordos son enganosos porque están coloreados cos eventos do presente.

Ás dez e corenta e un minutos todo segue máis ou menos igual; os esperpentos facendo das súas e o tema de amor de “Blade Runner” alza, ergue, eleva a Vangelis ó olimpo dos mestres, quizais o tema de amor máis bonito de todas as bandas sonoras cinematográficas.

Ás dez e corenta e tres minutos rematan os esperpentos dunha mañá con sol, dunha mañá con barullo, dunha mañá con présas ou con demasiada parsimonia, dunha mañá de agosto, mes no que está o segredo dos doce meses completos.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 1 de agosto de 2025


Foto: O río Arnoia ó seu paso pola Pitediña (Baños de Molgas)

No hay comentarios:

Publicar un comentario