viernes, 15 de agosto de 2025

O PARVO DA CONTORNA


Fixen unha enquisa entre todos os habitantes da contorna para saber quen era o máis parvo. O asunto asomou porque, desde hai anos, hai discusións sobre listos e parvos. A enquisa puiden moi ben facela para saber dos listos, pero optei polos parvos polo detalle aquel de que, por vergonza, ninguén votaría a ninguén. A miña sorpresa foi maiúscula cando vin que todos os votos recaeran en min. Era o parvo da contorna! Nin vergonza nin rabo de gaitas: 10 votos, 10 papeletas co meu nome. Sinceramente, quedei coa boca aberta e, iso si, papando vergoña.


A ver, tampouco é para tanto. Dos 11 habitantes que somos, 10 son licenciados en algo. Algunhas licenciaturas, como son parvo, nin tan sequera sei moi ben de que van, que significan. Outras si, porque parvo parvo penso que non son. Eles cren que si; eu opino máis ben que só son medio parvo. Alá eles cos seus votos.

Hai un licenciado en dereito, que iso sei o que é: avogado. Que me pregunto se non será el máis parvo ca min, xa que nunca oín falar ben dos avogados; mentres que a min só me chaman parvo e nada máis. Hai un especialista de fútbol, aínda que nas discusións de bar sempre o deixo retratado. Temos un astronauta que nunca irá á lúa. Eu polo menos teño o traxe no faiado. Hai un especialista de xeografía que nunca goldrou un río e que non distingue uns outeiros doutros. Temos un que presume de político porque fai de pedáneo, pero sempre ten dúbidas á hora de votar; é dicir, un virachaquetas. Hai catro licenciados máis: en química, economía, obras públicas e informática. E o último é o máis listo de todos, que entende de todo e non sabe de nada. Eu son o parvo que lles digo a todos que si.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 11 de agosto de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario