sábado, 9 de agosto de 2025

A INCONGRUENCIA DAS GUERRAS


O pasado mércores, 6 de agosto, celebrouse o 80 aniversario da masacre das masacres: o bombardeo atómico que Estados Unidos lanzou sobre Hiroshima. En cada celebración deste ou doutros acontecementos ou aniversarios sobre guerras, sempre se solta a famosa ladaíña de “oxalá non volva pasar nunca”. Pero pasa. Tamén sempre deixamos caer aquilo de que “non aprenderemos nunca”. Non aprendemos nunca. Outra das expresións máis usadas é a de “en pleno século tal que pase isto...”. Está pasando en pleno século XXI. Pasará no século XXII. E no XXIII. E no XXIV. E no MMD se é que a humanidade chega alá. Porque mentres haxa humanidade, mentres existan dous seres humanos xuntos, haberá liortas, camorras, altercados, porfías, disputas... guerras. Mesmo penso que con tan só un ser humano haberá guerra... consigo mesmo. Porque somos propensos a acaparar todo o que se poida: poder, territorios, almas, conciencias, cartos, vontades, poder, poder, poder.


Nun mundo que presume de avances tecnolóxicos, de cumes internacionais pola paz, de proclamas universais sobre os dereitos humanos, aínda persiste a vella costume da guerra. Non hai maior incongruencia que a dun planeta capaz de enviar sondas a outros mundos, sexa incapaz de garantir unha vida digna no seu.

As guerras non se presentan como monstros evidentes. Disfrázanse. Ás veces vístense de operacións especiais ou de misións de pacificación ou de defensa preventiva. Un eufemismo tras outro para edulcorar, adozar, dulcificar o acto máis brutal e primitivo da política: matar para impoñer unha vontade. E o peor de todo non é só a violencia en si, senón a desvergonza con que se xustifica.

Os políticos falan de protección de valores mentres ordenan bombardeos que destrúen incluso cidades enteiras. A súa propia linguaxe vólvese cómplice de tales accións: non morren nenos, “hai danos colaterais”; non se arrasan pobos, “neutralízanse obxectivos”. E así, con descaro, sen vergonza.

Ante tanta realidade, temos que preguntarnos se somos incapaces de aprender ou simplemente non queremos? A incongruencia da guerra radica en que, a pesar de coñecer a súas consecuencias devastadoras, seguimos repetíndoa coma se fora inevitable. E quizais a verdadeira desvergonza estea na resignación, en aceptar que así son as cousas. E así son, século tras século, época tras época mentres un só ser humano siga neste planeta cheo xa de masacres.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 9 de agosto de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario