sábado, 16 de agosto de 2025

SILENCIADO POLAS BALAS FRANQUISTAS


Ás cinco menos cuarto da madrugada de tal día coma hoxe de 1936 (hai 89 anos), no punto quilométrico 1,7 do camiño que vai da localidade de Víznar ata a de Alfacar, a uns oito quilómetros de Granada, nun barranco, os franquistas asasinaron a Federico García Lorca, unha das voces máis brillantes e universais da literatura española. A súa morte, nos albores da Guerra Civil, non só tronzou, mutilou, frustrou unha carreira artística de extraordinaria potencia, senón que se converteu en símbolo da violencia exercida contra a liberdade de pensamento e a creación artística.

Nado en Fonte Vaqueiros en 1898, lograra, en apenas 40 anos de vida, situarse coma un referente poético e teatral de primeira magnitude. A súa sensibilidade para captar a esencia popular, xunguida a unha extraordinaria modernidade estética, convertérono na principal figura da Xeración do 27. Obras como “Romanceiro xitano”, “Vodas de sangue”, “Erma” ou “A casa de Bernarda Alba” consolidárono coma un autor capaz de unir a tradición oral andaluza coas vangardas europeas.


Federico García Lorca foi moito máis que un escritor. Foi un intelectual comprometido coa liberdade, a igualdade e a diversidade. Fundou e dirixiu A Barraca, un grupo de teatro universitario co que recorreu aldeas e vilas de España para levarlle ás clases populares obras clásicas do Século de Ouro. Defendía os dereitos dos marxinados, dos xitanos, das mulleres e tamén dos homosexuais. Só con isto último sería suficiente para que fose acosado, perseguido e asasinado.

Todo iso, máis as súas simpatías pola República e o seu espírito inconformista, convertérono en obxectivo dos sectores máis reaccionarios. Tras o golpe militar do 18 de xullo de 1936, a represión desatouse con especial crueza en Andalucía. Granada, a súa cidade, axiña caeu nas mans dos sublevados.

A Lorca detivérono o 16 de agosto. Dous días despois, sen xuízo nin tempo que perder, executárono á beira doutros prisioneiros. Nunca se atopou o seu corpo e a fosa onde xace segue a ser un dos maiores enigmas da memoria histórica española. O poeta granadino converteuse en mártir, nunha figura que encarna a traxedia da Guerra Civil e a represión das ideas libres. Federico García Lorca foi silenciado polas balas franquistas, pero a súa voz poética resoa con máis forza que nunca.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 16 de agosto de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario