domingo, 3 de agosto de 2025

A RISA


Dóeme a barriga de tanto rir. A pesar de ter cara de ferreiro. É que eu río por dentro. Contraio as tripas e axiña noto como roxen, como se revolven. Tamén os meus músculos saben rir. Os pectorais que non teño bailan unha mazurca para dous mortos. Os bíceps que tampouco teño tremelican unha ocasión de desespero. De desespero, pero rindo.

É certo que ás veces rise por non chorar, pero é en poucas ocasións. Case sempre se ri de alegría. Eu río sempre de alegría aínda que a miña cara meta medo. Medo pola expresión, non pola fealdade. A esta, a xente xa está acostumada.


Case sempre estou rindo. Mesmo cando me espetan subelas ou alfinetes. Penso que son algo así coma un faquir e, realmente, faime graza. Aínda que nese instante estea berrando de dor. Sufrindo e padecendo río igual. Incluso cando me contan un chiste, cando me gastan unha broma.

É bonito rir interiormente. Exteriormente non é bonito porque nunca foi fermosa a miña cara; nunca tiven fermosura e case sempre a teño de banqueta. Non todos somos modelos de sorrisos dentífricos.

Por dentro río ás duras e ás maduras. Río cando alustra e cando a noite está completamente escura. Río desde a ponte vella de Baños de Molgas e desde o mesmo centro da lúa chea. Río cando ouleo e cando berro, cando ladro e cando quedo en silencio. Río baixo a estatua da Liberdade e correndo tras os canguros de Australia. Río fino, río gordo, río delgado, río cristal, río serio e río deitado. A risa é o fogo que queima as bágoas, dicía aquel. A risa é o sol que escorrenta o inverno do rostro humano, dicía Víctor Hugo.


Café Kibu. A Valenzá. Mércores, 30 de xullo de 2025


Foto: Ponte vella de Baños de Molgas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario