jueves, 7 de agosto de 2025

QUEIXARSE DE VICIO


A xente quéixase da calor. A xente quéixase de vicio. Calor tivérona os sevillanos o 4 de agosto de 1881, que rexistraron a temperatura máis alta de Europa: 50º C. Aínda así, seguro que se queixaron de vicio. Que temperatura é esa! Se eu vivira nesa época, seguro que ás tres da tarde lería pola carrilleira que levaba de Baños de Molgas a Os Milagres. Calor a min... Cunha ollada miña conxelo polo menos 30º C.


Conxelado case quedei hai un anaquiño cando me crucei cun home que mesmo pensei que era Stan Lee. Aclarar que Stan Lee foi o o cocreador de personaxes icónicos do mundo do cómic, os do universo Marvel; que tamén quixo emular a don Alfred Hitchcock aparecendo fugazmente en escenas das súas películas. Hitchcock só hai un. Incluso en “Náufragos”, película que se desenvolve nun bote, como resolvería o asunto para aparecer tan só uns segundos? Listo coma un allo, plantou o seu careto na páxina dun periódico, máis en concreto, nun anuncio de perda de peso. El, precisamente el, que por esa época andaba entre os 110 e 135 quilos. Un xenio do suspense amosando o seu humor autocrítico.

Hoxe é verdade que non se conxela un nin pola sombra. Pero tampouco é coma para queixarse da calor. Nin me quedaría conxelado se realmente me cruzara con Stan Lee. Mirade por onde, se cadra si quedaba medio teso se o cruzamento fora con don Alfred Hitchcock. Hitchcock era moito Hitchcock. Tanto que, ese si, deixaba conxelados de terror, de suspense, de medo as mentes dos espectadores cos seus filmes.


Café Kibu. A Valenzá. Venres, 1 de agosto de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario