jueves, 23 de abril de 2026

MANUAL DE INUTILIDADE TECNOLÓXICA


Quixen manipular nunha aplicación do móbil e non houbo maneira. En asuntos informáticos, tecnolóxicos e de redes sociais ando peixe. Aínda que o peixe non anda, que nada. Eu tampouco arreo, non tiro cara adiante porque, agora mesmo, estou quieto. Igual ca o móbil.

Está quieto porque non sei manexalo. Eu son máis de escribir, de andar, de ler, de berrar e de asubiar. Eu son o rei do polo frito. Perdón, ese era Ramoncín. Menos mal que si son rei de min mesmo. Porque, máis alá diso, non son nada: non sei mandar e nin sequera consigo mandar na aplicación do móbil.

Ó mellor é porque non o intento demasiado. Porque non experimento. Porque non furgo nin fochico. Dúas palabras ben fermosas. E as dúas empezan por efe: furgar e fochicar.


Furgar: escarvar superficialmente en algo; manipular algo alterando a súa disposición; ou andar co dedo no nariz. Deste último significado hai moitos exemplos. Abonda con parar nun semáforo e contemplar o panorama: máis dun condutor anda furgando nesa protuberancia.

Fochicar: escarvar na terra; manipular cousas que estaban en orde deixándoas revoltas ou en mal estado; facer calquera cousa a medias e sen maña; ou realizar o acto sexual. Esta última é a mellor definición: a que máis enche, a que máis se goza, a que máis se desexa.

Furgando e fochicando no móbil non saquei nada en claro. Mellor dito: non saquei nada. Porque para certas cousas non valgo un carallo.

Respiro porque, se non o fago, afogo. E por sorte sigo vivo... furgando e fochicando no móbil, a ver se a sorte acompaña, se nace un corvo branco, se soa a frauta. Aínda que, pensándoo ben, pouco vai soar. Porque onde non hai intelixencia, pouco se pode resolver.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 21 de abril de 2026

No hay comentarios:

Publicar un comentario