O outro día, unha amiga deixoume tres libros que acababa de mercar nunha libraría de segunda man. Xa máis dunha vez me confesara que tiña os seus propios métodos para escoller lecturas: pola portada, polo título, por algo que lle chamase a atención e mesmo por pura intuición. Penso que moitos —á marxe daqueles autores que coñecemos de sobra— seguimos tamén algún deses criterios. Eu, por exemplo, engadiría outro: o volume. Sempre me tentaron os voluminosos, quizais porque me gusta pensar que me van acompañar durante máis tempo.
Un dos que me deixou vese ás leguas que o escolleu polo título: “O estraño caso da rapazola que entrou polo meu despacho adiante”, novela que o escritor portugués José Pinto Carneiro publicou en 1995.
O libro é curtiño —191 páxinas— e, malia a contar con algúns parágrafos bastante longos, lese con facilidade. E menos mal que é curto, porque, sinceramente, fóra do propio título —que si resulta rechamante—, pouco máis ten. Ademais, como o propio autor nos vai advertindo ou recoñecendo continuamente que na vida real non suceden as cousas que lles pasan ós protagonistas das películas, non fai falta ser moi listo para decatarse de que está a reproducir, ó pé da letra, todos os tópicos do cinema de detectives, gánsteres e policías.
Ó principio, a maneira de narrar de José Pinto mesmo consegue arrincar algún sorriso... ata que esa mesma fórmula empeza a cansar, e cansa, e cansa, e un acaba desexando chegar á última páxina, agradecendo polo camiño que o libro teña só 191. Iso si, nunha cousa estou totalmente de acordo coa miña amiga: o mellor da novela é o título.
Finca Fierro. Barbadás. Mércores, 27 de maio de 2026

No hay comentarios:
Publicar un comentario