No descanso do partido Noruega-Portugal, púxenme a ver a televisión. Semella unha incongruencia pero paso a explicala. Levaba anos sen vela, aínda que sempre sigo os finais de etapa do Tour de Francia, da Volta Ciclista a España e dos partidos da selección española de fútbol. Durante os descansos destes, collía o libro e poñíame a ler. Pero o outro día decidín saber como andaba o mundo televisivo.
Empecei a facer zapping e descubrín, por exemplo, tres cadeas que non coñecía: Veo 7, Squirrel e Squirrel 2. Vin que aínda seguían emitindo “La que se avecina”, “Crimen en el paraíso” e algún programa máis que xa non lembro. A verdade é que a miña relación coa televisión ten o seu aquel: acéndoa todos os días, si, pero practicamente só para ver eses deportes comentados e algún que outro acontecemento tamén deportivo e, iso si, películas. O caso é que estas últimas agora véxoas nas plataformas, que me resultan máis cómodas.
Mirade se é rara a relación que, precisamente agora, cando podería estar vendo a televisión a todas as horas debido ás tarefas gastronómicas que teño que realizar, é cando menos televisión vexo. Houbo un tempiño no que poñía Canal 24 Horas para estar ó tanto das noticias, pero, claro, como as repetían tantas veces, tamén me chegou a aburrir. Solución: apagar a televisión.
Agora, mentres fago esas tarefas gastronómicas, adoito escoitar música, que, como ben se sabe, amansa ás feras. E así, sen apenas decatarme, a televisión foi quedando nun segundo plano, substituída polo son da música e, cando chega o momento de descansar, polo silencio das páxinas dun libro.
Tamén teño televisión na habitación. Pero, cando me vou á cama, gozo máis co libro que con esas trapalladas que, segundo vin, aínda seguen botando.
Finca Fierro. Barbadás. Martes, 29 de setembro de 2026

No hay comentarios:
Publicar un comentario